Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 11 de maio de 1995 Páx. 3.513

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 20 de abril de 1995 pola que se convocan os cursos básico e medio de linguaxe administrativa galega para o cadro de persoal das corporacións locais.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 5.1º dispón que a lingua propia de Galicia é o galego.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu artigo 4.1º, establece que, «O galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, da súa Administración, da Administración local e das entidades públicas dependentes da Comunidade Autónoma...».

A Lei 5/1988, do 21 de xuño, do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais, no seu artigo 1, dispón: «As convocatorias de sesións, ordes do día, votos particulares, propostas de acordo, dictames das comisións informativas e actas das entidades locais de Galicia, redactaranse en lingua galega».

E no seu artigo 2, punto 2.1. di: «Correspóndelle á Xunta de Galicia o impulso do proceso de incorporación da lingua galega na Administración local, moi especialmente a través de programas de formación de funcionarios en lingua galega», e no punto 2.2., establece: «Sen prexuízo do parágrafo anterior, a Xunta de Galicia adoptará as medidas oportunas para que nos concursos de acceso de funcionarios á Administración local se garanta o coñecemento da lingua galega».

Así mesmo, a Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística, creada polo Decreto 221/1990, determinou a urxente necesidade de proceder a potencia-la normalización lingüística no eido da Administración local.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, co fin de dar cumprimento a estas disposicións e recomendacións, proseguindo coa súa liña de cooperación coas corporacións locais, coa finalidade de impulsa-la normalización lingüística na Administración local, e como continuación, o plan integral de estudios iniciado en 1990, mediante o que se pretende que en tódalas corporacións locais exista, polo menos, un funcionario que se responsabilice da traducción dos documentos sinalados no artigo 1 da citada Lei 5/1988, convoca os seguintes cursos de linguaxe administrativa galega.

Por todo isto, en uso das atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais convoca, para o ano 1995:

a) Seis cursos de nivel medio para o cadro de persoal dos concellos e deputacións, como continuación ó curso básico convocado en 1994.

Neles poderán participar todos aqueles funcionarios que presten os seus servicios nas corporacións locais e que participaran nos cursos de nivel básico celebrados a finais do ano pasado, obtendo, no correspondente exame, a cualificación de «apto».

b) Seis cursos de nivel básico para o cadro de persoal dos concellos e deputacións.

Poderán participar tódolos funcionarios que presten os seus servicios nas corporacións locais que, ou ben, non superasen as probas realizadas ó remata-los cursos básicos celebrados ata a presente data; ou ben, presten os seus servicios en favor de concellos ou deputacións provinciais galegas e non participaran, aínda, en ningún dos cursos ata agora convocados.

2. Os cursos van dirixidos a formar un funcionario por corporación local, en municipios con menos de 10.000 habitantes; dous funcionarios, en municipios entre 10.000 e 50.000 habitantes; e catro funcionarios, en municipios con máis de 50.000 habitantes de todo o territorio da Comunidade Autónoma galega.

3. A eles poderá asistir, independentemente do disposto no parágrafo anterior e por razóns de eficacia administrativa, o secretario da corporación correspondente.

4. No caso de que soliciten participar nos cursos máis funcionarios dunha mesma corporación, dos sinalados nos parágrafos anteriores, a súa solicitude deberá acompañarse dunha certificación expedida polo secretario xeral, relativa ó acordo da corporación mediante o que se realice a selección daqueles funcionarios que, polos labores que desempeñan, a súa asistencia resulte máis beneficiosa, en favor da entidade local.

5. Os cursos comezarán no mes de xuño de 1995 e rematarán no mes de outubro do mesmo ano.

6. Os cursos celebraranse, en principio, nas seguintes localidades:

-A CORUÑA:

A Coruña.

Santiago de Compostela.

-LUGO:

Lugo.

-OURENSE:

Ourense.

-PONTEVEDRA:

Pontevedra.

Vigo.

Ademais dos cursos sinalados organizarase un curso para o nivel básico en Viveiro (Lugo) e outro en Xinzo de Limia (Ourense).

Realizada a selección dos posibles asistentes, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá decidi-lo desdobramento dos cursos segundo o número de alumnos, e, igualmente, a súa desaparición ou organización noutra localidade. A asignación ós distintos cursos faraa a consellería en función das peticións recibidas.

7. Durante a súa celebración realizaranse, ademais, sesións conxuntas, seminarios específicos e conferencias nas que intervirán expertos en linguaxe administrativa.

Artigo 2º

O financiamento destes cursos correrá por conta das aplicacións orzamentarias 13.02.226.06 e 13.02.480.00, programa 353.F, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1995, ata un límite de seis millóns cincocentas mil pesetas (6.500.000 ptas.) en cada unha de elas.

Artigo 3º

1. Os cursos terán unha duración de 75 horas, nas que se inclúen: fase teórica, fase práctica, seminarios e todo tipo de actividades.

2. Os cursos realizaranse en xornadas de tarde.

Artigo 4º

Os programas destes cursos serán os que aprobe a Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística.

Artigo 5º

Ó remata-lo curso realizaranse as probas oportunas. Ó persoal que as supere, tendo en conta ademais o rendemento ó longo do curso, outorgaráselle unha certificación coa cualificación de apto, expedida, conxuntamente, pola Dirección Xeral de Política Lingüística (Consellería de Educación e Ordenación Universitaria) e pola Dirección Xeral de Xustiza e Interior (Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais).

Artigo 6º

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá aboar asistencias ós asistentes ós cursos. O pagamento realizarase unha vez se presenten os oportunos xustificantes.

Artigo 7º

As instancias, segundo o modelo que figura como anexo I a esta disposición, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, na correspondente delegación provincial, ou nalgunha das formas ás que se refire o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º

O prazo de presentación de instancias será de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xustiza e Interior para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 1995.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

Sr. Director Xeral de Xustiza e Interior