Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 03 de maio de 1995 Páx. 3.190

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 114/1995, do 20 de abril, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Santiago de Compostela (A Coruña), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de expropiación para o parque infantil nas rúas de Touro, Teo e Arzúa.

O Concello de Santiago de Compostela (A Coruña), en sesión celebrada o día 28 de outubro de 1993, aprobou o proxecto de expropiación para o parque infantil nas rúas de Touro, Teo e Arzúa e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 23 de marzo de 1995, baixo o número 2692.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable.

O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 9 de setembro de 1994 baixo o número 9182.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto sinalado, pola necesidade de dispoñer de espacios libres, zonas verdes e servicios urbanos que completen a oferta de dotacións que ofrece o sistema xeral de equipamentos intentando unha distribución das zonas libres que satisfagan as demandas dotacionais nas distintas áreas que compoñen a cidade.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de abril de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Santiago de Compostela (A Coruña), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de expropiación para o parque infantil nas rúas Touro, Teo e Arzúa.

Santiago de Compostela, vinte de abril de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais