Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Xoves, 04 de maio de 1995 Páx. 3.208

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 1995, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo do sector da lousa.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito interprovincial do sector da lousa que se subscribiu con data do 3 de marzo de 1995, entre a representación da empresa e representación dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90, apartados 2º e 3º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, a Dirección Xeral de Relacións Laborais,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 1995.

Juan Pedrosa Vicente

Director xeral de Relacións Laborais

Convenio colectivo de traballo no sector da lousa

de Ourense e Lugo de 1995

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito funcional, territorial e persoal.

O presente convenio regula as relacións de tódalas empresas e os seus traballadores que teñan como obxecto a explotación de lousa na provincia de Ourense e nas empresas de Lugo que se relacionan na acta da súa sinatura; poderanse incorporar voluntariamente a el as restantes empresas de Galicia e isto con independencia do lugar onde estea o seu domicilio social.

Artigo 2º.-Vixencia.

Este convenio entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e producirá efectos económicos desde o día 1 de xaneiro de 1995.

Artigo 3º.-Duración.

O presente convenio terá duración ata o día 31 de decembro de 1996.

Artigo 4º.-Denuncia.

Calquera das partes asinantes do convenio poderá realiza-la súa denuncia comunicándollo por escrito

á outra parte con dous meses de antelación á finalización da súa vixencia.

No mes anterior á finalización da duración do convenio das partes asinantes, comprométense a manter unha reunión para constituí-la comisión negociadora e establecer un calendario de reunións para a próxima negociación. No suposto de que chegado o día do vencemento non se adoptase na comisión negociadora un acordo definitivo sobre o novo convenio, prorrogarase o anterior en tódalas súas cláusulas ata a sinatura do novo convenio.

Artigo 5º.-Normas supletorias.

Serán normas supletorias o Estatuto dos traballadores, a Ordenanza de traballo da construcción, vidro e cerámica do 28 de agosto de 1970 e os regulamentos de réxime interior daquelas empresas que os tivesen así como as demais disposicións legais de aplicación.

A partir da publicación do presente convenio no Diario Oficial de Galicia, as partes asinantes del comprométense a abrir unha mesa de negociación, co fin de elaborar unha ordenanza específica do sector; sendo vontade das partes chegar a acordos definitivos sobre a mesma durante a vixencia deste convenio.

Capítulo II

Outras condicións de traballo

Artigo 6º.-Xornada de traballo.

A duración máxima da xornada ordinaria de traballo será de 40 horas semanais de traballo efectivo, tanto en xornada partida como continuada. A súa distribución será de luns a venres, oito horas diarias, aínda que os representantes de cada unha das empresas e dos traballadores delas poderán pactar outras formas de distribución. En todo caso, o número de horas extraordinarias de traballo efectivo non poderá ser superior a dez diarias, debendo mediar entre o final dunha xornada e o comezo da seguinte o tempo establecido legalmente.

Artigo 7º.-Vacacións.

As vacacións anuais serán de 21 días laborables para tódolos traballadores do sector, salvo que algún deles -a título persoal- desfrutase de maior período; en todo caso, o número de días naturais do período de vacacións non será inferior a 30. A súa retribución será de salario base máis antigüidade máis o plus de asistencia correspondente ós días efectivos de traballo do mes ou meses en que se desfruten as ditas vacacións, segundo a xornada de traballo de cada empresa.

As vacacións poderanse desfrutar en dous períodos que se fixarán de común acordo entre o empresario e o traballador ou os seus representantes legais, tendo en conta que polo menos 11 días laborais deberán ser en período estival. En caso de circunstancias excepcionais, o empresario e os representantes dos traballadores poderán pactar outros períodos de distribución das vacacións. Neste último suposto non

será de aplicación o establecido no artigo 20º do presente convenio.

No caso de que o traballador se encontre en situación de incapacidade temporal no momento de comeza-las vacacións, estas pospoñeranse e fixarase un novo período, se a isto houber lugar dentro do ano natural. En caso contrario, se a baixa se producise durante o período das vacacións, estas seguirán correndo ata cumprirse o período correspondente.

Artigo 8º.-Festas locais.

Sen prexuízo das competencias dos concellos, serán establecidas de común acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores. En caso de non haber acordo entenderanse como tales as do lugar onde estea o centro de traballo.

Artigo 9º.-Licencias e permisos.

O traballador logo de aviso e posterior xustificación poderase ausentar do traballo, con dereito a remuneración, polos motivos e durante o tempo sinalado para cada un deles no artigo 37 do Estatuto dos traballadores. Igualmente polo tempo imprescindible para a realización de exames, sempre que se xustifique.

Todo traballador terá dereito á asistencia médica polo tempo necesario e retribuído, presentando o oportuno xustificante.

Artigo 10º.-Roupa de traballo.

Tódalas empresas afectadas por este convenio, entregaranlles ós seus traballadores dúas fundas ó ano, como roupa de traballo, unha no mes de xaneiro e outra no mes de xullo. Non obstante o anterior, cando a data de ingreso na empresa non coincida con eses dous meses, entregarase unha ó comezo e outra ó cabo de seis meses se o traballador continuase prestando os seus servicios na empresa. Así mesmo, entregarán o día 1 de outubro de cada ano un par de botas de seguridade a aqueles traballadores que desempeñen o seu traballo como serradores ou ben como rachadores de pedra. Tamén lles entregarán un par de botas de seguridade ós traballadores que desempeñen o seu traballo como cortadores embaladores e labradores. Tamén se facilitarán as luvas e mandís necesarios.

A roupa de seguridade e protección será substituída polas empresas antes dos prazos sinalados, sempre que se entreguen as usadas ou deterioradas e se comprobe que o desgaste ou rotura non é imputable ó traballador.

Capítulo III

Condicións económicas

Artigo 11º.-Salarios.

Os salarios pactados neste convenio para o ano 1995 son os que figuran para cada categoría no anexo I do mesmo.

Co fin de facilita-la elaboración das nóminas, así como que os traballadores perciban mensualmente

a mesma cantidade económica, con independencia dos días naturais ou laborais do mes de que se trate, establécese o salario base a razón de 30 días/mes e o plus de asistencia, a razón de 21 días/mes.

Os salarios serán aboados polas empresas ós traballadores, dentro dos cinco primeiros días hábiles do mes seguinte ó seu devengo.

Artigo 12º.-Revisión 1995.

En caso de que o índice de prezos do consumo (IPC), establecido polo INE, rexistrase o 31 de decembro de 1995 un incremento superior ó 4,5% respecto da cifra que resultase de aplica-lo dito IPC o 31 de decembro de 1994 efectuarase unha revisión salarial tan pronto como se constate oficialmente a dita circunstancia, en exceso da indicada cifra Tal incremento aboarase con efectos do primeiro de xaneiro de 1995 servindo por conseguinte, de base de cálculo para o incremento salarial de 1996.

Artigo 13º.-Incremento salarial de 1986. Con efectos do primeiro de xaneiro de 1996 e con independencia do estipulado no artigo precedente -unha vez aplicada a revisión de 1995- actualizarase a táboa salarial do anexo I, na porcentaxe que sinale o Goberno do Estado como previsión de incremento do IPC para o dito ano incrementado en 15 puntos; en caso de que non exista tal previsión, aplicarase a porcentaxe que aquel aplique para os orzamentos xerais do Estado incrementado en 1,5 puntos.

En caso de que o índice de prezos do consumo (IPC) rexistrase o 31 de decembro de 1996 un incremento superior ó previsto polo Goberno incrementado en 0,5 puntos, efectuarase unha revisión salarial tan pronto se constate oficialmente a partir da dita previsión incrementada en 0,5 puntos. Tal incremento aboarase con efecto de primeiro de xaneiro de 1996, servindo, por conseguinte, como base de cálculo para o incremento salarial de 1997.

Artigo 14º.-Plus de asistencia.

Establécese un plus de asistencia para os traballadores das categorías II ó XIV con rendemento normal que se devengará por día efectivo de traballo nas contías que se establecen na columna segunda do anexo I do convenio.

Artigo 15º.-Perda do plus de asistencia.

A primeira xornada non traballada completa suporá a perda de dous días de plus; a segunda falta, catro días de plus; a terceira falta suporá a perda de dez días de plus e a cuarta falta, o total do plus mensual.

As faltas non xustificadas computaranse dentro de cada mes natural.

A perda deste plus é independente das sancións que establezan as disposicións legais sobre a materia.

Artigo 16º.-Antigüidade.

O persoal comprendido neste convenio percibirá os aumentos periódicos polos anos de servicio con

base en dous bienios e quinquenios sucesivos, de acordo cos valores seguintes para tódalas categorías:

Anos 1995 e 1996.

Bienio/mes = 2.500

Quinquenio/mes = 3.800

Artigo 17º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécense as seguintes:

a) Paga extraordinaria de xullo por unha contía de 30 días que se aboará dentro da segunda quincena do dito mes e se devengará en función do tempo efectivamente traballado durante o primeiro semestre do ano.

b) Paga extraordinaria de Nadal por unha contía de 30 días que se aboará antes do día 22 de decembro e se devengará en función do tempo efectivamente traballado durante o segundo semestre do ano.

c) Paga extraordinaria de beneficios por unha contía de 30 días que se aboará na segunda quincena do mes de marzo e se devengará en función do tempo efectivamente traballado durante o ano natural inmediatamente anterior á súa percepción.

As pagas que figuran nas alíneas a, b e c entenderanse devengadas en razón do salario que figura na primeira columna do anexo I en vigor no momento do devengo, máis a antigüidade correspondente.

Artigo 18º.-Axudas de custos.

As axudas de custos aboaranse a razón das seguintes cantidades: para o ano 1995 e 1996: media axuda de xustos: 1.300, axuda completa: 2.400, podendo adoptarse de común acordo entre empresario e traballador a fórmula de gastos a xustificar.

Artigo 19º.-Prima de casado.

A todo traballador que, tendo como mínimo un ano de antigüidade na empresa contraia matrimonio aboaráselle unha gratificación ou prima por matrimonio de 15.000 pesetas.

Artigo 20º.-Inclemencias do tempo.

Acordada a suspensión do traballo por inclemencias do tempo ou forza maior, as empresas aboarán ata un máximo de dez días naturais non consecutivos durante o ano, a razón do 50% do salario especificado na primeira columna do anexo I, correspondente ás horas non traballadas e sen obriga de recuperar por este concepto.

Cando a a suspensión se faga necesaria unha vez que os traballadores iniciaron o desprazamento cara ós centros de traballo, as empresas aboarán ata un máximo de tres días naturais non consecutivos durante o ano a razón do 100% do salario especificado na 1ª columna do anexo I, máis o plus de asistencia.

No primeiro caso, a suspensión comunicarase mediante escrito dirixido ós representantes dos traballadores que se colocará nos taboleiros de anuncios.

Capítulo IV

Garantías sindicais

Artigo 21º.-Delegado sindical.

Recoñécese de acordo co artigo 10 da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, a figura do delegado sindical naquelas empresas que teñan un cadro de persoal superior a 250 traballadores, sempre que as centrais sindicais ás que pertenza acrediten nelas un nivel de afiliación superior ó 15%.

O delegado sindical, que será elixido na forma que prevé a citada lei terá que ser necesariamente traballador en activo da súa respectiva empresa.

Artigo 22º.-Funcións do delegado sindical.

O delegado sindical, no suposto de non formar parte do comité de empresa, terá as mesmas garantías cás legalmente establecidas para os membros daquel, así como os seguintes dereitos:

1. Ter acceso á mesma información e documentación que a empresa poña ó dispor do seu comité, estando obrigado a gardar sixilo profesional naquelas materias en que legalmente proceda ou se lle requira xustificadamente.

2. Asistir ás reunións do comité de empresa e dos demais órganos internos en materia de seguridade e hixiene, con voz e sen voto.

3. Ser oído previamente pola empresa á adopción de medidas de carácter colectivo que afecten os traballadores en xeral e os afiliados ó seu sindicato en particular e, especialmente, nos despedimentos e sancións por faltas graves que impoñan a estes últimos.

4. Á utilización dun local axeitado no que poida desenvolve-las súas actividades, naqueles centros de traballo con máis de 250 traballadores.

Artigo 23º.-Comités de empresas e delegados de persoal.

Competencias. O comité de empresa ou dos delegados de persoal, se é o caso, terán as séguintes competencias:

1. Recibir información que lle será facilitada trimestralmente polo menos sobre a evolución xeral do sector económico sobre a situación da producción e as súas vendas sobre os programas de produccción cando os haxa e sobre a probable evolución do emprego da empresa.

2. Coñece-lo balance a conta de resultados, a memoria e no caso de que a empresa revista a forma de sociedade por accións ou participacións, os demais documentos que se lles dean a coñecer ós socios e nas mesmas condicións ca a estas.

3. Emitir informe con carácter previo á execución por parte do empresario das decisións adoptadas por este e sobre as seguintes cuestións:

a) Reestructuracións de cadro de persoal e cesamentos totais ou parciais definitivos ou temporais daquela.

b) Reduccións de xornada, así como traslado total ou parcial das instalacións.

c) Plans de formación profesional da empresa.

d) Implantación ou revisión de sistemas de organización e control de traballo.

e) Estudio de tempos, establecementos de sistemas de primas ou incentivos e valoración de postos de traballo.

4. Emitir informe cando a fusión, absorción ou modificación do status xurídico da empresa supoña calquera incidencia que afecte o volume de emprego.

5. Coñece-los modelos de contrato de traballo escrito que utilicen na empresa así como os documentos relativos á terminación da relación laboral.

6. Ser informado de tódalas sancións impostas por faltas moi graves.

7. Coñecer trimestralmente cando menos as estatísticas sobre absentismo e as súas causas, os accidentes de traballo e enfermidades profesionais e as súas consecuencias, os índices de sinistralidade, os estudios periódicos ou especiais de medio ambiente laboral e os mecanismos de prevención que se utilizan.

8. Exercer un labor:

a) De vixilancia no cumprimento das normas vixentes en materia laboral, de seguridade social e emprego así como o resto dos pactos, condicións e usos de empresa en vigor, formulando, se é o caso, as accións legais oportunas ante o empresario e ante os organismos ou tribunais competentes.

b) De vixilancia e control das condicións de seguridade e hixiene no desenvolvemento do traballo na empresa coas particularidades previstas nesta orde polo artigo 19 do Estatuto dos traballadores.

9. Participar, como se determine por convenio colectivo, na xestión das obras sociais establecidas pola empresa en beneficio dos traballadores ou os seus familiares.

10. Colaborar na dirección da empresa para consegui-lo establecemento de cantas medidas procuren o mantemento e o incremento da productividade de acordo co pactado nos convenios colectivos.

11. Informa-los seus representados en tódolos temas e cuestións sinaladas no número 1º anterior, en canto directa ou indirectamente teñan ou poidan ter repercusión nas relacións laborais.

Os informes que deba emiti-lo comité segundo o teor das súas competencias deberanse elaborar no prazo de 15 días.

Artigo 24º.-Garantías dos membros dos comités de empresa e dos delegados e persoal.

Os membros dos comités de empresa e os delegados de persoal, como representantes legais dos traballadores terán as seguintes garantías:

a) Apertura de expediente contradictorio no suposto de sancións por faltas graves ou moi graves no que serán oídos á parte do interesado, o comité de empresa ou os restantes delegados de persoal.

b) Prioridade de permanencia na empresa ou centro de traballo respecto dos demais traballadores, nos supostos de suspensión ou extinción por causas tecnolóxicas ou económicas.

c) Non ser despedido nin sancionado durante o exercicio das súas funcións, nin dentro do ano seguinte á expiración do seu mandato, salvo no caso de que esta se produza por revogación ou demisión, sempre que o despedimento ou sanción se baseen na acción do traballador no exercicio da súa representación; sen prexuízo, por tanto, do establecido no artigo 54 do Estatuto dos traballadores. Así mesmo, non poderá ser discriminado na súa promoción económica ou profesional en razón precisamente do desempeño da súa representación.

d) Expresar, colexiadamente se se trata do comité con liberdade as súas opinións nas materias concernentes á esfera da súa representación, podendo publicar e distribuír sen perturba-lo normal desenvolvemento do traballo, as publicacións de interese laboral ou social comunicándollo á empresa.

e) Dispor do crédito de horas mensuais retribuídas cada un dos membros do comité de empresa ou delegados de persoal en cada centro de traballo, para o exercicio das súas funcións de representación, de acordo coa escala que establece o artigo 68 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 25º.-Outros dereitos sindicais.

Os traballadores con cargo de representación sindical a que se refiren os artigos precedentes poderán acumula-lo seu crédito persoal de horas retribuídas por períodos trimestrais; ben entendido que transcorrido cada trimestre quedará automaticamente cancelado o saldo que puidesen ter ó seu favor.

Excedencia. Poderá solicita-la situación de excedencia aquel traballador en activo que ostentase cargo sindical de relevancia provincial autonómica ou nacional. Permanecerá na tal situación en canto se encontre no exercicio do dito cargo, reincorporándose á súa empresa ó concluír este nos termos que para o efecto sinala o artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

Capítulo V

Seguridade e hixiene no traballo

Artigo 26º.-Seguridade e hixiene.

Tódalas empresas afectadas polo convenio cumprirán a normativa legal de seguridade e hixiene contida na ordenanza xeral, atendendo especialmente á prevención de riscos.

As empresas que teñan xornada partida habilitarán nos seus centros de traballo dependencias adecuadas para os traballadores poderen preparar e consumi-lo seu xantar.

Artigo 27º.-Indemnización por incapacidade absoluta ou morte en accidente de traballo.

As empresas concertarán no prazo de dous meses desde a sinatura do presente convenio, ou manterán

en vigor debidamente revisadas, as correspondentes pólizas para asegura-los riscos de incapacidade absoluta ou morte de cada un dos seus traballadores, no suposto de accidente de traballo, entendendo este de acordo coa lexislación laboral, como o ocorrido con ocasión ou por consecuencia do traballo que se realiza por conta allea (e incluído o denominado accidente «in itinere» nas empresas afectadas por el), que permitan a aquelas ou ós seus descendentes causa-lo dereitos ás seguintes indemnizacións: 3.500.000 e 3.000.000 respectivamente para cada unha das ditas continxencias.

Esta compensación é compatible coa pensión ou indemnización que poida causa-lo traballador na Seguridade Social ou Montepío. Non obstante o anterior, as indemnizacións pagadas con cargo a esta póliza de seguro de accidente non terán a consideración de pagos a conta das que poidan fixar no seu día os tribunais ou xulgados por sentencia firme, e que sexan a cargo das empresas.

Artigo 28º.-Revisión médica.

Tódolos traballadores con independencia da súa categoría profesional, serán sometidos a recoñecementos médicos de periodicidade anual e carácter obrigatorio para todos eles; en todo caso o traballador terá coñecemento do resultado mediante entrega dun exemplar do mesmo.

As empresas e as centrais sindicais asinantes do convenio, instarán as autoridades sanitarias da Comunidade Autónoma para a creación da infraestructura necesaria para a realización gratuíta de tales recoñecementos que non obstante, seguirán a ser realizadas entrementres polas mutuas de accidentes de cada empresa. Todo iso sen menoscabo dos dereitos que en cada momento, asisten legalmente ó traballador.

Artigo 29º.-lndemnización en caso de accidente ou hospitalización.

Tódolos traballadores afectados polo presente convenio en caso de accidente laboral ou hospitalización, percibirán durante o período de incapacidade temporal ou de ingreso no hospital -con cargo ás empresas- a diferencia entre a cantidade fixada pola Seguridade Social e o importe do salario que viñesen percibindo nunha mensualidade normal de tal forma que nos ditos períodos perciban o 100% de unha mensualidade normal. No suposto de baixa por enfermidade e a partir do día 28 a empresa aboará a diferencia entre o percibido polo traballador e o 100% da base reguladora mentres persista a incapacidade temporal.

As ditas indemnizacións quedan suxeitas á vixencia da relación laboral entre os traballadores e a empresa.

Capítulo VI

Formación profesional

Artigo 30º.-Formación profesional.

Os traballadores afectados por este convenio teñen o dereito a unha adecuada formación profesional que se oriente prioritariamente a:

a) Facilita-la inserción na vida profesional.

b) Conservar e perfecciona-los coñecementos para facilita-la promoción interna e favorece-la mellora da productividade na empresa e no conxunto do sector.

c) Promociona-la creación de novos empregos e a súa adaptación á innovación tecnolóxica.

Con tal fin, as empresas e centrais sindicais asinantes do convenio propiaciarán o establecemento de programas de formación co INEM recoñecendo axudas mediante concertos con empresas ou institucións especializadas co obxecto de consegui-los obxectivos sinalados.

As condicións de asistencia a cursos ou a calquera outra modalidade de formación, cando impliquen perda de horas de traballo, terán que se establecer de común acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores.

As empresas continuarán as tarefas de formación interna do seu persoal, na forma en que o veñen facendo ata a data e procurando facilita-la promoción dos seus traballadores.

Capítulo VII

Disposicións adicionais

Primeira.-Contrato para obra ou servicio determinado.

En virtude do establecido no artigo 15.1º a) do Estatuto dos traballadores, poderanse celebrar contratos para a realización dunha obra ou servicio determinado en tódalas categorías profesionais e para levar a cabo a execución dos labores encomendados a elas que constan nos anexos II e II bis, do presente convenio, por teren cada unha delas substantividade propia dentro da actividade normal que desenvolven as empresas.

Segunda.-Contratos por circunstancias do mercado acumulación de tarefas ou exceso de pedidos.

Dado que o sector da lousa exporta o 85% da súa producción a practicamente tódolos países do mundo o carácter estacional da actividade fluctúa ó longo de todo o ano, xa que está en función dos países de destino consumidores deste producto. Por iso, en virtude do establecido no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores, cando as circunstancias do mercado acumulación de tarefas ou excesos de pedidos o esixan aínda tratándose da actividade normal das empresas estas poderán celebrar contratos de duración determinada. En tales casos, os contratos poderán ter unha duración máxima de doce meses, dentro dun período de dezaseis meses, contados a partir do momento en que se produzan as ditas causas.

Terceira.-Contratos de prácticas e aprendizaxe.

A retribución dos traballadores contratados en prácticas será do 60 ou do 75 por cento, durante, respectivamente o primeiro e o segundo ano de vixencia do contrato, do salario fixado neste convenio para un traballador que desempeñe o mesmo ou equivalente posto de traballo.

O contrato de aprendizaxe poderase celebrar con traballadores maiores de dezaseis anos e menores

de vintetrés anos que non teñan a titulación requirida para formaliza-lo contrato en prácticas no oficio obxecto de aprendizaxe. Non se aplicará o límite máximo de idade cando o contrato se concerte cun traballador minusválido.

A duración do contrato non poderá ser inferior a seis meses nin exceder de dous anos e medio. Se o contrato de aprendizaxe se concertase por tempo inferior a dous anos as partes poderán acordar unha prórroga, non podendo se-la duración desta inferior a seis meses nin supera-la duración total do contrato de dous anos e medio.

A retribución do aprendiz será do 75, 80 e 85 por cento do salario fixado neste convenio para un traballador que desempeñe o mesmo ou equivalente posto de traballo, durante, respectivamente, o primeiro, o segundo e o terceiro ano de vixencia do contrato.

Cuarta.-Contratación eventual.

Tódolos traballadores que presten os seus servicios nas empresas afectadas polo presente convenio rexeranse -tanto nos conceptos sociais como económicospolo estipulado nel; e isto con independencia do tipo de contrato que posúan. Enténdese por isto que o seu articulado constitúe os mínimos de dereito necesario sendo nula calquera renuncia ó aquí pactado.

Os contratados temporalmente no ámbito do mesmo serán indemnizados con dez días de salario por ano de servicio ou na parte proporcional ó tempo efectivamente traballado salvo que a lexislación aplicable a un determinado tipo de contrato estableza unha indemnización superior. O período de proba non será superior a quince días para as categorías inferiores incluída a de oficial de 2ª de oficio, e nas categorías superiores a esta última será a establecida na lexislación vixente. Con independencia do establecido no artigo 2º do presente convenio, o establecido nel sobre contratación temporal entrará en vigor para tódolos seus efectos, o día seguinte ó da sinatura deste convenio. Os contratos temporais celebrados con anterioridade á sinatura do presente convenio seguiranse regulando en tódalas súas cláusulas, ata a súa finalización, pola lexislación aplicable no momento da súa sinatura e demais disposicións legais que lle puideran ser de aplicación.

Capítulo VIII

Disposicións derradeiras

Primeira.-Indivisibilidade.

O articulado do presente convenio e os seus anexos forman un todo único e indivisible non podendo aplicarse parcialmente.

Segunda.-Categorías profesionais.

As categorías profesionais e as súas equivalencias defínense no anexo II deste convenio.

Terceira.-Compensación e absorción.

Os traballadores que con anterioridade á sinatura do presente convenio viñesen desfrutando de mellores condicións que as aquí pactadas, conservaranas

na súa totalidade e en consecuencia, serán absorbidas polo mesmo se as condicións deste consideradas globalmente e en cómputo anual superan as anteriormente citadas.

Cuarta.-Cando exista un medio de transporte habitual ó centro de traballo non se poderá impedi-la súa utilización en forma discriminatoria a ningún traballador.

Quinta.-Comisión paritaria.

As partes negociadoras acordan establecer unha comisión paritaria, como órgano de interpretación, conciliación e vixilancia do cumprimento do presente convenio.

A comisión paritaria, estará integrada por seis representantes dos traballadores e seis representantes da parte empresarial. Constituída a mencionada comisión, nos 60 días seguintes á sinatura do presente convenio esta, nun prazo máximo de 90 días dotarase, dun regulamento que ordene o seu funcionamento, así como delimitará as cuestións sobre as que deberá obrigatoriamente coñecer e ter competencias.

E en proba de conformidade con todo o seu contido asínano en unión dos seus anexos, en Sobradelo de Valdeorras o tres de marzo de mil novecentos noventa e cinco.

ANEXO II

Categorías profesionais

Labrador: É aquel traballador que ten como actividade, fundamentalmente, o exfoliado ou apertura dos bloques de lousa a man.

Cortador: É aquel traballador que ten como actividade, fundamentalmente, cortar mediante tesoiras ou troquel manual as láminas fabricadas polo labrador de acordo coas medidas comerciais.

Embalador: É aquel traballador que ten como actividade, fundamentalmente, clasificar e embala-la lousa cortada.

Descargador de carros: É aquel traballador que ten como actividade, fundamentalmente, descargar desde as serras de cortado os bloques unha vez serrados.

Rachador: É aquel traballador que ten como actividade, fundamentalmente, descargar e adecua-la pedra procedente das canteiras ós grosores que permitan a súa introducción na serra.

Serrador: É aquel traballador que ten como actividade, fundamentalmente, o manexo de serras que posibiliten a transformación da pedra rachada en bloques.

Operador de guindastre: É aquel traballador que ten como actividade, fundamentalmente, o manexo do guindastre para movemento de material dentro das naves.

Barrenista/Artilleiro: É aquel traballador que ten como actividade, fundamentalmente, o manexo de explosivos así como a súa explosión tendo que estar ó dispor da autorización administrativa que expedirá a autoridade mineira correspondente .

Chófer: É aquel traballador que ten como actividade fundamentalmente o manexo do transporte mecánico tanto dentro como fóra da empresa sendo obrigatorio que estea dotado do correspondente carné.

Palista: É aquel traballador que ten como actividade fundamentalmente o manexo de pas para o movemento de terras, pedras e demais material sendo necesario estar dotado da correspondente autorización administrativa.

ANEXO II (bis)

Táboa de categorías

* Chófer: oficial de 1ª

* Palista: oficial de 1ª

* Barrenista/Artilleiro: oficial de 2ª

* Operador de guindastre: oficial de 2ª

* Serrador: oficial de 2ª

* Labrador:

-Ata 1 ano: peón especialista

-De 1 a 2 anos: oficial 3ª

-Desde 2 anos: oficial de 2ª

* Cortador:

-Ata 6 meses: peón ordinario

-De 6 meses en diante: peón especialista

* Embalador:

-Ata 6 meses: peón ordinario

-De 6 meses en diante: peón especialista

* Descargador de carros:

-Ata 6 meses: peón ordinario

-De 6 meses en diante: peón especialista

* Rachador:

-Ata 6 meses: peón ordinario

-De 6 meses en diante: peón especialista

NOTAS:

1. Os períodos que se recollen nos traballos de labrador, cortador, embalador, descargador de carros e rachador enténdense de antigüidade no desempeño do oficio.

2. As empresas, sen prexuízo da súa capacidade organizativa dos traballos, procurarán forma-los seus labradores de entre aqueles que veñan desempeñando o seu traballo como cortadores; neste caso, estes incorporaranse a aquel como oficiais de terceira.