Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 10 de maio de 1995 Páx. 3.456

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 7 de abril de 1995 pola que se establecen as axudas para o desenvolvemento de programas de defensa sanitaria dos cultivos para o ano 1995.

As pragas e enfermidades dos cultivos ocasionan anualmente importantes diminucións de producción, coa conseguinte reducción da renda do agricultor se este non utiliza os medios de loita adecuados.

O uso incorrecto dos productos químicos contra eses organismos nocivos incidirá negativamente no ecosistema, podendo afecta-las plantas, os animais e incluso o home.

No aspecto da economía da explotación agraria, o incremento das doses, por riba das recomendadas, ocasiona un aumento dos gastos da explotación.

A defensa sanitaria dos cultivos esixe un coñecemento adecuado dos patóxenos e o emprego de labouras culturais, medios de loita biolóxica e medios de loita química idóneos en cada momento.

O agricultor individual, en xeral, ten dificultades para facer un seguimento da evolución das poboacións de patóxenos e de organismos beneficiosos, buscando o momento óptimo do emprego dos medios de loita. Tamén carece, con frecuencia, da maquinaria adecuada para a realización de tratamentos fitosanitarios, e a economía da súa explotación, moitas veces, non lle permite a contratación dun técnico capacitado que lle asesore nos aspectos fitosanitarios.

As cooperativas, sociedades agrarias de transformación e as agrupacións de agricultores, especialmente as de tratamentos integrados na agricultura (ATRIAs), poden desenvolver un papel decisivo no establecemento, execución e seguimento de programas de defensa sanitaria dos cultivos, poñendo a disposición dos agricultores os medios necesarios para a loita, de forma que se mellore a renda das explotacións agrarias e se respecte o medio ambiente.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Establécese un sistema de axudas para potencia-lo control fitopatolóxico dos cultivos agrícolas, a través de agrupacións de carácter agrario formalmente constituídas, mediante programas técnicos ben definidos, coas seguintes condicións:

1. Prioridade no uso de métodos de control de loita biolóxica.

2. Emprego racional de productos químicos, usándoos só naqueles casos que sexa a única forma eficaz de erradicar ou mante-los exentes nocivos dentro

dos límites tolerables, empregando métodos de control integrado de pragas.

Artigo 2º

Terán prioridade para a concesión de axudas para os programas de actuación de control fitosanitario aquelas agrupacións que cumpran as seguintes condicións:

1. Que estean constituídas como agrupacións de tratamentos integrados en agricultura (ATRIAs).

2. Que conten cos servicios dun técnico contratado, en exclusiva para o control fitosanitario.

3. Aquelas agrupacións que presenten un programa que se realice nunha área xeográfica cunhas características técnicas que favorezan a aplicación coherente daquel.

Artigo 3º

Nas actuacións recollidas no programa deberán participar, como mínimo, o 80% dos socios afectados por el e que pertenzan á entidade solicitante.

Se un socio pertence a máis dunha entidade, non poderá beneficiarse máis que dun programa. Nese caso, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes solicitará ás entidades implicadas que presenten a conformidade, por escrito, do dito socio a participar no programa previsto. Se o socio dá a conformidade por escrito a máis dunha entidade excluirase de tódolos porgramas deste tipo.

Na proposta de aprobación da subvención terase en conta o grao de cumprimento dos programas realizados pola agrupación en anos anteriores.

Artigo 4º

Poderán ser obxecto de axuda as seguintes actuacións:

1. Contratación de servicios encamiñados á redacción e seguimento dun programa fitopatolóxico.

A contía da subvención poderá chegar ata 1.000.000 de pesetas para ámbolos servicios, dependendo das características técnicas do programa, duración, dificultades para o seu seguimento e grao de cumprimento del.

2. Fomento dos medios culturais e biolóxicos de control dos organismos nocivos dos cultivos que se especifican no anexo I consistentes en:

2.1. Adquisición de trampas e feromonas para o seguimento e confección de curvas de voos de insectos que permitan preve-lo posible grao de ataque e o momento óptimo de control con productos fitosanitarios, se son necesarios.

Nos programas deberán indicarse os lugares de instalación das trampas para o seguimento por parte dos técnicos da Administración. Rematadas as actuacións, a agrupación presentará no Servicio Provincial de Axudas Estructurais un informe completo dos resultados obtidos.

2.2. Análises fitopatolóxicas en laboratorios cualificados e recoñecidos para tal fin.

2.3. Adquisición de equipamento para a mellora de técnicas que favorezan a prevención de propagación dos exentes nocivos. No caso de maquinaria de aplicación de tratamentos, só será subvencionable cando vaia ser utilizada en común pola agrupación e supoña unha innovación tecnolóxica.

2.4. Adquisición de equipamento de protección humana para a realización de tratamentos fitosanitarios.

2.5. Adquisición de organismos vivos, dos seus subproductos e productos biorracionais para a aplicación de técnicas de control biolóxico.

As actuacións indicadas no punto 2 poderán subvencionarse ata o 75% do investimento, excepto para a maquinaria de tratamentos do punto 2.3 que non superará o 40% do custo dela.

3. Adquisición de productos fitosanitarios para combate-las pragas que se relacionan no anexo I de esta orde.

Só se subvencionarán os productos de categoría toxicolóxica nociva e nos casos en que sexa a única forma eficaz de controla-los patóxenos.

Admitirase a utilización de productos tóxicos ou moi tóxicos só nos casos recollidos no anexo I desta orde e sempre baixo a supervisión e seguimento da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, e de acordo coa lexislación vixente.

A contía da axuda por este concepto poderá acadar ata o 20% de custo dos productos fitosanitarios que se relacionen no anexo III desta orde, que deberá ser aprobado, xunto co programa presentado, pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

A Administración poderá establece-los módulos máximos de custo de tratamento por cultivos e zonas, segundo as circunstancias climatolóxicas e a incidencia dos axentes nocivos.

Excepcionalmente só no caso de que houbose un incremento especial de certas pragas ou enfermidades dos cultivos non recollidas no anexo I, poderá subvencionarse a adquisición dos medios de control necesarios para combetelas.

DOCUMENTACIÓN

Artigo 5º

Para ter acceso a esta liña de axudas, as agrupacións deberán presentar por duplicado a seguinte documentacion:

a) Solicitude de acordo co anexo II.

b) Un programa técnico, elaborado por un enxeñeiro agrónomo ou enxeñeiro técnico agrícola, que conterá como mínimo:

1. Unha memoria na que se recollan os datos xerais da entidade agraria.

2. Un mapa de situación e ámbito de actuación do programa.

3. Cultivos ós que afecta o programa, hectáreas totais, superficie por socio e fitopatóxenos dos especificados no anexo I que inciden nos cultivos.

4. Anexo III desta orde, debidamente cuberto, xustificando as materias activas que se van empregar e o número de tratamentos previstos.

5. Tipos de actuacións que se van levar a cabo para o control dos organismos nocivos, relacionados nesta orde, indicando o equipo a adquirir para o seguimento e evolución dos fitopatóxenos.

6. Calendario de actividades a desenvolver, co obxectivo de capacitar e asesorar ós asociados participantes no programa.

7. Cando a orografía do terreo, extensión ou outra circunstancia así o aconsellen, dentro do programa deberán de facerse zonas de actuación independentes con subprogramas para elas.

c) Certificación do secretario da agrupación que recolla a totalidade de socios dela, o número de socios ós que poida afecta-lo programa, así como cantos deles van participar neste. A este certificado xuntarase unha relación nominal informatizada dos socios en programa, nun disquete de 3 1/2", alta densidade, ficheiro en base de datos «Dbase III plus» ou «Dbase IV plus» coa estructura indicada no anexo V.

d) Copia das normas de funcionamento da agrupación para os efectos de desenvolve-lo programa sanitario.

e) Contrato de servicio técnico para o seguimento do programa.

f) Copia do CIF da agrupación e último recibo de taxas da licencia fiscal.

g) Certificado de titularidade da conta bancaria da agrupación.

h) Outra documentación que a xuízo da Administración se poida requirir para o cumprimento dos obxectivos desta orde.

EXECUCIÓN DO PROGRAMA

Artigo 6º

O técnico encargado do desenvolvemento e seguimento do programa de defensa sanitaria cumprirá as seguintes condicións:

1. Deberá colaborar cos servicios da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, na recollida dos datos necesarios para a optimización da aplicación dos programas de detección do risco de pragas e enfermidades, a través da rede de avisos que a consellería puxo en funcionamento en toda Galicia para tal fin.

2. Poderá ser requirido pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para infonmar, visita-las explotacións participantes, comprobar actuacións ou resultado en calquera fase de execución do programa. O informe da visita asinarase conxuntamente polos técnicos da entidade agraria e do Servicio Provincial de Axudas Estructurais ó remate dela.

3. Será responsable dun só programa. Excepcionalmente e no caso de proximidade xeográfica das entidades solicitantes ou por operatividade, poderá levar máis dun programa, sempre que a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes coide que estes se poderán desenvolver integramente de acordo coas memorias presentadas. Nese caso, a suma das subvencións previstas nos programas redactados e dirixidos por un só técnico, relativas á contratación do servicio recollido no artigo 4.1º, non poderá supera-la cantidade de 1.500.000 ptas.

4. A aceptación do seguimento do programa fitosanitario por parte do técnico será incompatible co desenvolvemento doutras actividades económicas relacionadas directamente cos productos subvencionables por esta orde.

5. Manterá informado ó Servicio Provincial de Axudas Estructurais das variacións do calendario de actividades que vaia desenvolver e das variacións que poidan xurdir dos productos programados no anexo III.

TRAMITACIÓN

Artigo 7º

A documentación presentarase, preferentemente, nas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, podendo, non obstante, presentarse en calquera das formas establecidas no artigo 38.4º, da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º

O prazo de presentación de solicitudes rematará ós 30 días hábiles, contados dende o seguinte á publicación desta orde, que serán resoltas polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes. A consellería comunicará ós solicitantes no prazo de 90 días a aprobación ou denegación razoada da solicitude; a falta de comunicación no dito prazo entenderase desestimatoria da petición de axuda.

XUSTIFICACIÓN

Artigo 9º

Os programas aprobados estarán realizados antes do 31 de outubro de 1995, non obstante, a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias

Agroalimentarias, por petición da agrupación e tendo en conta o programa e tipo de cultivo, poderá ampliar ese prazo.

Os beneficiarios deberán comunicar, antes do 31 de outubro de 1995, a realización do programa á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, xuntando a seguinte documentación:

-Certificados de estar ó corrente das abrigas fiscais e da Seguridade Social.

-Certificación de que a agrupación non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

-Anexo IV debidamente cuberto.

-Facturas orixinais ou fotocopias compulsadas xustificativas dos investimentos. No caso de productos fitosanitarios, só se admitirán os adquiridos en establecementos dados de alta no Rexistro Oficial de Establecementos e Servicios Praguicidas.

-Informe do técnico da agrupación responsable do seguimento do programa co visto e prace do presidente dela.

-Factura definitiva do técnico polos servicios contratados para o desenvolvemento do programa.

Os bens e servicios estarán facturados a nome da agrupación solicitante, que facilitará á Administración os correspondentes documentos de entrega de productos a cada socio.

FINANCIAMENTO

Artigo 10º

Este programa financiarase con cargo ós conceptos orzamentarios 09.03.614-A.778.00 e 09.03.614-A.778.03, programas de defensa dos vexetais, dos presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995 dotados con 30.250.000 ptas. e 79.750.000 ptas., respectivamente, para esta finalidade.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O incumprimento dalgún dos requisitos especificados nesta orde poderá dar lugar á perda total ou parcial das axudas, sen perxuízo das accións xudiciais que poidan devengar.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias para dicta-las normas precisas para a aplicación da presente orde.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 1995.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

ANEXO I

RELACIÓN DE CULTIVOS E ORCANISMOS NOCIVOS

1. Vide.

-Mera. Só nos casos de contar con equipamento e programa necesarios para o seguimento e evolución do fungo.

-Podremia gris.

-Avelaíña do ocio. Seguimento de predios piloto onde se controlará o seu ciclo mediante trampas de feromonas, facendo cómputos de posta e penetración.

-Excoriose. Admítense os tratamentos con arsenito sódico. No caso de usar este tipo de producto, a entidade agraria que faga a petición deberá poñerse en contacto co persoal técnico da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, para a supervisión e seguimento da súa aplicación.

-Acariose.

2. Froiteiras.

-Moteado. Só nos casos de contar con equipamento e programa necesarios para o seguimento e evolución do fungo.

-Piollo de San Xosé.

-Ácaros.

-Avermado.

-Minadores das follas.

-Pulgóns.

3. Patacas.

-Mera. Só nos casos de contar co equipamento e programa necesarios para o seguimento e evolución do fungo.

-Avelaíña. Farase un seguimento do seu ciclo mediante trampas para poder realizar un control racional e eficaz da praga.

-Vermes brancos.

-Vermes grises.

-Vermes de arame.

4. Millo.

-Vermes brancos.

-Vermes grises.

-Vermes de arame.

5. Praderías.

-Verme cortador (Cirphis sp.), e típula. Só cando se realicen controles de seguemento do ciclo biolóxico en predios piloto, e a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, á vista do resultado dos cómputos, así o aconselle.

-Labazas (Rumex sp.).

6. Hortícolas ó aire libre.

-Desinfección das plantas por inmersión antes da súa plantación.

-Tratamento de inverno do amorodo.

-Vermes brancos.

-Vermes grises.

-Vermes de arame.

-Mosca branca.

-Mixardos.

-Ácaros.

-Pulgóns.

-Minadores das follas.

7. Ornamentais ó aire libre.

-Desinfección de material vexetal de reproducción.

-Mosca branca.

-Pulgóns.

-Mixardos.

-Vermes brancos.

-Vermes grises.

-Vermes de arame.

-Ácaros.

8. Cultivo baixo cuberta.

-Desinfección de material vexetal de reproducción.

-Desinfección de solos. Admítese a aplicación de bromuro de metilo sempre e cando a faga unha empresa de tratamentos autorizada para tal fin, debendo presenta-lo contrato-factura de aplicación no momento de xustifica-la subvención.

-Mosca branca.

-Mixardos.

-Pulgóns.

-Minadores de follas.

-Ácaros.