Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 12 de maio de 1995 Páx. 3.553

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 6 de abril de 1995 pola que se regula o procedemento para a admisión de alumnos en bacharelato e ciclos formativos de formación profesional específica de grao medio, en centros sostidos con fondos públicos.

O Decreto 87/1995, do 10 de marzo, acaba de establece-los criterios de admisión de alumnos nos centros docentes dos niveis non universitarios sostidos con fondos públicos. Na súa disposición derradeira faculta a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións que esixa o desenvolvemento e a execución do dito decreto. A experiencia acumulada desde o ano 1986 aconsella introducir distintas modificacións no procedemento actual de admisión para facelo máis operativo. Polo tanto, esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.-A presente orde será de aplicación nos procesos de admisión de alumnos e alumnas que desexen cursar ensinanzas de bacharelato ou ciclos formativos de formación profesional específica de

grao medio nos centros de educación secundaria sostidos con fondos públicos. A admisión dos ditos alumnos realizarase de acordo cos criterios que figuran no anexo I desta orde e desenvolverase segundo o establecido nos artigos seguintes.

Segundo.-Os directores dos centros establecerán un período do 15 ó 30 de maio para que tódolos alumnos e alumnas do centro poidan formaliza-la reserva de praza sen que a súa continuidade nel requira novo proceso de admisión.

Terceiro.-Fixada a capacidade dos centros pola inspección educativa e formalizadas as reservas de prazas, os directores dos centros farán público, antes do 16 de xuño, o número de postos escolares previsiblemente dispoñibles para o curso seguinte, especificados para cada curso de bacharelato e para cada ciclo de formación profesional.

Cuarto.-O prazo de presentación de solicitudes de admisión será do 17 de xuño ó 2 de xullo. Cando este último coincida con día non lectivo prorrogarase automaticamente ata o primeiro día hábil.

Quinto.-As solicitudes axustaranse ó modelo oficial que se publica como anexo II a esta orde e presentaranse xunto coa documentación que acredite o cumprimento dos requisitos académicos esixidos e con tódolos xustificantes dos criterios de baremación establecidos no anexo I.

Sexto.

1. Cada solicitante presentará no centro que solicita en primeiro lugar unha única instancia, relacionando nela, por orde de preferencia, tódolos centros nos que solicita praza.

2. A presentación de máis de unha solicitude será causa de exclusión do proceso de baremación, procedéndose a súa escolarización ó final do proceso, se houbese praza.

3. No caso de que o alumno non obtivese praza no centro solicitado en primeiro lugar, o director remitirá a solicitude, xunto coa correspondente documentación, á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que procederá a escolariza-lo alumno de acordo co que se dispón nesta orde.

Sétimo.-Sen prexuízo do sinalado no punto 6.1, as delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán dispoñer que, en determinadas localidades, as solicitudes se presenten nun único centro ou dependencia.

Oitavo.-As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria delimitarán as zonas de influencia das distintas modalidades de bacharelato e dos ciclos de formación profesional dos centros, co obxecto de aplica-la puntuación que corresponda por proximidade do domicilio. Para determinar cada zona de influencia terase en conta a capacidade de cada centro e a distribución xeográfica dos centros que imparten as mesmas ensinanzas dentro da Comunidade Autónoma.

Noveno.-Os órganos competentes dos centros, conforme o establecido no artigo 17 do Decreto 87/1995, do 10 de marzo, adxudicarán os postos escolares vacantes ós alumnos que o soliciten e reúnan os requisitos previstos no artigo 6 do dito decreto, conforme os seguintes criterios:

a) No suposto que nun centro existan máis prazas vacantes que solicitudes, serán admitidos tódolos solicitantes.

b) Se o número de solicitantes é superior ó de prazas vacantes, adxudicaranse estas ós solicitantes que obteñan maior puntuación, logo de aplica-los criterios de baremación fixados no anexo I desta orde.

Non obstante o establecido nos apartados anteriores, nos centros daqueles concellos nos que a inspección coide que pode haber problemas de escolarización, non poderán ser admitidos alumnos procedentes doutros concellos, nos que exista un centro escolar que oferte as mesmas modalidades de bacharelato ou os mesmos ciclos formativos, ata que remate o proceso de escolarización e sexan resoltos os casos a que se fai referencia no punto sexto.2 desta orde.

Décimo.-A resolución pola que se adxudican as prazas e a relación de solicitantes, coa totalidade da puntuación outorgada por apartados, faranse públicas antes do 17 de xullo no taboleiro de anuncios do centro. Simultaneamente enviaranse á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria copias delas xunto co número de prazas non cubertas, desagregadas por cursos e niveis e coa documentación que sinala o punto sexto.3 desta orde.

Décimo primeiro.

1. As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán constituír comisións de escolarización naquelas localidades que crean conveniente. As inspeccións das delegacións provincias de educación ou, no seu caso, as comisións de escolarización distribuirán aqueles alumnos que non obteñan posto escolar no centro solicitado en primeiro lugar entre os centros que conten con prazas vacantes, tendo en conta as preferencias dos alumnos e os cntenos de baremación establecidos no anexo I.

2. As resolucións das inspeccións ou, se é o caso, das comisións de escolarización serán remitidas a cada centro, xunto coa documentación dos alumnos destinados a el, onde se farán públicas antes do 20 de xullo.

Décimo terceiro.-As comisións de escolarización estarán integradas por:

-Un membro da inspección educativa, designado polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como presidente.

-Dous directores designados polo delegado provincial.

-Dous representantes dos pais de alumnos designados polas federacións das asociacións de pais de alumnos.

-Un representante do concello.

Actuará como secretario da comisión, con voz pero sen voto, un funcionario designado polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Décimo cuarto.-A matrícula formalizarase en dous prazos:

-Un ordinario, do 15 ó 30 de xullo, para os alumnos admitidos en cada centro trascorrido este prazo, entenderase que o alumno admitido que non se matriculase renuncia a praza.

-Outro extraordinario, do 1 ó 14 de setembro, só para os alumnos que, en aplicación da normativa, non lles fose posible matricularse no prazo ordinario, sen prexuízo do establecido no punto décimo sexto desta orde.

Décimo quinto.-Rematado cada un dos prazos de matrícula, os directores de centros públicos e concertados comunicarán á delegación provincial de Educación o número de postos escolares vacantes especificando curso e modalidade de bacharelato ou, se é o caso, ciclo formativo.

Décimo sexto.-Os alumnos que, por causas debidamente xustificadas (traslado de localidade ou outras), non se matricularan nos prazos fixados presentarán a súa solicitude, xunto cos xustificantes correspondentes na delegación provincial de Educación, que resolverá, segundo proceda, tendo en conta o informe da inspección.

Décimo sétimo.-Contra as resolucións dos consellos escolares, das comisións de escolarización e das inspeccións poderá presentarse reclamación no prazo de tres días, contados a partir da data da súa publicación, ante o órgano que as dictou, que deberá resolver no prazo de cinco días. Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso no prazo de cinco días, contados a partir da súa comunicación, perante a delegación provincial de Educación, que resolverá, no prazo de cinco días. Todo iso sen prexuízo do establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Décimo oitavo.-As persoas que teñan acceso á documentación presentada polos solicitantes no proceso de admisión de alumnos terán o mesmo deber de sixilo en relación con ela que os funcionarios da Administración pública.

Disposición transitoria

A presente orde será de aplicación para a admisión de alumnos dos centros sostidos con fondos públicos de bacharelato unificado e polivalente, de formación profesional de primeiro e segundo grao e de módulos profesionais, mentres non se extingan estas ensinanzas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros para dicta-las normas necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

CRITERIOS DE ADMISIÓN

CRITERIO PRIORITARIO

Os solicitantes que padezan minusvalideces físicas, psíquicas ou sensoriais terán prioridade para ser admitidos naqueles centros que estean levando a cabo proxectos educativos de integración na discapacidade específica, sempre que o informe do equipo psicopedagóxico de apoio aconselle esta modalidade de escolarización como a máis axeitada para o alumno.

Xustificante: informe do equipo psicopedagóxico de apoio.

PROXIMIDADE DO DOMICILIO

a) Alumnos con domicilio na zona de influencia do centro solicitado 5 puntos.

b) Alumnos con domicilio en zonas limítrofes á do centro solicitado 2 puntos.

c) Alumnos con domicilio no mesmo concello que o centro solicitado 1 punto.

d) Alumnos con domicilio que non estean en ningunha das circunstancias anteriores 0 puntos.

Xustificante: certificado de empadroamento, expedido polo concello.

RENDA ANUAL DA UNIDADE FAMILIAR

a) Rendas iguais ou inferiores ó dobre do salario mínimo interprofesional 2 puntos.

b) Rendas superiores ó dobre do salario mínimo interprofesional que non superen o cuádruplo do salario mínimo interprofesional 1 punto.

c) Rendas superiores o cuádruplo do salario mínimo interprofesional 0 puntos.

Xustificante: fotocopia compulsada da declaración da renda. Se os pais do solicitante fan a declaración por separado, presentarase fotocopia compulsada de ambas. (De non presentala outorgaranse 0 puntos por este apartado).

EXISTENCIA DE IRMÁNS MATRICULADOS NO

CENTRO

a) Primeiro irmán no centro 3 puntos.

b) Por cada un dos irmáns seguintes 1 punto.

Xustificante: comprobación por parte do centro.

OUTROS CRITERIOS

a) Pola condición de familia numerosa 1 punto.

Xustificante: fotocopia compulsada do título de familia numerosa.

b) Pola condición de minusválido 1 punto.

Xustificante: certificado médico.

CRITERIOS PARA RESOLVE-LOS CASOS DE EMPATE NA PUNTUACIÓN OUTORGADA ÓS SOLICITANTES

a) Maior puntuación obtida no apartado de proximidade domiciliaria.

b) Maior puntuación obtida no apartado de irmáns matriculados no centro.

c) A condición de minusvalidez.

d) A condición de familia numerosa.

e) Maior puntuación obtida no apartado de rendas anuais da unidade familiar.

f) O sorteo público ante o consello escolar do centro.