Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 15 de maio de 1995 Páx. 3.592

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 18 de abril de 1995 pola que se clasifica como cultural a Fundación Cultural da Estrada.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Cultural da Estrada, con domicilio na Estrada, Avda. de Benito Vigo, nº 112.

Supostos de feito.

1.-Que o alcalde do Concello da Estrada, en aescrito do 7 de outubro de 1994, formulou solicitude de clasificación dela para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2.-Que a fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Estrada, o día 9 de xuño de 1994, ante o notario do Ilustre Colexio de Galicia Nelson Rodicio Rodicio, co número oitocentos sesenta e un do seu protocolo, polo Concello da Estrada, intervindo na súa representación o alcalde, Ramón Campos Durán. O 30 de xaneiro de 1995 outórgase na Estrada escritura de modificación de estatutos ante o mesmo notario e polo mesmo comparecente. Con data do 30 de marzo de 1995 outórgase escritura de cesión polo Concello da Estrada.

3.-Que, segundo consta no artigo catro dos seus estatutos, o obxecto da fundación é destinar e afectar un patrimonio á realización, sen ánimo de lucro, de fins xerais de interese galego no ámbito sectorial a que a súa denominación e fins se contraen. En xeral, son fins da fundación a promoción de actividades educacionais, culturais e calquera outra que teña por obxecto a promoción e desenvolvemento destas na Estrada. En particular, e con base no sinalado anteriormente, establécese como actividade

desta fundación para o cumprimento dos seus fins a xestión da emisora municipal Radio Estrada.

4.-Que o padroado da fundación estará constituído por sete membros, sendo presidente o alcalde e vocais, cinco concelleiros respectando a proporcionalidade do Pleno da Corporación. Os decimais redondearanse por exceso ou por defecto. Ademais, un membro en representación de tódalas asociacións que soliciten e obteñan o acordo favorable de incorporación. O padroado elixirá, de entre os seus vocais, un vicepresidente.

5.-Que a comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevou ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como cultural da Fundación Cultural da Estrada, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1.-Que o artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e que o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia lle outorga competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2.-Que, de acordo co disposto no artigo 32.2 c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3.-Que, á vista do que antecede, se poden considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 17 de abril de 1995.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como cultural a Fundación Cultural da Estrada, adscribíndoa á Consellería de Cultura, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública