Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 15 de maio de 1995 Páx. 3.591

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 132/1995, do 10 de maio, polo que se modifica o Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulación de avales do Instituto Galego de Promoción Económica.

Mediante a Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e a Lei 1/1994, do 30 de marzo, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1994, o Parlamento de Galicia autorizou ó Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) a concesión de avales. Para o cumprimento de ámbolos dous preceptos dictouse o Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulación de avales do Igape, marco regulamentario polo que se veu rexendo ata a data a concesión de avales polo dito instituto.

Considerando que as crecentes necesidades de financiamento do sector privado de Galicia aconsellan ampliar e diversifica-lo ámbito de actuación

do Instituto Galego de Promoción Económica en materia de concesión de avales, díctase o presente decreto.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de maio de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbanse as seguintes modificacións nos artigos que se sinalan no Decreto 284/1994; do 15 de setembro, de regulación de avales do Instituto Galego de Promoción Económica:

1. Dáselle nova redacción ó número 4 do artigo 2º.

«4. Igualmente, poderán avalarse as empresas polas operacións ou actividades que resulten de especial interese socio-económico para Galicia, segundo acordo da Comisión Delegada da Xunta de Galicia para Asuntos Económicos».

2. Engádeselle un número 5 ó artigo 2º:

«5. Así mesmo, o Igape poderá reavalar diante das sociedades de garantía recíproca domiciliadas en Galicia e ata o 25% do risco que estas asuman como primeiras avalistas da operación, a aquelas empresas acollidas ós programas de fomento empresarial, que para tal fin se concerten entre o Igape e as ditas sociedades de garantía recíproca».

3. Dáselle nova redacción á letra b) do número 1 do artigo 5º:

«b) Poderán garantir ata o cento por cento do principal dos créditos e demais liñas ou operacións financeiras destinadas a reconversión ou reestructuración de empresas e ata o setenta por cento dos destinados á súa creación ou ampliación. Respecto dos xuros, aplicarase o que se determine no contrato de aval».

54. Engádeselle unha letra i) ó número 1 do artigo 6º:

«i) A proposta de concesión de crédito ou liña de financiamento de que se trate pola entidade ou entidades financeiras ante quen se prestaría a garantía solicitada».

5. Engádeselle un número 3 ó artigo 6º:

«3. Nos supostos a que se refiren os números 4 e 5 do artigo 2º, así como nos avales técnicos ou de similar natureza, o Consello de Dirección do Igape poderá eximi-lo solicitante da presentación daquela parte da documentación prevista no número 1 deste artigo, que non resulte relevante para a concesión da garantía solicitada».

6. Engádeselle un número 3 ó artigo 8º:

«3. Excepcionalmente, o Consello de Dirección do Igape poderá acordar que os avales que se presten ó abeiro do establecido nos números 4 e 5 do artigo 2º non devenguen comisión ningunha».

7. Engádeselle un parágrafo ó artigo 9º:

«Non obstante o anterior, cando se trate de avales concedidos ó abeiro do previsto nos números 4 e 5 do artigo 2º, o Consello da Xunta de Galicia poderá excepciona-la presentación de garantías».

Disposicións derradeiras

Primeira.-O conselleiro de Economía e Facenda poderá dicta-las normas necesarias para a aplicación do disposto neste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de maio de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda