Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Luns, 08 de maio de 1995 Páx. 3.331

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 5 de abril de 1995 pola que se regula a oferta de prazas xuvenís dentro do programa Campaña Verán-95 que se desenvolverán nas instalacións xuvenís de Galicia.

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Xuventude, leva a cabo o programa Fomento da Actividade Xuvenil, figurando entre os seus obxectivos a promoción e organización de actividades de animación sociocultural destinadas á xuventude no ámbito do ocio e o tempo libre.

Asumidas as competencias neste eido polo Decreto 2434/1982, do 24 de xullo, e consciente esta consellería da importancia que ten facilitar canles polas

que a mocidade poida participar nese tipo de actividades, é polo que este ano, ó igual que en anos anteriores, se convoca a Campaña Verán-95.

A oferta da Campaña Verán-95 comprende actividades en albergues, campamentos, campos de traballo voluntarios, rutas turístico-culturais e deportivas e outras relacionadas co ocio e o tempo libre, cun carácter convivencial, todas elas dirixidas a mozos e mozas individualmente consideradas.

O obxecto da Dirección Xeral de Xuventude con esta campaña é atende-la demanda individual, cada día máis crecente, de mozos e mozas no campo do ocio e o tempo libre utilizando para este fin as instalacións e medios de que dispón o dito centro xestor. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Co obxectivo de facilitarlle á xuventude a participación en actividades de tempo libre, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude a través da Dirección Xeral de Xuventude oferta un plan xeral de actividades que se detalla no anexo I da presente orde.

Este plan xeral de actividades desenvolverase en virtude do uso preferente das instalacións xuvenís pola Dirección Xeral de Xuventude e sen prexuízo da reserva correspondente de prazas para a oferta concertada (Orde do 15 de marzo de 1995), e para alberguistas.

Nos servicios de xuventude das delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, nas oficinas TIVE-Galicia e nas oficinas e puntos de información xuvenil os interesados poden solicitar folletos informativos da convocatoria da presente campaña, onde se detalla unha información ampla sobre cada actividade e da instalación xuvenil onde se leve a cabo.

Artigo 2º.-Servicios ofertados.

A oferta da Campaña Verán-95 supón a inscrición individual permitíndolle á xuventude dispoñer dos seguintes servicios:

2.1. Un programa de actividades de carácter socio cultural, recreativo, formativo, de convivencia, etc.... que posibilite a participación do mozo.

2.2. Aloxamento en réxime de albergue xuvenil, residencia xuvenil ou acampadas.

2.3. Manutención en réxime de pensión completa.

2.4. O material necesario para a actividade.

2.5. Un equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre.

2.6. Atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.

Artigo 3º.-Participantes.

De acordo coas prazas dispoñibles poderán solicita-la súa participación nas actividades programadas, os mozos e mozas de ata 30 anos, segundo se especifica para cada actividade, podendo elixir entre as que se desenvolven na súa provincia ou fóra dela. As idades que se especifican para cada actividade entenderanse cumpridas durante o ano 1995, agás nos casos en que a idade mínima sexan os 18 anos, en que se entenderán cumpridos antes do comezo da actividade.

Artigo 4º.-Quenda.

As quendas de actividades terán unha duración de 15 días e desenvolveranse durante os meses de xullo e agosto, establecéndose por cada quenda un mínimo de 30 participantes.

Artigo 5º.-Solicitude.

As solicitudes deberán formularse no impreso que se indica no anexo II, desta orde. Cada mozo unicamente poderá cubrir unha solicitude e un máximo de cinco quendas ou actividades por solicitude. (Cada quenda ou actividade vai identificado cun código no reverso da solicitude).

Artigo 6º.-Procedemento de solicitude.

As solicitudes dirixiránselle ó director xeral de Xuventude, e presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, na Dirección Xeral de Xuventude, ou por calquera dos medios establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Prazo.

O prazo de solicitude iniciarase o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 29 de maio de 1995.

Artigo 8º.-Adxudicación de prazas.

A adxudicación realizarase da seguinte forma:

8.1. Por adxudicación directa, no caso de que a demanda non supere a oferta de prazas.

8.2. Por sorteo, no suposto de que o número de solicitudes supere o número de prazas dispoñibles.

8.3. O sorteo realizarase, unha vez cerrado o prazo de solicitude e recibidas tódalas solicitudes.

8.4. O resultado do sorteo farase público, confeccionando as correspodentes listas de admitidos e de espera para cada quenda e actividade.

Artigo 9º.-Documentación.

Os participantes seleccionados deberán presentar na Delegación Provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude organizadora da actividade, antes do 14 de xuño de 1995:

9.1. Xustificante de pagamento.

9.2. Fotocopia do DNI ou libro de familia.

9.3. Fotocopia do documento de afiliación á Seguridade Social ou seguro médico.

9.4. Cuestionario médico-sanitario (anexo III).

9.5. Declaración xurada de que sabe nadar, só para os participantes en actividades de náutica: vela, táboa, esquí acuático e piragüismo.

9.6. Certificado médico de non padecer ningunha enfermidade e de estar apto para participar na actividade.

En caso contrario decaerá a adxudicación realizada e corresponderalle ó seguinte solicitante da lista de espera.

Artigo 10º.-Cotas

As cotas de aplicación para cada actividade e quenda (anexo I) están establecidas de acordo coa Orde do 2 de xaneiro de 1995 pola que se fixan as tarifas e prezos en servicios de xuventude nas instalacións xuvenís para o ano 1995 (DOG nº 6, do 10 de xaneiro).

Disposicións derradeiras

Primeira.- Facúltase o director xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 1995.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude