Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 11 de maio de 1995 Páx. 3.510

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 5 de abril de 1995 pola que se regula o proceso de incorporación para o curso 1995-1996 dos estudiantes ó nivel universitario do ensino nos centros das tres universidades galegas.

A Lei 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, prescribe no seu artigo 26.1º que é competencia do Goberno, oído o consello de universidades, o establecemento dos procedementos de selección para o ingreso nos centros universitarios. Así mesmo, o artigo 26.2º condiciona o acceso ós centros universitarios pola súa capacidade, determinada polas universidades, atendendo ós módulos obxectivos establecidos polo consello de universidades. Pola súa banda, o artigo 3.2º h) da mesma lei determina que a admisión, réxime de permanencia e verificación dos coñecementos dos estudiantes é competencia da autonomía das universidades. Así mesmo, o acceso esixe a superación dunhas probas de aptitude que ten regulamentadas o Estado. Hai, polo tanto, unha regulamentación específica do acceso ós centros universitarios e hai unha regulamentación propia dos procedementos de ingreso ós centros universitarios.

As normas que establecen os procedementos de ingreso son competencia estatal e universitaria. Así o din o artigo 26.1º da LRU e o Real decreto 1005/1991, do 14 de xuño (BOE do 26-6-1991), no que a norma xeral está desenvolvida. No procedemento de ingreso, este real decreto establece no artigo 10.2º que serán as universidades as que adoptarán as medidas necesarias para o exacto cumprimento do disposto neste e elas resolverán tódalas solicitudes e incidencias que puidesen presentarse.

As normas que regulan o acceso son competencia da universidade e do Estado. Por unha parte, a determinación do límite de prazas polas universidades, atendendo á súa capacidade, condiciona o acceso. Por outra, o acceso esixe a superación dunha proba de aptitude que xa regulamentou o Estado. O Real decreto 406/1988, do 29 de abril, regula a organización das probas de aptitude para o acceso. O artigo 1 deste real decreto establece que as universidades organizarán as probas. No artigo 2 determínase que, así mesmo, as universidades establecerán o procedemento para a elaboración dos enunciados dos exames. O Real decreto 807/1993, do 28 de maio, que modifica parcialmente o artigo 4 do Real decreto 406/1988, do 29 de abril, determina a constitución dos tribunais das probas. A orde ministerial do 9 de xuño de 1993, (BOE do 10-6-1993), desenvolve o citado real decreto e establece a composición da comisión coordinadora das probas en cada universidade, e da Comisión Interuniversitaria, no

suposto de que varias universidades teñan a consideración de única para os efectos de ingreso nos seus centros.

Nesta situación propia do acceso e do ingreso, ten sentido afirmar que o Estado ten reservadas as competencias no que atinxe á normativa xeral e a universidade ten reservada a competencia no que atinxe á resolución e execución concreta desa normativa.

Pola súa parte a Comunidade Autónoma tamén ten competencias no acceso e no ingreso á universidade de xeito específico. O Real decreto 1005/1991, do 14 de xuño, subliña na disposición adicional primeira que aquelas comunidades autónomas que teñan asumidas as competencias en materia de ensi

no superior, poderán modificar, de acordo coas universidades afectadas, o establecido no seu artigo 3 a) e poderán adoptar procedementos para a distribución de estudiantes no ingreso nas universidades. Así mesmo o Real decreto 807/1993 e a Orde do 9 de xuño de 1993 determina a posibilidade de existencia da Comisión Interuniversitaria.

No caso concreto de Galicia, a LOSUG, Lei 11/1989 do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), establece no seu artigo 10 o sistema universitario galego como unha realidade material e humana planificada e coordinada que aplica o principio do distrito único para os estudiantes. Isto quere dicir que os estudiantes en Galicia incorpóranse a calquera centro de ensino universitario de Galicia con independencia do lugar da comunidade onde cursasen os estudios de secundaria ou realizasen as probas de acceso.

De todo o antedito derívase a necesidade de conxugar, no momento da incorporación dos estudiantes ó ensino universitario e nos procedementos de acceso e ingreso, os principios de distrito único, autonomía universitaria e coordinación dos procedementos e das competencias.

Cómpre, polo tanto, que se regulen para o curso 1995-1996 o acceso e o ingreso, de xeito que se salienten os principios anteditos, pois, no seu conxunto, responden ás esixencias legais e reforzan a idea de sistema nas institucións universitarias galegas.

En consecuencia, logo de oída a Comisión Interuniversitaria, respecto do proceso de incorporación de estudiantes ó sistema universitario galego, e atendendo ó traballo que conxuntamente e de xeito coordinado se vén facendo para o desenvolvemento do sistema universitario galego, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Primeiro.

O proceso de incorporación dos estudiantes ó curso 1995-1996 nas facultades, escolas técnicas superiores, colexios universitarios e escolas universitarias do sistema universitario galego definido na Lei 11/1989, (DOG do 16-8-1989), será organizado polas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Segundo.

As universidades, que participan por dereito propio na coordinación e organización do proceso, adoptarán tódalas medidas conxuntas que sexan necesarias respecto dos procedementos e tarefas propias da incorporación do alumnado ó ensino universitario para mellora-la racionalidade do proceso, aplicando os principios de distrito escolar único, autonomía universitaria e coordinación.

Terceiro.

O modelo de actuación, as tarefas e os procedementos acordados polas universidades quedaron recollidos en convenio específico asinado por elas o 10 de marzo de 1994.

Cuarto.

Tendo en conta que o proceso de incorporación dos alumnos ó ensino universitario fai converxer diversos procedementos coñecidos como probas de aptitude para o acceso, probas de maiores de 25 anos, solicitude de admisión para o ingreso e distrito compartido interautonómico, estas ordenaranse temporalmente, de xeito que se posibilite o normal comezo do curso 1995-1996. As universidades farán público o calendario correspondente.

Quinto.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fará a prestación de servicios de apoio ó sistema universitario de Galicia (SASUG) especificada en convenio coas universidades do 5 de marzo de 1993, para dar cumprimento ás funcións de apoio que lle son propias e que afectan o procesamento informatizado dos aspectos comúns das tarefas e procedementos de incorporación dos estudiantes ó ensino universitario. En todo caso, por medio da prestación de servicios SASUG realizarase a conxunción das listas de solicitude de admisión para o ingreso presentadas en cada universidade para elaborar progresivamente as listas de asignación de prazas e de espera que correspondan.

Sexto.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria porá ó dispor das universidades a aplicación informática para realiza-lo proceso de incorporación dos estudiantes ó sistema universitario.

2. A aplicación informática, que é propiedade da consellería, non pode ser modificada polas universidades nas súas copias e será revisada e rectificada coordinadamente.

Sétimo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria cubrirá os gastos que se deriven da prestación de servicios SASUG.

Oitavo.

Os centros de ensino secundario estarán abertos á colaboración no proceso que se regula nesta orde, para os efectos de facilita-la información e a documentación que os atinxe e que forma parte dos expedientes para o acceso.

Noveno.

Os rectores das tres universidades da Comunidade Autónoma dictarán as resolucións de carácter específico que sexan necesarias para o desenvolvemento do proceso, tendo en conta as competencias que teñen delegadas na Comisión Interuniversitaria.

Disposición adicional

Única.-A Comisión Interunivesitaria de Galicia (CIUG), contará para a elaboración das probas de acceso á universidade para os alumnos que teñan cursado as ensinanzas de bacharelato previstas na Lei orgánica 1/1990, de 3 de outubro, de ordenación

xeral do sistema educativo, co asesoramento dun vocal procedente do Servicio de Inspección Técnica e dun vocal procedente do Servicio de Ordenación e Innovación Educativa.

Disposicións derradeiras

Primera.-Autorízase a Dirección Xeral de Universidades e Investigación para que dicte as disposicións que sexan precisas para a execución do establecido na presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria