Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Xoves, 04 de maio de 1995 Páx. 3.214

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 23 de marzo de 1995, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do texto revisado do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo.

Visto o texto revisado do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de conflictos de traballo, en virtude dos acordos adoptados pola súa comisión paritaria na reunión celebrada o día 15 de marzo de 1995 e de conformidade co disposto no artigo 83.3º da Lei 8/1980, 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores e no artigo 2, apartados c) e e) do Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo. A Dirección Xeral de Relacións Laborais,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición dos devanditos acordos no correspondente rexistro desta dirección

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 1995.

Juan Pedrosa Vicente

Director xeral de Relacións Laborais

Acordo interprofesional galego sobre procedementos

extraxudiciais de solución de conflictos de traballo

(texto revisado pola comisión paritaria do 15-3-1995)

PREÁMBULO

O sistema español de solución de conflictos presenta unha xudicialización excesiva. Urxe, en consecuencia, articular tecnicamente vías alternativas que axuden á súa necesaria desxudialización, pois, en efecto, repárese en que o dereito fundamental á tutela xudicial efectiva (artigo 24 CE) deixa de satisfacerse se a solución xudicial chega tardiamente a resolve-los conflictos presentados.

A pobreza e tardanza do lexislador estatal no desenvolvemento de técnicas extraxudiciais de composición dos conflictos laborais obriga ás partes sociais a recorrer ós procedementos ó seu alcance para reencher tan notoria lagoa. Tales procedementos, reclamados insistentemente xa nos acordos-marco e pactos sociais da vella concertación social da transición política e da crise económica, fundaméntanse en dous principios constitucionais: O principio de autonomía colectiva, consagrado nos artigos 7, 28.1 e 37.1 e 2 CE; e o principio de autonomía política, recoñecido no artigo 2 do texto constitucional e desenvolvido ó longo do seu título VIII e dos estatutos de autonomía das comunidades autónomas.

Doutra parte, a Lei orgánica de liberdade sindical recolle o dereito dos sindicatos representativos a participar en sistemas non xurisdiccionais de solución dos conflictos de traballo artigos 6.3º d) e 7.1º e 2º. E o recente texto refundido da Lei de procedemento laboral invita ós interlocutores sociais a establecer «órganos de conciliación... a través dos acordos profesionais ou dos convenios colectivos a que se refire o artigo 83 do Estatuto dos traballadores» (artigo 153.1º). Como di a sentencia do Tribunal Constitucional 210/1990, do 20 de decembro, nos procesos de conflicto colectivo «a solución extraxudicial resulta especialmente desexable ó estar en xogo tamén a propia autonomía colectiva» (fundamento xurídico 1).

En fin, a construcción dun sistema de relacións laborais acomodado ás peculiaridades e intereses propios da realidade socioeconómica e laboral de Galicia debe transcorrer a través da autonomía colectiva, dada a falta de competencia lexislativa de Galicia no ámbito material da lexislación laboral, e sen prexuízo das súas competencias de execución da devandita lexislación asumidas a través do artigo 29.1º do seu Estatuto de autonomía a partir do artigo 149.1º CE.

Por todo isto, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e as organizacións sindicais máis representativas da Comunidade Autónoma, Unión Xeral de traballadores de Galicia (UGT), Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) e Converxencia Intersindical Galega (CIG) conviñeron en asinar un acordo sobre materia concreta, dos previstos no artigo 83.3º do Estatuto dos traballadores, para regula-los procedementos extraxudiciais de solución dos conflictos laborais en Galicia, acordo que foi asinado o día 4 de marzo de 1992 (DOG do 8 de abril).

Por outra banda, a reforma laboral levada a cabo en 1994 aconsella adapta-lo contido do acordo ás previsións daquela, basicamente no que respecta ós requisitos de lexitimación e de procedemento negocial, que se suavizan para facilita-la válida constitución das comisións negociadoras, a adopción de acordos no seu seo e, en definitiva, a negociación de eficacia xeral.

Asemade, os dous anos longos de funcionamento do acordo fixeron precisa a intervención da súa comisión paritaria para tomar decisións de interpretación, aplicación e, mesmo, revisión do texto daquel, moitas das cales, pola súa importancia, parece conveniente incorporar no seu articulado, elaborándose así un texto integrado do acordo, do xeito que se formula a continuación.

Capítulo I. Disposicións xerais.

Artigo 1º.-Natureza xurídica do acordo.

O presente acordo interprofesional estipúlase ó abeiro do establecido no artigo 83.3º do Estatuto dos traballadores e constitúe un acordo sobre a determinación de procedementos de solución extraxudicial de conflictos colectivos de traballo, que goza da eficacia prevista no Estatuto dos traballadores para os convenios colectivos regulados pola antedita lei. Non necesita a incorporación expresa das súas cláusulas ós convenios colectivos celebrados na Comunidade Autónoma de Galicia para a súa efectividade e vixencia.

Artigo 2º.-Partes negociadoras.

As partes asinantes do presente acordo interprofesional son, dunha banda, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e, doutra, as organizacións sindicais Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT), Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CC.OO) e Confederación Intersindical Galega (CIG). Ambalas dúas partes recoñécense mutua e reciprocamente capacidade e lexitimación para a sinatura do presente acordo a teor do disposto nos artigos 83, 87 e 88 do Estatuto dos traballadores e 6 e 7 da Lei orgánica de liberdade sindical e preceptos concordantes.

Artigo 3º.-Ámbito territorial e funcional.

1.-O ámbito de aplicación do presente acordo é o correspondente á Comunidade Autónoma de Galicia.

2.-Os procedementos de solución de conflictos previstos neste acordo interprofesional serán de apli

cación cando o ámbito territorial no que se produzan os efectos dos conflictos de interpretación de normas estatais, ou de conflictos de interpretación ou de intereses dos convenios ou pactos colectivos, se atope dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Ámbito obxectivo.

Os procedementos de solución previstos neste acordo interprofesional serán de aplicación ós seguintes tipos de conflictos colectivos de traballo, sen prexuízo do disposto na disposición derradeira primeira:

a) Conflictos de intereses no ámbito das relacións colectivas de traballo.

b) Conflictos de interpretación ou aplicación dunha norma estatal ou de Comunidade Autónoma.

c) Conflictos de interpretación ou aplicación de convenio ou pacto colectivo, calquera que sexa a súa eficacia.

d) Conflictos de interpretación ou de aplicación de decisión ou práctica de empresa.

e) Conflictos na determinación de servicios de mantemento en caso de folga.

Artigo 5º.-Duración.

1.-O presente acordo entrará en vigor o día 1 de xuño de 1992, con independencia da data de publicación no Diario Oficial de Galicia.

2.-A súa vixencia alcanzará ata o 31 de decembro de 1993, podendo denunciarse por escrito por calquera das partes asinantes cun preaviso mínimo de tres meses. A falta de denuncia en tempo e forma, o acordo prorrogará a súa vixencia por períodos anuais, conforme o disposto polo artigo 86.2º do Estatuto dos traballadores.

Capítulo II. Interpretación e aplicación de convenios e pactos colectivos polas comisións paritarias dos mesmos.

Artigo 6º.-Intervención das comisións paritarias de convenio.

1.-Os conflictos colectivos derivados da interpretación ou aplicación dos convenios ou pactos colectivos que tiveran establecido como trámite obrigatorio acudir á comisión paritaria dos mesmos para a súa resolución deberán ser sometidos á devandita comisión paritaria con carácter previo á promoción de calquera dos procedementos de composición previsto neste acordo.

2.-Para estes efectos, considerarase efectivamente establecida a comisión paritaria dun convenio colectivo, cando no texto do convenio conste a súa sede ou as organizacións que forman parte da mesma.

Artigo 7º.-Actuación da comisión paritaria.

A falta de normas de procedemento contidas no propio convenio ou pacto colectivo, a intervención da comisión será solicitada por calquera das partes asinantes do convenio ou pacto colectivo, ou polos

lexitimados segundo o artigo 12, mediante escrito dirixido á sede da comisión designada no convenio ou pacto ou, no seu defecto, ante o Servicio de Solución de Conflictos do Consello Galego de Relacións Laborais, que asumirá o deber de promove-la convocatoria inmediata da comisión.

Artigo 8º.-Decisión da comisión paritaria.

1.-Sen prexuízo de calquera outra función atribuída por convenio ou pacto colectivo, a comisión paritaria deberá resolve-los conflictos de interpretación ou aplicación do convenio ou pacto colectivo, o que se efectuará mediante decisión adoptada por maioría de cada parte compoñente da comisión.

2.-A solución así obtida incorporarase ó contido do convenio ou pacto interpretado.

3.-Se o acordo acadado reunise os requisitos de maiorías suficientes para dotalo de eficacia xeral, será obxecto de inscrición e publicación oficial, salvo pacto en contrario.

Artigo 9º.-Esgotamento do procedemento previo ante a comisión paritaria.

1.-A falta de normas de procedemento do propio convenio ou pacto colectivo, considerarase esgotado ou decaído o trámite previo ante a comisión paritaria do convenio se esta non lograse alcanzar un acordo ou, en todo caso, se transcorresen 20 días naturais desde a solicitude sen que a solución se produza.

2.-Da imposibilidade de acordo levantarase acta da que se deberá facilitar copia ós interesados.

3.-Non se computará para efectos do prazo sinalado no parágrafo primeiro o período de vacacións laborais, cando o seu desfrute fora establecido con carácter xeral para todo o persoal dentro do ámbito do convenio ou pacto.

Capítulo III. Procedementos de solución

de conflictos.

Sección primeira: disposicións comúns ós procedementos de solución de conflictos.

Artigo 10º.-Obxecto dos procedementos de solución de conflictos.

1.-Os procedementos de solución de conflictos de traballo instaurados neste acordo interprofesional consisten nun procedemento de conciliación e mediación e nun procedemento de arbitraxe.

2.-Os conflictos colectivos de intereses e os conflictos de interpretación ou aplicación de normas legais e regulamentarias, convenios ou pactos colectivos e de decisión ou práctica de empresa, que se susciten no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, regularanse para a súa resolución polas normas relativas ó procedemento de conciliación e mediación previsto na sección segunda deste capítulo III. Nos supostos de conflictos xurídicos ou interpretativos nacidos de convenio ou pacto colectivo, haberá de acreditarse o cumprimento do trámite previo de esgotamento do procedemento ante a comisión paritaria cando este se configure como obrigatorio, segundo o establecido no capítulo II deste acordo.

3.-Fracasado o procedemento de conciliación e mediación, ó que se refire o parágrafo anterior, os conflictos colectivos de intereses e os conflictos de interpretación ou aplicación de normas legais e regulamentarias, de convenios ou pactos colectivos e de decisión e práctica de empresa poderán ser obxecto do procedemento de arbitraxe previsto na sección terceira deste capítulo.

4.-Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, a resolución dos conflictos ós que se refire o parágrafo segundo deste artigo pode someterse voluntariamente polas partes ó procedemento de arbitraxe regulado na sección terceira deste capítulo, sen necesidade de acudir ó trámite previo de conciliación e mediación.

Artigo 11º.-Xestión dos procedementos.

O servicio de solución de Conflictos ó que se refire o artigo 29 deste acordo será o soporte administrativo e xestor dos procedementos aquí regulados. Este servicio recibirá os escritos a que dean lugar os procedementos, efectuará as citacións e notificacións, rexistrará os documentos oportunos e, en xeral, encargarase de cantas tarefas sexan precisas para posibilitar e facilita-lo axeitado funcionamento dos procedementos, de conformidade co que se establece nas disposicións seguintes.

Sección segunda: procedemento de conciliación e mediación.

Artigo 12º.-Suxeitos lexitimados.

Estarán lexitimados para promover este procedemento:

a) A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e as organizacións sindicais Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT), Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CC.OO) e Confederación Intersindical Galega (CIG), en calquera dos ámbitos ós que se refira o conflicto.

b) Os sindicatos que conten cun mínimo do 10 por 100 dos membros dos comités de empresa e delegados de persoal no ámbito funcional e xeográfico ó que se refira o conflicto.

c) As asociacións empresariais que conten co 10 por 100 dos empresarios que dea ocupación a igual porcentaxe dos traballadores afectados polo conflicto, sempre que o seu ámbito de actuación se corresponda ou sexa máis amplo có do conflicto, cando se trate de conflictos de ámbito superior á empresa.

d) Os empresarios e os órganos de representación unitaria dos traballadores, así como as representacións sindicais dos sindicatos citados nos apartados a) e b) cando se trate de conflictos de empresa ou de ámbito inferior.

Artigo 13º.-Promoción do procedemento de conciliación e mediación.

1.-A promoción do procedemento iniciarase coa presentación dun escrito dirixido ó Servicio de Solución de Conflictos do Consello Galego de Relacións Laborais.

2.-O escrito de iniciación deberá conte-los seguintes extremos:

a) O obxecto do conflicto, con especificación da súa xénese e desenvolvemento, da pretensión e dos argumentos que a fundamenten.

b) O colectivo de traballadores afectado polo conflicto e o ámbito territorial do mesmo.

c) A identificación do empresario ou dos suxeitos colectivos que ostenten lexitimación convencional para acollerse ó presente procedemento, no ámbito do conflicto de que se trate.

d) A acreditación da intervención da comisión paritaria, no caso de conflictos de interpretación ou aplicación de convenios ou pactos colectivos, calquera que sexa a súa eficacia.

e) Data e sinatura do empresario ou do suxeito colectivo que inicia o procedemento.

Artigo 14º.-Aceptación da promoción, iniciación do procedemento e emprazamento das partes.

1.-Se o suxeito ou suxeitos que promoven o procedemento non representasen á maioría absoluta dos traballadores ou ós empresarios que ocupen á maioría dos traballadores no ámbito do conflicto de que se trate, o responsable do Servicio de Solución de Conflictos consultará, no prazo de tres días hábiles, a conformidade da dita maioría para continua-lo procedemento entre os demais suxeitos da parte afectada, poñéndoo en coñecemento dos suxeitos promotores.

2.-Se non se obtiveran as maiorías a que se refire o parágrafo anterior, o Servicio de Solución de Conflictos procederá a arquiva-lo escrito de promoción, poñéndoo en coñecemento do suxeito ou suxeitos promotores e dos demais suxeitos afectados.

3.-Obtida e acreditada a maioría absoluta da representación dos traballadores ou a representación dos empresarios que ocupen á maioría dos traballadores no ámbito do conflicto presentado, o Servicio de Solución de Confictos remitirá o escrito de promoción á outra parte afectada polo conflicto, a fin de que esta, no prazo de tres días hábiles, preste a súa conformidade ó inicio do procedemento.

4.-Expresada a dita conformidade, o Servicio de Solución de Conflictos procederá a emprazar, no prazo de tres días hábiles, a tódolos suxeitos colectivos directamente implicados no conflicto, así como, en todo caso, ós representantes da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e das organizacións sindicais Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT), Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CC.OO) e Confederación Intersindical Galega (CIG), ós fins de constituí-la Comisión de Conciliación e Mediación.

A non prestación expresa da conformidade esixida determinará o arquivo das actuacións.

Artigo 15º.-Constitución da Comisión de Conciliación e Mediación.

1.-A Comisión de Conciliación e Mediación, de composición paritaria, quedará validamente cons

tituída coa presencia dos suxeitos colectivos que teñan promovido o procedemento e aceptado a súa iniciación e se atopen directamente afectados polo mesmo, en proporción á súa representación no ámbito do conflicto, ademais de tres representantes da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e de un representante de cada unha das organizacións sindicais Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT), Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CC.OO) e Confederación Intersindical Galega (CIG). En calquera caso, será necesario que cada parte represente, como mínimo, á maioría absoluta dos membros de comités de empresa e delegados de persoal e ós empresarios que ocupen á maioría dos traballadores do ámbito funcional e territorial do conflicto.

2.-A comisión estará constituída por un número de membros non superior a catorce, sete por cada unha das partes.

3.-Levantarase acta da sesión de constitución da Comisión de Conciliación e Mediación. No mesmo acto procederase, co auxilio do responsable do Servicio de Solución de Conflictos, a designar por unanimidade o conciliador-mediador, que será o presidente da mesma, con voz pero sen voto.

4.-Se non se lograra acordo unánime na designación do conciliador-mediador, o Servicio de Solución de Conflictos presentará ós membros da comisión unha lista impar de conciliadores-mediadores, da que unha e outra parte, por maioría, descartará nomes alternativos ata que quede un só nome.

5.-Por igual voto favorable da maioría de cada parte poderá designarse un conciliador-mediador non incluído no Rexistro de Conciliadores-Mediadores do Servicio de Solución de Conflictos do Consello Galego de Relacións Laborais, previsto no artigo 28.

Artigo 16º.-Celebración dos actos de conciliación.

O conciliador-mediador, unha vez designado, convocará a Comisión de Conciliación e Mediación no prazo máximo de tres días hábiles. Durante a comparecencia, intentará a avinza entre as partes, moderando o debate e concedendo ás partes cantas intervencións crea conveniente, podendo chegar a suxerir solucións equitativas, así como a convocatoria de novas sesións da comisión, co fin de chegar a un acordo.

Artigo 17º.-Terminación da conciliación.

O trámite darase por concluído nos seguintes supostos, que serán reflectidos en actas:

a) Mediante avinza entre as partes. Entenderase que esta existe cando se logre o voto favorable da maioría de cada parte. De cumprirse os requisitos de representatividade esixidos polo Estatuto dos traballadores, a avinza producirá os efectos dun convenio colectivo dos regulados pola antedita lei e será obxecto de rexistro e publicación oficial.

b) Mediante decisión adoptada polo voto favorable da maioría de cada parte de propoñer unha mediación formal conforme determina o artigo seguinte.

c) Mediante decisión adoptada polo voto favorable a maioría de cada parte de somete-las súas discrepancias ó procedemento de arbitraxe, que regula a sección terceira deste mesmo capítulo.

d) Mediante desavinza definitiva entre as partes, sen que as mesmas entendan posible acudir ó trámite consecutivo de mediación.

e) Mediante o transcurso de quince días hábiles desde a primeira reunión da comisión, que poderán ser prorrogados por acordo expreso das partes, sen que se adoptara ningunha das solucións anteriores.

Artigo 18º.-Trámite de mediación.

1.-Non acadada a avinza, as partes da Comisión de Conciliación e Mediación poderán acordar, pola maioría requirida no artigo precedente, que o mediador efectúe, no prazo máximo de cinco días hábiles, unha proposta de solución do conflicto sobre todos ou algúns dos puntos presentados. A antedita proposta deberá ser emitida de xeito motivado e por escrito, notificándose a tódolos membros da comisión.

2.-As partes intervenientes deberán expresar por escrito a súa aceptación, ou rexeitamento da proposta, que se presentará ó mediador. A proposta presumirase rexeitada por aquelas se, no prazo de cinco días hábiles contados desde o día seguinte ó da súa notificación, non presentasen o devandito escrito aceptando a proposta.

3.-No prazo de cinco días hábiles, o mediador redactará unha acta final que expresará os suxeitos e as causas polas que se rexeitou ou aceptou a proposta. Os efectos da acta final serán, en caso de aceptación da proposta, os propios dun convenio colectivo dos regulados no Estatuto dos traballadores, se se reunisen os requisitos de representatividade e de maiorías que establece a devandita lei, para o que a antedita acta será obxecto de rexistro e publicación oficial.

4.-No caso de que a proposta de mediación fose rexeitada, o mediador, se existise a vontade expresa e maioritaria das partes de someterse ó procedemento de arbitraxe, recolleraa na acta, que reunirá os requisitos referidos no artigo 21.4º, e remitirá a documentación tramitada ata o momento ó Servicio de Solución de Conflictos para que este proceda de acordo coas regras do artigo 21.5º.

Artigo 19º.-Efectos dos procedementos de conciliación e mediación.

A iniciación dos procedementos de conciliación e mediación impedirá a convocatoria de novas folgas e a adopción de medidas de peche patronal, o exercicio de accións xudiciais e o recurso ó procedemento administrativo previsto no RDL 17/1977, do 4 de marzo, de relacións de traballo.

Sección terceira: procedemento de arbitraxe.

Artigo 20º.-Supostos nos que procede aplica-lo procedemento de arbitraxe.

1.-O procedemento de arbitraxe requirirá a manifesta expresión da vontade das partes en conflicto

de someterse á decisión imparcial do árbitro, que terá carácter de obrigado cumprimento.

2.-O procedemento de arbitraxe procederá nos seguintes supostos:

a) Cando, intentada a conciliación sen avinza ou a mediación sen aceptación, as partes da Comisión de Conciliación e Mediación decidan somete-la resolución do conflicto ó procedemento arbitral, nos termos dos artigos 17.c) e 18.4º.

b) Cando, directamente, as partes afectadas por un conflicto dos mencionados no artigo 10 deste acordo, decidan somete-la resolución do mesmo a este procedemento, nos termos do artigo 21.3º.

Artigo 21º.-Promoción e iniciación do procedemento.

1. A promoción directa do procedemento de arbitraxe requirirá a presentación dun escrito no Servicio de Solución de Conflictos, subscrito polos suxeitos lexitimados segundo o artigo 12 deste acordo.

2.-Nos supostos en que o procedemento de arbitraxe se inicie como consecuencia da decisión adoptada pola Comisión de Conciliación e Mediación a teor do establecido no artigo 17. c) deste acordo, ó escrito de iniciación unirase a documentación de que se dispón e as actas da devandita reunión.

3.-Cando o procedemento de arbitraxe se promova directamente polas partes afectadas por un conflicto colectivo dos definidos no artigo 10 deste acordo, o escrito de promoción haberá de reuni-los contidos que preceptúa o artigo 13.2º e someterse ó sistema de maiorías e aceptación que establece o artigo 14 do mesmo respecto de cada parte, para a iniciación do procedemento.

4.-O escrito de promoción ou iniciación ha conter, ademais, os seguintes extremos:

a) As cuestións concretas sobre as que ha versa-la arbitraxe.

b) O criterio, de dereito ou de equidade, ó que ha axusta-lo árbitro a súa decisión.

c) O árbitro designado polas partes, ou a solicitude da súa designación segundo as regras do parágrafo seguinte.

5.-A falta de acordo unánime das partes, o Servicio de Solución de Conflictos, no prazo máximo de tres días hábiles desde a iniciación do procedemento, presentará unha lista impar de árbitros, da que unha e outra parte, por maioría, descartará nomes alternativos ata que quede un só nome. Así mesmo, polo voto favorable da maioría de cada unha das partes, estas, no prazo sinalado, poderán optar por designar un árbitro non incluído no Rexistro de Árbitros ó que se refire o artigo 28.

Artigo 22º.-Renuncia ó exercicio do dereito de folga e de peche patronal.

A iniciación do procedemento de arbitraxe implicará a renuncia ó exercicio do dereito de folga e á adopción de medidas de peche patronal, tanto

durante a tramitación do procedemento como contra a decisión arbitral.

Artigo 23º.-Renuncia ó exercicio de accións.

A iniciación do procedemento de arbitraxe implicará a renuncia por ámbalas dúas partes á utilización de vías xudiciais ou administrativas para a resolución das cuestións sometidas ó mesmo, salvo a impugnación xudicial do laudo arbitral segundo o establecidó no parágrafo cuarto do artigo seguinte.

Artigo 24º.-Tramitación e efectos.

1.-A actividade do árbitro comezará inmediatamente despois da súa designación, recadando a información que considere necesaria para a súa función. Garantiranse no procedemento a audiencia das partes e os principios de igualdade e contradicción, sen que poida producirse indefensión.

2.-O laudo arbitral deberá ser emitido motivadamente e notificado no prazo máximo de dez días hábiles a partir da designación do árbitro. Excepcionalmente, atendendo ás dificultades do conflicto e a súa transcendencia, poderá prorrogarse o devandito prazo debendo en todo caso dictarse o laudo antes do transcurso de vintecinco días hábiles.

3.-Como contido mínimo do laudo, este deberá fixa-la súa propia vixencia temporal.

4.-De reunirse os requisitos esixidos polo Estatuto dos traballadores, o laudo arbitral terá a eficacia dun convenio colectivo, debendo ser obxecto de rexistro e publicación oficial.

5.-O laudo emitido poderá ser impugnado ante a xurisdicción social, segundo a modalidade procesual de impuguación de convenios colectivos, tramitada segundo o procedemento de conflicto colectivo, regulada na Lei de procedemento laboral aprobada por Real decreto lexislativo 521/1990, do 27 de abril.

Capítulo IV. Mecanismos de determinación de servicios de mantemento en caso de folga.

Artigo 25º.-Negociación de servicios de mantemento.

1.-Convocada folga nun sector ou empresa determinado, o sindicato ou sindicatos convocantes, ou a representación unitaria dos traballadores na empresa, presentarán á contraparte empresarial afectada, acompañando ó preaviso unha proposta de servicios de mantemento que sexa preciso prestar durante a mesma e que corresponda garantir ó comité de folga, así como dos traballadores que haxan de atendelos.

2.-No prazo máximo de dous días naturais, ámbalas dúas partes deberán negociar para chegar a un acordo sobre a determinación dos servicios de mantemento, aceptando ou modificando a proposta dos convocantes. Ambalas dúas partes estarán obrigadas a negociar de boa fe.

3.-A contraparte afectada só poderá negarse a negocia-los servicios de mantemento cando a convocatoria de folga sexa realizada por un sindicato que non represente á maioría dos membros de comi

tés de empresa e delegados de persoal do sector en conflicto, ou cando o acordo de folga non fora adoptado nunha empresa pola maioría da representación unitaria, nos casos de folgas de empresa.

4.-O deber de negocia-los servicios de mantemento no prazo fixado mantense en todo caso se o convocante da folga é un sindicato máis representativo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 26º.-Procedemento de arbitraxe en caso de desacordo na determinación de servicios de mantemento.

1.-Transcorrido o prazo sinalado no artigo anterior sen que se obtivera acordo, ámbalas dúas partes someteranse a un árbitro, designado de mutuo acordo ou, no seu defecto, mediante o procedemento sinalado no artigo 21.5º deste acordo, para que, no prazo improrrogable de dous días desde a súa designación, dicte un laudo motivado polo que se fixen os servicios de mantemento a garantir durante a folga.

2.-O árbitro deberá ter en conta para emiti-la súa decisión, tanto a proposta das organizacións convocantes como as modificacións mantidas pola contraparte afectada, valorando ademais as circunstancias concretas de duración ou extensión da folga, e a súa posible incidencia na seguridade das persoas e cousas, mantemento das instalacións e ulterior recuperación da actividade productiva.

Capítulo V. Xestión dos procedementos.

Artigo 27º.-Información dos procedementos.

O Servicio de Solución de Conflictos informará ós asinantes deste acordo de todos aqueles procedementos promovidos, así como do resultado final dos mesmos.

Artigo 28º.-Rexistro de Conciliadores-Mediadores e de árbitros.

1.-Constituirase un Rexistro de Conciliadores-Mediadores e outro de Árbitros en cada provincia, e un Rexistro Central dos mesmos, co fin de que interveñan nos procedementos regulados no presente acordo.

2.-Os seus membros serán designados por acordo unánime das organizacións asinantes, con periodicidade bianual.

3.-Con periodicidade bianual, cada unha das organizacións asinantes poderán recusar ata un total de dous membros do conxunto de integrantes de ámbolos dous rexistros.

Artigo 29º.-Solicitude de cobertura do Consello de Relacións Laborais.

1.-As organizacións asinantes solicitan do Consello Galego de Relacións Laborais o establecemento dun Servicio de Solución de Conflictos, coa dotación humana, material e económica precisa que permita desempeñar eficazmente os cometidos establecidos no presente acordo.

2.-As organizacións asinantes solicitan así mesmo do Consello Galego de Relacións Laborais a cober

tura económica precisa dos Rexistros de Conciliadores-Mediadores e de Árbitros, e o sistema de axudas de custos para retribuí-las súas funcións.

Capítulo VI. Xestión do acordo.

Artigo 30º.-Comisión Paritaria do Acordo Interprofesional.

1.-A interpretación, aplicación e revisión do presente acordo confíase a unha comisión paritaria integrada por sete representantes das organizacións sindicais asinantes, en función da súa representatividade, e por un número igual de representantes da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Para a súa debida constitución, será necesaria a presencia de dez membros, cinco por cada unha das dúas representacións.

2.-A comisión paritaria estará presidida polo presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, ou pola persoa en quen delegue, actuando como secretario un funcionario do propio consello. Ámbolos dous actuarán con voz e sen voto.

3.-A comisión paritaria reunirase polo menos dúas veces ó ano, co obxecto de avalia-la aplicación e o funcionamento do acordo e introduci-las adaptacións e revisións que a súa execución precise. Será convocada polo seu presidente, por propia iniciativa ou a solicitude de calquera das organizacións asinantes do acordo. Ás súas reunións deberá asistir unha representación do Consello Galego de Relacións Laborais co fin de subministra-la información que se lle solicite.

4.-A convocatoria das reunións ordinarias da comisión paritaria efectuarase cunha antelación mínima de sete días. Por causas extraordinarias, a comisión poderá ser convocada no prazo de vintecatro horas. A convocatoria expresará a orde do día, que será fixada de acordo cos representantes de cada unha das organizacións asinantes deste acordo.

5.-A comisión paritaria adoptará os seus acordos polo voto favorable da maioría de cada unha das dúas representacións. Os devanditos acordos, que serán recollidos en actas, serán remitidos á autoridade laboral para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, salvo que a propia comisión, pola natureza do acordo adoptado, decida outra causa.

Disposición transitoria

Malia o disposto no artigo 5.1º, o capítulo IV deste acordo entrará en vigor o 15 de marzo de 1992, con independencia da data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As organizacións asinantes comprométense a elaborar, no prazo de vixencia deste acordo, unha proposta de procedementos extraxudiciais de solución de conflictos individuais de traballo que adopte a forma xurídica dun acordo interprofesional.

Así mesmo, as devanditas organizacións comprométense a negociar coa Administración, en igual pra-

zo, un procedemento para a fixación de servicios mínimos, no caso de folga en servicios esenciais para a comunidade.

Segunda.-Tanto a intervención das comisións paritarias dos convenios colectivos, regulada no capítulo II deste acordo, como os procedementos de conciliación contidos na sección segunda do capítulo III do mesmo, considéranse intento de conciliación para os efectos do artigo 153 da Lei de procedemento laboral.