Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 11 de maio de 1995 Páx. 3.512

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 19 de abril de 1995 pola que se regula o exercicio do dereito ó voto dos traballadores por conta allea de cara ás eleccións locais, convocadas para o día 28 de maio de 1995 polo Real decreto 489/1995, do 3 de abril.

Convocadas eleccións locais polo Real decreto 489/1995, do 3 de abril, da Presidencia do Goberno, e de conformidade co establecido no artigo 14 do Real decreto 421/1991, do 5 de abril, modificado polo Real decreto 563/1993, do 16 de abril, polo que se dictan normas reguladoras dos procesos electorais, cómpre, a pesar de que as eleccións se celebren en domingo, regula-las diversas situacións que poidan presentarse para o exercicio do voto daqueles traballadores que non desfruten do seu descanso semanal, así como das persoas que interveñen dentro do proceso electoral. Para este fin, e logo de acordo co delegado do Goberno en Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-As presentes normas seranlles de aplicación a aqueles traballadores por conta allea que teñan a condición de electores, ou concorra neles a condición de membros de mesas electorais, interventores ou apoderados, nas eleccións do día 28 de maio de 1995, e non desfruten o devandito día do descanso semanal previsto no artigo 37.1º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos tra

balladores, modificada pola Lei 11/1994, do 19 de maio.

Artigo 2º.-Para que os traballadores por conta allea poidan participar nas eleccións locais que se levarán a cabo o día 28 de maio de 1995, no suposto de que non desfruten en tal data de descanso semanal, gozarán do permiso retribuído correspondente consonte as seguintes prescricións:

a) Os traballadores por conta allea, cun horario de traballo que non coincida co de apertura das mesas electorais ou o faga por un período inferior a dúas horas, non terán dereito a permiso retribuído.

b) Os traballadores por conta allea, cun horario que coincida en dúas ou máis horas e menos de catro co horario de apertura das mesas electorais, desfrutarán dun permiso retribuído de dúas horas.

c) Os traballadores por conta allea, cun horario que coincida en catro ou máis horas e menos de seis co horario de apertura das mesas electorais, desfrutarán dun permiso retribuído de tres horas.

d) Os traballadores por conta allea, cun horario que coincida en seis ou máis horas co horario de apertura das mesas electorais, desfrutarán dun permiso retribuído de catro horas.

Cando o traballo se preste en xornada reducida efectuarase a correspondente reducción proporcional do permiso.

Correspóndelle ó empresario a distribución, consonte a organización do traballo, do período en que os traballadores dispoñan de permiso para acudiren a votar.

Artigo 3º.-No suposto de traballadores por conta allea que teñan previsto que na data da votación non se atoparán na localidade onde lles corresponda exerce-lo seu dereito ó voto, ou que non poidan comparecer, disporán no seu horario laboral de ata catro horas libres, para que poidan formular persoalmente a solicitude do certificado de inscrición no censo para efectua-lo voto por correo, procedendo para a súa determinación consonte o establecido no artigo anterior.

Artigo 4º.-Os traballadores por conta allea nomeados presidente ou vocal das mesas electorais e os que acrediten a súa condición de interventores disporán durante o día da votación dun permiso retribuído de xornada completa, se non desfrutan en tal data de descanso semanal, e terán dereito, en todo caso, a unha reducción da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior, segundo os artigos 28.1º e 78.4º da Lei orgánica do réxime electoral xeral.

Se algún dos traballadores ós que se refire o parágrafo anterior tivese que traballar na quenda de noite na data inmediatamente anterior ó día da votación, a empresa cambiaralle a quenda para que poida descansar esa noite.

Artigo 5º.-Os que acrediten a súa condición de apoderados de acordo co previsto no artigo 76.4º

da Lei orgánica do réxime electoral xeral, teñen dereito a un permiso retribuído durante o día da votación, se non desfrutan de descanso semanal.

Artigo 6º.-Os empresarios poderán solicitar dos traballadores que exerzan os dereitos regulados na presente orde a certificación de voto, ou, se é o caso, a acreditación da mesa electoral.

Disposicións derradeiras

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 1995.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais