Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 03 de maio de 1995 Páx. 3.190

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 115/1995, do 20 de abril, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Ribadeo (Lugo), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras dos proxectos de mellora do contorno na praia do Cargadeiro e do parque etnográfico das ruínas do Cargadeiro.

O Concello de Ribadeo (Lugo), en sesión celebrada o día 5 de decembro de 1994, aprobou os proxectos de mellora do contorno na praia do Cargadeiro e do parque etnográfico das ruínas do Cargadeiro e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 10 de febreiro de 1995, baixo o número 1187.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informes favorables. Os ditos informes tiveron entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais os días 3 de marzo de 1995 e 22 de marzo de 1995 baixo os números 2051 e 2651, respectivamente.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras dos proxectos técnicos sinalados, polo compromiso existente co Servicio de Costas de Lugo para que este organismo execute a obra da área recreativa do Cargadeiro que ten unha vixencia limitada imposta por costas por esixencia orzamentaria, e de non cumpri-lo concello coa súa parte de aporta-los terreos necesarios de forma inminente perderíase a obra por cancela-la consignación orzamentaria para este fin, e porque é a única vía posible para que o Concello de Ribadeo poida cumprir co seu compromiso de aportar de forma inmediata tódolos terreos afectados e deste xeito non perde-la construcción da área recreativa e a adquisición vía expropiatoria polo procedemento de urxencia.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de abril de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Ribadeo (Lugo), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras dos proxectos de mellora do contorno na praia do Cargadeiro e do parque etnográfico das ruínas do Cargadeiro.

Santiago de Compostela, vinte de abril de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais