Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 12 de maio de 1995 Páx. 3.551

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 5 de abril de 1995 pola que se convocan para o curso 1995-1996, con carácter experimental, proxectos de orientación educativa en centros públicos de educación secundaria de Galicia dependentes desta consellería, e se dan normas para prorroga-los actualmente existentes.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 31 a competencia plena desta comunidade para regular e administra-lo ensino, en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no seu artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, inclúe como parte da función docente a titoría e a orientación educativa e profesional, e establece o dereito do alumnado a recibir esta orientación nos campos psicopedagóxicos e profesional.

Estando previsto para o curso 1995-1996 continua-la implantación anticipada da educación secundaria obrigatoria, faise necesario dotar-los centros que a levarán a cabo das mesmas condicións coas que se espera que deberán desenvolver no futuro a súa tarefa educativa. Neste desenvolvemento, a orientación académica, psicopedagóxica e profesional é un dos factores que favorecen a calidade e mellora do ensino.

Seguindo, por outra parte, coa liña iniciada no curso 1988-1989, que prevía a incorporación progresiva dos centros de ensinanzas medias e de formación profesional ó programa experimental de proxectos de orientación educativa,

DISPOÑO:

1. Convocar para o curso 1995-1996, con carácter experimental, un máximo de 25 novos proxectos para a implantación progresiva da orientación educativa en centros públicos de educación secundaria dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, con cargo á aplicación orzamentaria 07.03.322B.229. De acordo coas dispoñibilidades económicas, a dirección xeral transferiralle-las axudas ós centros como complemento dos gastos de funcionamento a través das delegacións provinciais correspondentes. Os proxectos seleccionados serán autorizados de acordo coas normas contidas na presente orde.

2. A orientación educativa, psicopedagóxica e profesional dos centros incluirá, entre outras, as seguintes funcións:

a) Coordinar, apoiar e ofrecer soporte técnico ás actividades de orientación e titoría que os profesores realizan no centro cos seus alumnos.

b) Facilitarlle ó profesorado a utilización na aula de técnicas específicas relativas a hábitos de traballo, técnicas de estudio, programas de ensinar a pensar e outras técnicas semellantes.

c) Proporcionarlles ós profesores instrumentos educativos que permitan un ensino máis efectivo para os alumnos con problemas.

d) Colaborar na pronta detección de problemas ou dificultades educativas, de desenvolvemento ou aprendizaxe, que presentan os alumnos ou alumnas, e na rápida intervención para tratar de remedialos.

e) Proporcionarlles ós alumnos unha orientación académica e profesional diversificada e individualizada, co fin de capacitalos para a propia orientación no momento actual e futuro.

f) Participar no deseño e aplicación de programas individuais de diversificación curricular para os alumnos maiores de dezaseis anos, así como de adaptacións curriculares para o alumnado con necesidades educativas especiais.

g) Proporcionarlles información e orientación ós alumnos, sobre as distintas alternativas educativas e profesionais que en cada momento se lles presentan na súa elección.

h) Promove-la cooperación entre a escola e os pais para unha maior eficacia e coherencia na educación dos alumnos e das alumnas.

i) Participar na elaboración do proxecto educativo de centro.

k) Elaborar propostas para a realización de actividades que fomenten a convivencia, a integración e a participación do alumnado.

l) Asistir ás sesións de avaliación co fin de proporcionar e recibir información sobre os alumnos, así como para facilitar que as devanditas sesións se axusten ós principios de avaliación continua, formativa e orientativa.

m) Asegura-la conexión do centro cos correspondentes equipos psicopedagóxicos de apoio das provincias e cos centros de educación xeral básica/primaria da zona.

3. A dirección destas funcións asumiraa un profesor ou profesora numerarios do centro, preferentemente co título de licenciado en pedagoxía ou psicoloxía. Para este fin, o claustro do centro poderá elixir un profesor con destino definitivo no mesmo. O profesor elixido, durante o tempo que dure a experiencia, terá unha dedicación semanal de nove horas lectivas, dedicando o resto da súa xornada ás tarefas e funcións citadas no apartado anterior.

4. Para o desenvolvemento do proxecto presentado ó solicita-la súa incorporación á experiencia do programa de orientación educativa e profesional, será necesario o compromiso expreso por parte do claustro de profesores e do consello escolar de corresponsabilizarse deste.

5. Os centros ordenarán esta actividade de orientación baixo a responsabilidade do orientador, con participación activa dos profesores titores nas horas que lles corresponden por titoría, dependendo o programa da xefatura de estudios do centro.

6. Os centros que desexen tomar parte nesta convocatoria e que reúnan as condicións esixidas formularán as súas solicitudes a través dunha instancia axustada ó modelo que figura no anexo, e á que unirán a seguinte documentación:

a) Proxecto de orientación educativa cun máximo de vinte páxinas, onde se especificará o modo no que se prevé levar a cabo no centro as funcións sinaladas no apartado 2.

b) Certificación da acta do claustro do centro e do seu consello escolar, onde conste a aceptación do anterior proxecto e o compromiso de cumpri-los requisitos da presente orde, con detalle do número de votos emitidos en favor da aceptación.

c) Proposta do profesor elixido para asumi-las funcións de orientación educativa facendo consta-los seus datos persoais, profesionais e currículum.

d) Aceptación expresa por parte do profesor elixido para dirixi-lo proxecto presentado.

7. O prazo de presentación de solicitudes para participar nesta experiencia rematará trinta días despois da publicación da presente orde. Se nesta data o claustro de profesores ou o consello escolar non puideran aínda manifestarse, poderase aproba-lo proxecto coa condición de que, no prazo máis breve posible, se remita a documentación a que fai referencia o apartado 6 b) desta orde.

8. As solicitudes e documentación complementaria deberanse presentar na delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da provincia correspondente, no rexistro xeral da devandita consellería, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As delegacións provinciais remitirán nun prazo de dez días a documentación presentada á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros.

9. Para a selección dos proxectos constituirase unha comisión integrada por:

-A subdirectora xeral de Ordenación Educativa, ou persoa en quen delegue.

-O subdirector xeral da inspección central, ou persoa en quen delegue.

-A xefa do Servicio de Ordenación e Innovación Educativa.

-Un membro do gabinete psicopedagóxico da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Dous profesores-directores de proxectos de orientación educativa e profesional.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, que actuará como secretario.

10. Serán seleccionados os proxectos que a comisión considere máis satisfactorios, cun número máximo de vintecinco, atendendo ós criterios de:

a) Participación no programa de implantación anticipada da educación secundaria obrigatoria;

b) Calidade do proxecto de orientación educativa presentado polo centro, no marco do proxecto educativo do mesmo;

c) Necesidades peculiares, pedagóxicas e sociais propias de cada centro;

d) Cualificación, experiencia e titulación da persoa proposta para a dirección do proxecto educativo;

e) Participación nos programas experimentais de reforma educativa ou de integración.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non recibiren contestación expresa no prazo de tres meses, contados desde que rematou o da presentación destas.

11. Os profesores designados para dirixi-los proxectos nos centros que sexan elixidos para a experiencia comprometeranse a participar nun curso ou seminario de formación, organizado ó comezo de curso pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros.

12. A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros organizará xornadas de seguimento que permitan o intercambio de experiencias e a formación permanente do profesorado encargado dos proxectos de orientación.

13. A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros poderá adopta-las medidas oportunas para establece-la coordinación necesaria entre os centros seleccionados, así como para efectua-lo seguimento das actuacións realizadas e dos resultados obtidos.

14. Ó remata-lo curso escolar os centros seleccionados remitirán unha memoria, acompañada de cantos informes doutros órganos educativos consideren pertinentes, á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros.

15. As experiencias de orientación educativa comezadas en cursos anteriores enténdense automaticamente prorrogadas para o curso 1995-1996 nas mesmas condicións inicialmente establecidas, a menos que se produza:

a) Acordo maioritario do claustro e do consello escolar do centro polo cal, tras unha valoración negativa da experiencia, decidan non continuala. Este acordo deberalle ser comunicado á antedita dirección xeral;

b) Valoración negativa da experiencia nun determinado centro evidenciada na memoria e que, co oportuno informe da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, aconselle non autoriza-lo seu mantemento no próximo curso;

c) Non cumprimento dalgún dos requisitos establecidos na orde de convocatoria á que se acolleron para a súa aprobación.

16. Os centros poderán modifica-lo proxecto de orientación co que comezaron a experiencia. Neste caso, na presentación das modificacións propostas deberán xunta-la certificación de actas de sesións do claustro e do consello escolar nas que foron aprobadas tales modificacións.

17. No caso de renuncia do profesor designado, traslado deste a outro centro ou calquera outro motivo, o centro poderá propoñer a outro profesor ou profesora para encargarse da orientación educativa, de acordo cos requisitos e condicións que figuran na presente orde. Neste suposto, na presentación das preceptivas actas do claustro e do consello escolar do centro deberá xunta-la información sobre os feitos que xustifican a proposta doutra persoa diferente.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Sr. Director Xeral de Ordenación Educativa e Centros.

ANEXO

D/Dª... director/a do centro público de... solicita tomar parte na convocatoria, con carácter experimental, de proxectos de orientación educativa, para o curso 1995-1996, de acordo coa Orde do 5 de abril de 1995, polo que se achega a documentación sinalada no apartado 6 da devandita orde.

a)

b)

c)

d)