Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 10 de maio de 1995 Páx. 3.462

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 1995 pola que se convoca un curso sobre técnicas asistenciais de urxencia, socorrismo e primeiros auxilios, dirixido ós membros dos corpos da policía local de Galicia e á unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1995, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre técnicas asistenciais de urxencia, socorrismo e primeiros auxilios, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivos: coñece-lo significado da técnica asistencial, evidenciar dominio na práctica das técnicas de rescate e auxilio e coñece-la importancia de traumatismos, queimaduras, conxelacións, tratamento en caso de infarto, etc., e a súa gravidade, así como clarifica-la actuación da policía local neste tema.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos da policía local de Galicia e á unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertarán neste curso será de 45.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, acompañada dunha fotocopia do DNI, e do carné profesional.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 25 de maio de 1995.

3. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade, rúa de Madrid, s/n, Polígono das Fontiñas, 15703 Santiago de Compostela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

O curso celebrarase en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataránse, entre outros, os seguintes temas:

a) Traumatismos craneoncefálicos e da columna.

b) Traumatismos toraco-abdominais.

c) Resucitación cardiorespiratoria. Masaxe cardíaco e respiración artificial.

d) O infarto. Anxina de peito.

e) Primeiros auxilios. Hemorraxias. Hemostasia. Feridas.

f)Primeiros auxilios. Queimaduras. Conxelación.

g) Enfermidades infectocontaxiosas: SIDA. Hepatite. Enfermidades de transmisión sexual.

i) Intoxicacións por substancias inxeridas. Drogas e estupefacentes. Envelenamento por ácidos e alcalis, ect.

Datas.

O curso celebrarase do 5 ó 9 de xuño de 1995.

O horario será de 16 a 20 horas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 30 de maio no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 981 56 34 00.

Lugar.

No colexio público de Foz.

Certificado de asistencia e aproveitamento.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nel, non podendo supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, e a non superación das correspondentes

probas de coñecementos, impedirá a expedición do certificado.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adapta-lo ás

necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 1995.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade