Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 08 de maio de 1995 Páx. 3.353

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 27 de abril de 1995 sobre delegación de atribucións no secretario xeral.

A experiencia adquirida e o crecente volume da actividade desenvolvida por este instituto aconsella, por principios de economía, celeridade e eficacia, proceder á delegación de funcións atribuídas ó titular da dirección xeral no secretario xeral.

Por isto, de acordo co previsto no artigo 7.2º h) do Decreto 108/1991, do 27 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo, no artigo 72.4º da Lei de réxime financeiro e presupostario de Galicia nos artigos 13 e 14 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais de aplicación xeral,

RESOLVO:

Primeiro.-Deléganse no secretario xeral as seguintes atribucións:

a) O despacho e resolución de tódolos expedientes e asuntos de carácter administrativo que lle estean atribuídos ó director xeral do instituto.

b) A autorización e disposición de créditos e dotacións, o recoñecemento das abrigas e a ordenación dos pagamentos relativos á actividade económica e financeira desenvolvida polo instituto, dentro dos límites autorizados legalmente.

c) As facultades que lle corresponden ó director xeral en materia de persoal, non sendo as que se encontren legalmente reservadas á competencia exclusiva daquel.

Segundo.-As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das facultades contidas na presente disposición farán constar, de forma expresa, a dita circunstancia e consideraranse dictadas pola autoridade que as conferiu.

Terceiro.-O director xeral poderá avocar para si, en calquera momento, a competencia para o despacho e resolución dos expedientes ou asuntos obxecto desta delegación.

Cuarto.-A presente resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 1995.

José Antonio Redondo López

Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo