Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 08 de maio de 1995 Páx. 3.337

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 18 de abril de 1995 pola que se regula a oferta de prazas xuvenís dentro do programa Campaña Verán-95 de ámbito nacional e internacional.

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude, leva a cabo o programa: fomento da actividade xuvenil, figurando entre os seus obxectivos a promoción e organización de actividades de animación sociocultural destinadas á xuventude no ámbito do ocio e o tempo libre.

Asumidas as competencias neste eido polo Decreto 2434/1982, do 24 de xullo, e consciente esta consellería da importancia que ten facilitar canles polas que a xuventude poida participar neste tipo de actividades, é polo que este ano, ó igual que en anos anteriores, se convoca a Campaña Verán-95.

A oferta da Campaña Verán-95 comprende, ademais daquelas que se desenvolven na Comunidade Autónoma galega, actividades de ámbito nacional e internacional, tendo lugar a súa celebración noutras comunidades autónomas de España e en diversos países estranxeiros.

A Dirección Xeral de Xuventude pretende potencia-los intercambios de mozos, a través de campos de traballo voluntarios, rutas turístico-culturais, e outras actividades relacionadas co ocio e o tempo libre, todas elas organizadas fóra de Galicia, co fin de enriquece-la cultura da mocidade, a través da convivencia con outros mozos doutras comunidades autónomas ou de países estranxeiros: os seus costumes, folclore, gastronomía e formas de vida.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Co obxectivo de facilitar ós mozos a participación en actividades de tempo libre organizadas fóra de Galicia, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude, oferta un plan xeral de actividades que se detalla nos anexos I ó III da presente orde.

As diferentes actividades que integran esta oferta xeral desenvolveranse nas comunidades autónomas de España e en diversos países estranxeiros.

Nos servicios de xuventude das delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, nas oficinas de información xuvenil, puntos de información xuvenil ou nas oficinas TIVE-Galicia, os mozos poden solicitar folletos de convocatoria da presente campaña, onde se detalla unha información ampla sobre a organización de cada actividade, lugar de celebración e características de cada unha.

Artigo 2º.-A Dirección Xeral de Xuventude organiza e coordina tódalas actividades motivo da presente convocatoria a través da Oficina de Turismo e Intercambios de Mozos e Estudiantes de Galicia (TIVE-GALICIA).

Artigo 3º.-Servicios ofertados.

A oferta da Campaña de Verán-95 supón a inscrición individual e permítelle á xuventude dispoñer dos seguintes servicios:

3.1. Un programa de actividades que posibilite a participación do mozo.

3.2. Aloxamento en réxime de albergue xuvenil, residencia xuvenil ou acampadas.

3.3. Manutención en réxime de pensión completa.

3.4. O material necesario para a actividade.

3.5. Un equipo técnico de persoal especializado en animación socio-cultural e actividades de tempo libre.

3.6. Seguro de accidentes.

Artigo 4º.-Programas.

A oferta da Campaña Verán-95 noutras comunidades autónomas e no estranxeiro consta dos seguintes programas:

4.1. Intercambios bilaterais con outras comunidades autónomas (anexo I).

Este programa comprende actividades en albergues e campamentos, de aire libre e natureza, rutas turístico-culturais, recreativos, obradoiros, etc., todas elas supervisadas e dirixidas por persoal técnico especializado.

4.2. Campos de traballo, noutras comunidades autónomas (anexo II).

Este programa ofértalle á mocidade unha variedade de campos de traballo no referente ós obxectivos: medio ambiente, reconstruccións, arqueoloxía, ecoloxía, etnografía, xardinería, restauracións do patrimonio, etc., pero sempre mantendo a filosofía de que un campo de traballo é unha forma particular de prestación de servicio voluntario.

En tódalas variedades de campos de traballo inclúese a realización de actividades de tempo libre e o coñecemento de valores culturais, xeográficos e turísticos do lugar, e neles encóntrase unha boa oportunidade para ó desenvolvemento das aptitudes e capacidades de cada individuo.

4.3. Campos de traballo no estranxeiro (anexo III).

Son campos de traballo que se realizan en países estranxeiros. Organízaos o Instituto da Xuventude do Ministerio de Asuntos Sociais, en colaboración con asociacións estranxeiras, que son as que organizan os campos.

Artigo 5º.-Participantes.

Poden solicita-la súa participación nas actividades indicadas no artigo 4º os mozos con idades comprendidas no rango de idades que se especifica para cada actividade nos anexos I ó III. Para estes efectos, as ditas idades entenderanse cumpridas durante o ano 1995, excepto naqueles casos en que a idade mínima son os 18 anos, en que se entenderán cumpridos antes do comezo da actividade.

Artigo 6º.-Solicitude e adxudicación de prazas.

6.1. Programa.

-Intercambios bilaterais con outras comunidades autónomas.

As solicitudes (anexo IV) dirixiranse ó director xeral de Xuventude, e presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, na Dirección Xeral de Xuventude ou por calquera dos medios establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A adxudicación realizarase da seguinte forma:

a) Por adxudicación directa, no caso de que a demanda non supere a oferta de prazas.

b) Por sorteo, no suposto de que o número de solicitudes supere o número de prazas dispoñibles. O sorteo realizarase unha vez cerrado o prazo de solicitude e recibidas tódolas solicitudes.

6.2. Programas.

-Campos de traballo noutras comunidades autónomas.

-Campos de traballo no estranxeiro.

A reserva de prazas farase a través do Teléfono Xove 902/ 15 25 35 e posterior presentación da solicitude (anexo V para campos de traballo no estranxeiro e anexo VII para campos de traballo noutras comunidades autónomas).

Artigo 7º.-Prazo.

O prazo de solicitude iniciarase o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, e rematará o día 29 de maio de 1995.

Artigo 8º.-Documentación.

Os mozos participantes seleccionados deberán presentar na Dirección Xeral de Xuventude ou nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude a seguinte documentación:

8.1. Xustificación de pagamento.

8.2. Fotocopia do DNI ou libro de familia.

8.3. Fotocopia de documento de afiliación á Seguridade Social ou seguro médico.

8.4. Documento E-111 da Seguridade Social (os mozos participantes en actividades no estranxeiro).

8.5. Cuestionario médico-sanitario (anexo VI).

8.6. Certificado médico (de non padecer enfermidade e de estar apto para participar na dita actividade).

Artigo 9º.-Cotas.

As cotas de aplicación a cada actividade e quenda están indicadas nos anexos I ó III.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 1995.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude