Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Xoves, 04 de maio de 1995 Páx. 3.206

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 4 de abril de 1995 pola que se declara provisionalmente o encoro de Cecebre como espacio natural en réxime de protección xeral.

A protección e conservación do noso patrimonio natural é un mandado recollido no artigo 45 da nosa Constitución e unha necesidade para asegura-la pervivencia dos nosos ecosistemas e os seus compoñentes.

A Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, crea no seu artigo 12 diferentes tipos de espacios naturais protexidos. Así mesmo no seu artigo 21.2º faculta a Comunidade Autónoma con competencia plena na materia para establecer outras figuras de protección distintas ás establecidas no devandito artigo 12.

Con base nisto e en virtude das competencias establecidas polo Real decreto 1535/1894, do 20 de xuño, foi regulado mediante o Decreto 82/1989, do 11 de maio, a figura do espacio natural en réxime de protección xeral. Con carácter preventivo, co obxecto de salvagardar certos espacios ante posibles riscos ou ameazas de degradación e para garanti-lo mantemento dos ecosistemas, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, facendo uso da facultade que lle outorga o artigo 6 do Decreto 82/1989, do 11 de maio,

DISPÓN:

Artigo 1º

Iníciase o trámite de inclusión do espacio denominado «encoro de Cecebre» no Rexistro de Espacios Naturais de Galicia.

Artigo 2º

Ante a necesidade de dotar a este espacio dunha protección preventiva, declárase provisionalmente como en réxime de protección xeral, de acordo co disposto no artigo 6 do Decreto 82/1989.

Artigo 3º

Os seus límites son os que a continuación se definen:

Norte. Desde a presa seguindo pola estrada que une o apeadeiro de Cecebre con San Román, cruzando os lugares de Seixurra e San Román, ata o cruce coa autoestrada do Atlántico.

Leste. Seguindo o curso da autoestrada ata o km 17 e continuando por unha pista de terra de servidume a esta para rematar nunha presa de formigón sobre o río Mero.

Sur. Desde o punto anterior seguindo a marxe dereita do río Mero ata a ponte, Cubelo, Agrolongo e Horto de Arriba ata o viaducto do río Barcés, da marxe dereita da cal segue ata o lugar de Táboas, na estrada de Mabegondo a Carral.

Oeste. Seguindo a marxe esquerda do río Barcés ata o viaducto e continuando pola estrada ata a presa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para desenvolver cantas cuestións de carácter xeral se deriven da aplicación desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 1995.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes