Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 10 de maio de 1995 Páx. 3.440

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 5 de abril de 1995 pola que se regula o procedemento para admisión de alumnos en educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria en centros sostidos con fondos públicos.

O Decreto 87/1995, do 10 de marzo, establece os criterios de admisión de alumnos nos centros docentes dos niveis non universitarios sostidos con fondos públicos. Na súa disposición derradeira facúltase a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións que esixa o desenvolvemento e a execución do dito decreto. A experiencia acumulada neste tema desde o ano

1986 aconsella introducir distintas modificacións no procedemento actual de admisión para facelo máis operativo. Polo tanto, esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.-A admisión de alumnos e alumnas nos centros de educación infantil, educación primaria e educación secundaria obrigatoria sostidos con fondos públicos realizarase de acordo cos criterios que figuran como anexo I desta orde e desenvolverase segundo o establecido nos artigos seguintes.

Segundo.-Os directores dos centros establecerán un período do 1 ó 10 de marzo para que tódolos alumnos e alumnas do centro poidan formaliza-la reserva de praza sen que a súa continuidade nel requira novo proceso de admisión.

Terceiro.-Para os efectos de escolarización de alumnos e alumnas sen necesidade de novo proceso de admisión, os delegados provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Univesitaria, de acordo coa planificación previamente realizada para atende-las necesidades de escolarización, poderán adscribi-los centros públicos de educación primaria a institutos de educación secundaria nos que se imparta educación secundaria obrigatoria. Esta mesma adscrición poderá aprobarse para os centros privados concertados, a solicitude destes, e realizarase preferentemente entre aqueles centros que estean no mesmo recinto escolar ou que pertenzan ó mesmo titular.

Cuarto.-Fixada a capacidade dos centros pola inspección educativa e formalizadas as reservas de prazas, os directores dos centros farán público, antes do 16 de marzo, o número de postos escolares dispoñibles para o curso seguinte especificados por curso e nivel.

Quinto.-O prazo de presentación de solicitudes de admisión será do 16 de marzo ó 16 de abril. Cando este último coincida con día non lectivo prorrogarase automaticamente ata o primeiro día hábil.

Sexto.-As solicitudes axustaranse ó modelo oficial que se publica como anexo II a esta orde e presentaranse xunto coa documentación que acredite o cumprimento dos requisitos académicos esixidos e con tódolos xustificantes dos criterios de baremación establecidos no anexo I.

Sétimo.

1. Cada solicitante presentará no centro que solicita en primeiro lugar unha única instancia, relacionando nela, por orde de preferencia, tódolos centros nos que solicita praza.

2. A presentación de máis dunha solicitude será causa de exclusión do proceso de baremación, procedéndose a súa escolarización ó final do proceso.

3. No caso de que o alumno non obtivese praza no centro solicitado en primeiro lugar, o director remitirá a solicitude, xunto coa correspondente documentación, á Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que procederá a escolariza-lo alumno de acordo co que se dispón nesta orde.

Oitavo.-Sen prexuízo do sinalado no punto 7.1, as delegacións provinciais da Consellería de Eduación e Ordenación Universitaria poderán dispoñer que, en determinadas localidades, as solicitudes se presenten nun único centro ou dependencia.

Noveno.-Os alumnos que soliciten e obteñan praza nun centro distinto ó que lle conresponda, segundo a distribución de zonas de influencia aprobada pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, non terán dereito a ningún dos servicios complementarios establecidos con carácter gratuíto.

Décimo. As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria delimitarán as zonas de influencia dos centros co obxecto de aplica-la puntuación que corresponda por proximidade do domicilio. Para determina-la área de influencia de cada centro terase en conta a súa capacidade e a poboación a escolarizar do seu ámbito.

Décimo primeiro.-Os órganos competentes dos centros, conforme o establecido no artigo 17 do Decreto 87/1995, do 10 de marzo, adxudicaranlle-los postos escolares vacantes ós alumnos que o soliciten e reúnan os requisitos previstos no artigo 6 do dito decreto, conforme os seguintes criterios:

a) No suposto que nun centro existan máis prazas vacantes ca solicitudes, serán admitidos tódolos solicitantes.

b) Se o número de solicitantes é superior ó de prazas vacantes, adxudicaránselles estas ós solicitantes que obteñan maior puntuación, logo de aplica-los criterios de baremación fixados no anexo I desta orde.

Décimo segundo.-A resolución pola que se adxudican as prazas e a relación de solicitantes, coa totalidade da puntuación outorgada por apartados, farase pública antes do 10 de maio no taboleiro de anuncios do centro. Simultaneamente enviaranse á delegación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria copias das mesmas xunto co número de prazas non cubertas, detalladas por cursos e niveis e coa documentación que sinala o apartado 3 do punto 7º.

Décimo terceira.

1. As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán constituír, nas localidades que crean conveniente, comisións de escolarización. Estas comisións terán como funcións: propoñe-la delimitación das zonas de influencia dos centros para a súa aprobación segundo se establece no apartado 10º e distribuír aqueles alumnos que non obteñan posto escolar no centro solicitado en primeiro lugar entre os centros que conten con prazas vacantes, tendo en conta as preferencias dos alumnos e os criterios de baremación establecidos no anexo I.

2. As resolucións das comisións de escolarización ou, se é o caso, da inspección educativa serán remitidas a cada centro, onde se farán públicas, antes do 10 de xuño, xunto coa documentación dos alumnos destinados a el.

Décimo cuarto.-As delegacións provinciais de educación adoptarán, se é o caso, as medidas necesarias para garanti-la escolarización dos alumnos do ensino básico.

Décimo quinto.-As comisións de escolarización estarán integradas por:

-Un membro da inspección educativa, designado polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como presidente.

-Un director dun centro público designado polo delegado.

-Un titular dun centro concertado designado polo delegado.

-Dous representantes dos pais de alumnos: un designado polas federacións das asociacións de pais de alumnos de centros públicos e outro designado polas federacións das asociacións de pais de alumnos de centros privados concertados.

-Un representante do concello.

Actuará como secretario da comisión, con voz pero sen voto, un funcionario designado polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Décimo sexto.-Os alumnos admitidos en cada centro formalizarán a súa matrícula nel do 15 ó 30 de xuño. Trascorrido este prazo, entenderase que o alumno non matriculado renuncia á praza.

Décimo sétimo.-Rematado o prazo de matrícula, os directores de centros públicos e titulares de centros concertados comunicaranlle á delegación provincial de Educación o número de postos escolares vacantes especificando curso e nivel.

Décimo oitavo.-Os alumnos que, por causas debidamente xustificadas (traslado de localidade, ou outras), non se matricularan nos prazos fixados, presentarán a súa solicitude, xunto cos xustificantes correspondentes, na Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá segundo proceda, tendo en conta o informe da inspección.

Décimo noveno.-Contra as resolucións dos consellos escolares, das comisións de escolarización e, se é o caso, da inspección educativa poderá presentarse reclamación, no prazo de tres días contados a partir da data da súa publicación, ante o órgano que as dictou, que deberá resolver no prazo de cinco días. Contra desta resolución poderá interpoñerse recurso, no prazo de cinco días contados a partir da súa comunicación, perante a Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá no prazo de cinco días. Todo isto sen prexuízo do establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Vinte.-As persoas que teñan acceso á documentación presentada polos solicitantes no proceso de admisión de alumnos terán o mesmo deber de sixilo

en relación con ela cós funcionarios da Administración pública.

Disposicións transitorias

Primeira.-A presente orde será de aplicación para a admisión de alumnos de centros sostidos con fondos públicos de educación xeral básica, mentras non se extingan estas ensinanzas.

Segunda.-As datas e prazos das distintas fases do proceso de admisión e matrícula de alumnos de 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria, mentres non se xeneraliza a implantación deste etapa, serán as que rexan para os alumnos dos centros de bacharelato unificado e polivalente e de formación profesional.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros para dicta-las normas necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Criterios de admisión

CRITERIO PRIORITARIO.

Os solicitantes que padezan minusvalidez física, psíquica ou sensorial terán prioridade para seren admitidos naqueles centros que estean levando a cabo proxectos educativos de integración na discapacidade específica, sempre que o informe do equipo psico-pedagóxico de apoio aconselle esta modalidade de escolarización como a máis axeitada para o alumno.

Xustificante: informe do equipo psicopedagóxico de apoio.

PROXIMIDADE DO DOMICILIO

a) Alumnos con domicilio na zona de influencia do centro solicitado5 puntos.

b) Alumnos con domicilio en zonas limítrofes á do centro solicitado2 puntos.

c) Alumnos con domicilio no mesmo concello có centro solicitado1 punto.

d) Alumnos que non estean en ningunha das circunstancias anteriores0 puntos.

Xustificante: certificado de empadroamento, expedido polo concello.

RENDA ANUAL DA UNIDADE FAMILIAR.

a) Rendas iguais ou inferiores ó dobre do salario mínimo interprofesional2 puntos.

b) Renda superiores ó dobre do salario mínimo interprofesional que non sobrepasen ó cuádruplo do salario mínimo interprofesional1 punto.

c) Rendas superiores ó cuádruplo do salario mínimo interprofesional0 puntos.

Xustificante: fotocopia compulsada da declaración da renda. Se os pais do solicitante fan a declaración por separado, presentarase fotocopia compulsada de ámbalas dúas. (de non presentala outorgaránselle 0 puntos por este apartado).

EXISTENCIA DE IRMÁNS MATRICULADOS NO CENTRO.

a) Primeiro irmán no centro3 puntos.

b) Por cada un dos irmáns seguintes1 punto.

Xustificante: comprobación por parte do centro.

OUTROS CRITERIOS.

a) Pola condición de familia numerosa1 punto.

Xustificante: fotocopia compulsada do título de familia numerosa.

b) Pola condición de minusválido1 punto.

Xustificante: certificado médico.

CRITERIOS PARA RESOLVE-LOS CASOS DE EMPATE NA PUNTUACIÓN OUTORGADA ÓS SOLICITANTES

a) Maior puntuación obtida no apartado de proximidade domiciliaria.

b) Maior puntuación obtida no apartado de irmáns matriculados no centro

c) A condición de minusvalidez.

d) A condición de familia numerosa.

e) Maior puntuación obtida no apartado de renda anual da unidade familiar.

f) O sorteo público ante o consello escolar do centro.