Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Martes, 16 de maio de 1995 Páx. 3.630

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 24 de abril de 1995 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da fundación Salud y Sociedad José Antonio Valiela.

Con data do 10 de febreiro de 1995 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 27 de xaneiro de 1995 pola que se clasifica como de interese sanitario a fundación Salud y Sociedad José Antonio Valiela, adscribíndoa á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 4 dos seus estatutos, ten os seguintes obxectivos:

1. Constituírse en lugar de encontro das persoas que compartiron tempo e actividades con José Antonio Valiela e, por extensión, de todas aquelas que, desde calquera ámbito de opinión e actividade profesional, poidan estar interesadas no desenvolvemento destes obxectivos.

2. Fomenta-lo estudio e investigación en políticas de saúde e de protección social.

3. Organizar foros de opinión e debate sobre temas do máximo interese en políticas sociais e de saúde, de acordo con criterios de pluralidade de ideas, rigor e innovación científico-técnica.

4. Cooperar con outras institucións e organismos no impulso de políticas equitativas e solidarias de saúde.

5. Cooperar con outras institucións e entidades en tarefas de formación e perfeccionamento profesional.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

e seguindo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a fundación Salud y Sociedad José Antonio Valiela, ó cumpri-los seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordena-la inscrición da fundación Salud y Sociedad José Antonio Valiela no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de lles dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a lle render contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula, e debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 1995.

José M. Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais