Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 11 de maio de 1995 Páx. 3.526

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 29 de marzo de 1995 pola que se convoca concurso de méritos para a provisión de postos de dirección de Centros de Formación Continuada do Profesorado de niveis non universitarios.

O artigo 5 do Decreto 42/1989 polo que se regulan os Centros de Formación Continuada do Profesorado de niveis non universitarios establece que á fronte de cada centro haberá un director ou directora, nomeado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por un período de tres anos, renovable, se é o caso, por outros tres, e seleccionado previamente por concurso de méritos entre o persoal docente de niveis non universitarios.

Pasados os tres primeiros anos de mandato, procede convoca-lo oportuno concurso de méritos para a provisión de postos de directores para os centros de Ferrol, Ourense e Vigo.

Na súa virtude e en uso das atribucións que ten conferidas, esta consellería

DISPÓN:

1.-Obxecto.

Convócase concurso de méritos para cubri-los postos da dirección dos Centros de Formación Continuada do Profesorado de niveis non universitarios de Ferrol, Ourense e Vigo.

2.-Concursantes.

Poderán participar neste concurso os profesores e as profesoras de centros públicos de niveis non universitarios, funcionarios de carreira, que reúnan os seguintes requisitos na data de publicación da presente orde:

a) Encontrarse en situación de servicio activo, ou servicios especiais, na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Contar cun mínimo de 5 anos de experiencia docente como funcionario de carreira.

c) Obter como mínimo dous puntos no apartado 7 do baremo que figura como anexo II desta orde.

3.-Instancias e documentación.

3.1. Instancias.

3.1.1. Os participantes no concurso solicitarán as prazas ás que aspiren, indicando a localidade e consignándoas por orde de preferencia, mediante instancia por duplicado, axustada ó modelo que se publica no anexo I desta convocatoria. O prazo de presentación de instancias e documentos será de quince días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3.1.2. Cubrirase unha única instancia, por duplicado, que se dirixirá á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3.1.3. A instancia, así como a documentación á que se alude no apartado 3.2 da presente convocatoria, poderá presentarse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificios administrativos San Caetano, 15771 Santiago de Compostela), nas delegacións provinciais desta consellería ou en calquera das dependencias que sinala o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.2. Documentación.

Os concursantes deberán achegar, xunto coa instancia, os seguintes documentos:

a) Folla de servicios certificada e pechada ó 30 de setembro de 1995.

b) Documentación á que se refire o anexo II desta convocatoria, para acreditar, de maneira fidedigna, tódolos servicios e méritos alegados. Aqueles méritos alegados e non xustificados documentalmente non serán tidos en conta.

c) Proxecto no que se detallará e xustificará o plan de actuación do solicitante para o cumprimento das funcións que o Decreto 42/1989 atribúe ós Centros de Formación Continuada do Profesorado de niveis non universitarios e máis especificamente ós directores delas.

A extensión do proxecto non superará os 20 folios escritos a dobre espacio. Non se valorarán os proxectos que rebasen a extensión fixada. A comisión de valoración convocará ós solicitantes a unha entrevista que versará sobre o proxecto.

4.-Compulsa de documentos.

Tódalas fotocopias que se presenten deberán estar debidamente compulsadas.

5.-Resolución do concurso.

5.1. O presente concurso será resolto por unha comisión de valoración formada polos seguintes membros:

-Presidente: o director xeral de Ordenación Educativa e Centros ou persoa en quen delegue.

-Vocais:

a) A subdirectora xeral de Ordenación Educativa ou persoa en quen delegue.

b) A xefa do Servicio de Formación do Profesorado.

c) A xefa do Servicio de Innovación Educativa.

d) Tres membros do Servicio Técnico de Inspección Educativa.

-Secretario: un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará con voz e sen voto.

Ás reunións da comisión poderán asistir, con voz e sen voto, unha persoa nomeada por cada unha das centrais sindicais con representación na mesa sectorial de educación.

5.2. Os membros da comisión estarán suxeitos ás incompatibilidades establecidas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5.3. A Comisión poderá contar co asesoramento de especialistas, se o coida necesario. Para os efectos previstos no artigo 26.2º do Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño), esta comisión considérase incluída na categoría segunda.

5.4. En caso de empate, no total das puntuacións, dirimirase atendendo sucesivamente ós seguintes criterios:

1º Maior puntuación no apartado 1 do baremo.

2º Maior puntuación no apartado 2 do baremo.

3º Maior puntuación no apartado 3 do baremo.

4º Maior puntuación no apartado 4 do baremo.

5º Maior puntuación no apartado 5 do baremo.

6º Maior puntuación no apartado 6 do baremo.

5.5. A Comisión elevará á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a relación ordenada dos concursantes con expresión das puntuacións parciais e total que a cada un lle fosen asignadas, segundo o baremo que figura no anexo II desta orde, e a oportuna proposta de adxudicación de prazas ós concursantes preseleccionados.

5.6. A relación provisional das puntuacións asignadas ós concursantes, así como a adxudicación dos postos ós concursantes preseleccionados farase pública nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e das delegacións provinciais, abríndose un prazo de 10 días para presentar reclamacións. Transcorrido este prazo, unha vez estudiadas e, se é o caso, atendidas as ditas reclamacións, a comisión de selección remitirá á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a proposta de resolución da presente convocatoria, xunto coa acta definitiva coa expresión das valoracións outorgadas a cada un dos candidatos, así como a relación final das persoas seleccionadas con mención do posto a adxudicar a cada unha delas.

5.7. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará no DOG a resolución definitiva do concurso, que esgotará a vía administrativa.

5.8. Os concursantes que resulten seleccionados serán nomeados por tres anos, renovables, se é o caso, por outros tres a contar desde a data en que se produza o mesmo, previa petición de renovación e superación da defensa do proxecto sobre a actividade a desenvolver nos outros tres anos.

5.9. O complemento específico que teñen asignado os directores ou directoras do CEFOCOP é de 858.923 ptas anuais.

6.-Xornada de traballo.

Os profesores e profesoras que obteñan as prazas obxecto desta convocatoria estarán obrigados a desenvolve-la súa xornada de traballo de acordo co horario e calendario propostos polo Centro de Formación Continuada e aprobados pola delegación provincial. O horario será de trinta e sete horas e media á semana, distribuídas en trinta horas de permanencia e dedicación directa no Centro de Formación Continuada ou en centros docentes nos que se desenvolvan actividades de formación do profesorado, e as restantes, contabilizadas en cómputo mensual, dedicaranse a actividades da súa formación permanente ou a outras, de carácter excepcional, necesarias para o desempeño do seu labor profesional.

7.-Funcións da dirección.

Os directores e directoras dos Centros de Formación Continuada do Profesorado desempeñarán as seguintes funcións:

a) Representar oficialmente ó centro.

b) Dirixir e coordinar tódalas actividades do centro, sen prexuízo das competencias do Consello Directivo e do equipo de asesoramento técnico-pedagóxico.

c) Coordinar e dar publicidade ó plan de actuación do centro.

d) Estimula-la promoción de programas de actividades encamiñadas a satisface-las necesidades pedagóxicas do profesorado e centros educativos da súa zona de influencia.

e) Convocar e presidi-lo Consello Directivo do centro.

f) Velar polo cumprimento dos acordes do Consello Directivo do centro.

g) Autoriza-los gastos do centro e ordena-los pagamentos.

h) Visa-las certificacións e demais documentos oficiais do centro.

i) Calquera outra que lle sexa atribuída no regulamento de réxime interior do centro.

8.-Cesamento nas funcións.

O director do centro cesará nas súas funcións ó remate do seu mandato ou por algunha das seguintes causas:

a) Paso á situación de servicios especiais, excedencia voluntaria ou forzosa e suspensión de funcións provisional ou firme.

b) Renuncia motivada aceptada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

c) Perda da condición de funcionario público.

d) Cesamento ou suspensión pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, mediante expediente administrativo, con audiencia do interesado, logo do informe do Consello Directivo do centro, cando incumpra gravemente as súas funcións.

9.-Devolución da documentación presentada.

As persoas interesadas ou os seus representantes legais deberán retira-la documentación presentada para acredita-los méritos alegados, na Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, San Lázaro nº 107, 15771, Santiago de Compostela, no prazo de trinta días pasado un mes desde a publicación da resolución deste concurso no DOG.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria