Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 12 de maio de 1995 Páx. 3.548

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 25 abril de 1995 pola que se regula o réxime de concesión de subvencións ás federacións deportivas galegas para plans especiais de promoción e tecnificación deportiva durante 1995.

Coa finalidade de que as federacións deportivas galegas atendan o desenvolvemento de plans especiais de promoción e tecnificación deportiva que contribúan a mellora-lo nivel deportivo galego, os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia habilitan crédito dirixido ó cumprimento deste obxectivo.

Para tal fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º

As subvencións que se regulan ó abeiro da presente orde atenderanse con cargo á aplicación orzamentaria 04.04.355-A.480.00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995, cunha dotación económica de corenta e seis millóns de pesetas (46.000.000 de ptas.), e irán destinadas ó desenvolvemento de plans especiais de promoción e tecnificación deportiva.

Artigo 2º

Poderán solicitar subvencións ó abeiro da presente orde as federacións deportivas galegas inscritas no Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Artigo 3º

As solicitudes formalizaranse nos impresos oficiais, segundo o modelo que se xunta como anexo á presente orde. Achegarase tamén:

A) Proxecto da actividade que se pretende realizar.

B) Orzamento de ingresos e gastos da actividade.

As solicitudes presentaranse no rexistro da Secretaría Xeral para o Deporte (Estadio Multiusos de San Lázaro, s/n, 15890 Santiago de Compostela), ou ben por calquera outro dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes rematará ós quince días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º

Unha vez recibida a documentación das solicitudes de subvención, a Secretaría Xeral para o Deporte convocará a comisión avaliadora encargada de xulgalas, que estará formada polas seguintes persoas:

Presidente: subdirector xeral de Deportes.

Vocais:

-Xefe do Servicio de Coordinación Deportiva.

-Xefe da Sección de Programación e Actividades Deportivas.

Secretario: un funcionario da Secretaría Xeral para o Deporte.

Unha vez estudiadas pola comisión avaliadora as documentacións dos solicitantes, a Secretaría Xeral para o Deporte poderá presentarlles ás distintas entidades os reparos ou suxerencias que crea necesarios para axustalas ós obxectivos desta orde, co fin de que se realicen as oportunas correccións nun prazo de dez días hábiles a partir da data de notificación.

Para a concesión das subvencións a comisión avaliadora terá en conta os seguintes criterios:

-Obxectivos da actividade que se vai desenvolver.

-Duración e lugar onde se desenvolverán as actividades.

O presidente da comisión avaliadora, á vista da acta desta, elevará proposta ó secretario xeral para o Deporte para a resolución definitiva das subvencións.

Artigo 5º

A resolución das subvencións será notificada ós solicitantes nun período de tres meses, contados desde a finalización do prazo de presentación das solicitudes. Esgotado o dito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente (artigo 43.2º c), a contrario sensu, da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común).

Artigo 6º

Os beneficiarios de subvención poderán recibir ata un máximo do oitenta por cento da contía concedida como pagamentos parciais. Para o seu cobro, as entidades remitirán á Secretaría Xeral para o Deporte certificación expedida polo seu secretario, co visto e prace do seu presidente, na que se faga consta-lo importe do pagamento que solicitan, coa relación detallada do gasto incorrido, segundo o proxecto aprobado, na que se especifiquen os perceptores, co número de CIF ou NIF, contía e motivo do gasto.

Para a percepción do resto da subvención, unha vez rematada a actividade, no prazo de un mes, os beneficiarios presentarán a memoria da actividade realizada e certificación expedida polo seu secretario, co visto e prace do seu presidente, na que se faga consta-la aplicación definitiva dos fondos. Na certificación especificaranse os perceptores, co número de CIF ou NIF, contía e motivo do gasto. Os xustificantes orixinais dos gastos deberán ser custodiados pola correspondente entidade e quedarán á disposición da Secretaría Xeral para o Deporte para posibles comprobacións.

Artigo 7º

Obrigas das entidades ás que se lles concede subvención:

A) Comunicarlle á Secretaría Xeral para o Deporte a obtención de subvencións ou axudas para as mesmas finalidades, procedentes de calquera Administración ou de entes públicos.

B) Non poderán modifica-lo programa aprobado da actividade subvencionada sen a expresa autorización da Secretaría Xeral para o Deporte.

C) A Secretaría Xeral para o Deporte poderá facer comprobación e control das actividades que se subvencionan con cargo á presente orde. Ademais poderá encarga-la realización de auditorías ou de verificacións contables ás entidades receptoras de subvencións, co aviso previo de quince días hábiles antes da data da realización.

Así mesmo, os beneficiarios de subvención quedan sometidos ás actuacíóns de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda e as previstas na lexislación do Consello de Contas.

D) Emprega-lo distintivo do «Deporte Galego» da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia en tódalas actividades e comunicacións que promovan.

Artigo 8º

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise o disposto nesta orde, a Secretaría Xeral para o Deporte poderá anula-la subvención concedida, logo da audiencia do interesado. Neste suposto, o beneficiario non poderá solicitar outra subvención, mentres non sexa devolta a anterior no suposto de que fose anulada, de acordo co réxime previsto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 9º

Nos aspectos non contidos na presente orde, haberá que aterse ó disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e no artigo 35 da Lei 6/1994, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995.

Disposición adicional

No que se refire ós prazos de execución, poderán subvencionarse plans desenvolvidos polas federacións deportivas galegas desde o 1 de xaneiro de 1995, sempre que as actividades se consideren importantes para a promoción e tecnificación deportiva e cumpran os requisitos e condicións establecidas nesta orde.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública