Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 02 de maio de 1995 Páx. 3.153

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 22 de marzo de 1995, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo de Almacenes Pardal, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo de Almacenes Pardal, S.L. (código 1500042) que tivo entrada nesta delegación provincial o día 20-3-1995, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e, da parte social, polo comité de empresa, o día 10-2-1995, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á

Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de Rexistro de Convenios Colectivos de Traballo desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 22 de marzo de 1995.

Fernando Rodríguez Corcoba

Delegado provincial da Coruña

Convenio colectivo da empresa Almacenes

Pardal, S.L.

Capítulo primeiro.

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Este convenio afecta en todo o seu contido normativo a tódolos traballadores da empresa que no momento da aprobación por parte do seu representante legal e a dirección estean a presta-los seus servicios na empresa e os seus distintos centros de traballo, así como ós que se incorporen despois, antes de finaliza-la súa vixencia. O seu centro de traballo poderá variar, segundo as circunstancias e necesidades da empresa, sen que por iso varíen as condicións estipuladas neste convenio.

Capítulo segundo.

Artigo 2º.-Entrada en vigor.

O presente convenio entrará en vigor para tódolos efectos a partir do día 1 de xaneiro de 1995.

Artigo 3º.-Duración.

A duración do convenio establécese en dous anos, ata o 31 de decembro de 1996. Dentro do mes de outubro do mesmo ano reuniranse as partes negociadoras, se o convenio foi denunciado en tempo e forma, tal como se especifica no artigo seguinte, para establece-las datas e o proceso de negociación do seguinte convenio.

Artigo 4º.-Denuncia.

Calquera das partes poderá denuncia-lo presente convenio cunha antelación mínima de tres meses á data prevista para a súa terminación, mediante comunicación escrita á outra, e de acordo coas normas regulamentarias vixentes.

No caso de non se efectua-la denuncia no tempo e forma previstos no parágrafo anterior, entenderase automaticamente prorrogado por anos naturais.

Artigo 5º.-Revisión.

Durante o mes de decembro de 1995, as partes negociadoras reuniranse co fin de determinaren os

salarios correspondentes ó segundo ano de vixencia do convenio.

Capítulo terceiro. Ingresos, admisións, formación e cesamentos.

Artigo 6º.-Ingresos.

Para o ingreso do persoal observaranse as disposicións legais vixentes en materia de colocación.

Artigo 7º.-Admisións.

A admisión do persoal considerarase provisional durante un período de proba que non poderá exceder do fixado na seguinte escala:

a) Técnicos titulados: seis meses.

b) Director, xefe de división, xefe de persoal, xefe de compras, xefe de vendas, encargado xeral e viaxantes: dous meses.

c) Restante persoal técnico non titulado: un mes.

d) Persoal administrativo: un mes.

e) Persoal de actividades auxiliares: quince días laborables.

f) Persoal subalterno: quince días laborables.

Durante este período, tanto a empresa coma o traballador poderán, respectivamente, procederen á rescisión do contrato sen necesidade de aviso previo e sen que ningunha das partes teña dereito a indemnización. En todo caso, o traballador terá, durante o período de proba, os dereitos e obrigas correspondentes á súa categoría profesional e ó posto de traballo que desempeñe, coma se fóse do cadro de persoal.

Transcorrido o período de proba sen que se producise o desistimento, o traballador pasará a figurar no cadro de persoal da empresa polo tempo que, se é o caso, fose contratado e o período servido en calidade de proba seralle computado para efectos dos aumentos periódicos por tempos de servicio.

Artigo 8º.-Formación.

No concernente a esta materia observarase o disposto no Estatuto dos traballadores e demais lexislación concordante.

Artigo 9º.-Cesamentos.

Tódolos traballadores que desexen cesar voluntariamente no servicio da empresa deberán avisar a esta por escrito cunha antelación mínima de quince días naturais.

O incumprimento por parte do traballador da obriga de avisar coa antelación e forma antes descritas daralle dereito á empresa a descontar, da liquidación do mesmo, o importe do salario de un día por cada día de atraso no aviso.

Capítulo cuarto. Xornada, permisos, vacacións.

Artigo 10º.-Xornada de traballo.

O número de horas ordinarias de traballo será de mil oitocentas vinteseis, equivalente a corenta horas semanais como máximo, repartidas da forma máis

idónea para a empresa e o traballador, atendendo sempre ós intereses destes e á productividade da empresa.

Artigo 11º.-Permisos retribuídos.

O traballador, avisando coa posible anticipación e xustificándoo adecuadamente, poderá faltar ou ausentarse do traballo, con dereito a retribución, por algunha das causas e durante o tempo que se fixa na seguinte escala:

a) Casamento do traballador: quince días.

b) Falecemento do cónxuxe, ascendentes e descendentes ata o segundo grao de consanguinidade e afinidade: tres días.

c) Falecemento de irmáns: dous días.

d) Nacemento de fillos: tres días.

e) Para o cumprimento de deberes públicos: o tempo indispensable

f) Visitas médicas: o tempo indispensable con posterior xustificación.

g) Por traslado de domicilio habitual: un día.

En casos excepcionais, poderán concederse licencias máis prolongadas se estas se xustifican debidamente á dirección da empresa.

Artigo 12º.-Vacacións.

Tódolos traballadores desfrutarán anualmente dunhas vacacións retribuídas conforme as seguintes condicións:

a) Terán unha duración de trinta días naturais, independentemente da categoría laboral de cada traballador.

b) As vacacións desfrutaranse nas datas que de común acordo fixen o traballador e maila empresa, podendo desfrutalas de forma ininterrompida ou fraccionada.

c) A empresa exporá no taboleiro de anuncios e durante o mes de decembro as vacacións correspondentes ó ano seguinte, conforme o estipulado no apartado b).

Capítulo quinto.

Artigo 13º.-Enfermidade, accidentes de traballo e maternidade.

No caso de enfermidade, accidente de traballo e maternidade, a empresa completará as prestacións da Seguridade Social ata o importe íntegro das súas retribucións, mentres dure a dita situación.

Capítulo sexto.

Artigo 14º.-Retribucións ordinarias.

As retribucións do traballador pola xornada e horario de traballo estarán constituídas polos seguintes conceptos:

-Salario base.

-Gratificacións extraordinarias.

-Paga de beneficios.

-Incrementos por antigüidade.

Artigo 15º.-Salario base.

Os salarios correspondentes ás distintas categorías serán os que se recollen no anexo 1 deste convenio.

Artigo 16º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal da empresa percibirá dúas gratificacións extraordinarias, que lles serán aboadas nos meses de xullo e decembro, consistentes cada unha delas nunha mensualidade composta de salario base e antigüidade, se é o caso. A gratificación de xullo aboarase a partir do día 15 de mesmo mes e a de decembro, antes do día de Nadal.

Estas gratificacións faránselle efectivas ó traballador que ingresase no transcurso do ano ou cesase durante el, rateando o seu importe con relación ó tempo traballado, para o cal a fracción de mes se computará como unidade completa.

Artigo 17º.-Paga de beneficios.

O persoal da empresa percibirá durante o mes de marzo o importe dunha mensualidade do seu salario base máis antigüidade, en concepto de paga de beneficios polo ano anterior, observando o disposto no segundo parágrafo do artigo anterior respecto ó tempo de permanencia do traballador na empresa.

Artigo 18º.-Incrementos por antigüidade.

O persoal comprendido neste convenio percibirá aumentos periódicos por anos de servicios consistentes en cuadrienios do 5 por 100 do salario base correspondente á categoría de cada traballador.

Artigo 19º.-Horas extraordinarias.

As partes asinantes deste convenio acordan a conveniencia de reducir ó mínimo indispensable a realización de horas extraordinarias, axustándose ós seguintes criterios:

a) Horas extraordinarias habituais: supresión.

b) Horas extraordinarias que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros ou outros danos extraordinarios urxentes, así como en caso de risco de perda de materias primas: realización.

c) Horas extraordinarias necesarias por contratos ou períodos punta de producción, ausencias de carácter estructural ou técnico de propia natureza da actividade: mantemento sempre que non caiba a utilización temporal ou parcial prevista pola lei.

As horas extraordinarias aboaranse cun incremento do 75 por 100, as efectuadas en días laborables.

Capítulo sétimo. Dereitos sindicais.

Artigo 20º.-Dereitos sindicais.

Observarase o disposto no Estatuto dos traballadores e demais normas de aplicación.

Capítulo oitavo.

Artigo 21º.-Servicio militar.

O persoal comprendido no ámbito deste convenio ten dereito a que se lle respecte o seu posto de traballo durante o tempo que dure o seu servicio militar. Así mesmo o persoal que leve dous anos de servicios na empresa, como mínimo, no momento da incorporación ó servicio militar ten dereito a percibir, coma se estivese no traballo, o importe das gratificacións extraordinarias de xullo e decembro.

Artigo 22º.-Roupa de traballo.

A empresa quedará obrigada a facilitarlles ós seus traballadores a roupa necesaria de acordo coa función que realicen. O seu uso e conservación serán obrigatorios para o persoal.

Artigo 23º.-Retirada do permiso de conducir e multas.

No caso de retirada do permiso de conducir por causas non imputables ó traballador, a empresa comprometerase a facilitarlle ó traballador afectado un posto de traballo idóneo de acordo coa súa categoría profesional, sen que por iso sexa mermado o seu salario. As multas imputables ó traballador serán aboadas por este. Se é imputable quedará separado da empresa, con dereito a ocupar eventualmente o primeiro posto vacante que se produza e que estea capacitado para desempeñar. En todo caso terá dereito a ocupa-la praza de chofer, tan pronto como recupere o seu permiso de conducir e exista a vacante.

Artigo 24º.-Condicións máis beneficiosas.

Respectaranse a título individual as condicións de traballo superiores ás establecidas no presente convenio, consideradas no seu conxunto e cómputo anual. Tal garantía será exclusivamente de carácter persoal, sen que poida entenderse vinculada a postos de traballo, categoría profesional e outras circunstancias polo que o persoal de novo ingreso non poderá alegar ó seu favor as condicións máis beneficiosas que desfrutasen os traballadores que anteriormente ocupasen os postos de traballo, que sexan destinados ou promovidos.

Artigo 25.-Absorción e compensación.

As retribucións establecidas no presente convenio serán absorbibles e compensables ata onde acaden as melloras e retribucións que sobre os mesmos regulamentos viñese aboando a empresa calquera que sexa o motivo, denominación e forma das ditas melloras presentes ou que poidan establecerse por disposición legal.

Disposición adicional

Constitúese unha comisión paritaria do convenio, de mediación, arbitraxe e conciliación que, con independencia da competencia dos organismos públicos constituídos, vele pola interpretación e aplicación do pactado.

Estará integrada por parte dos traballadores por José Vidal Rey e por parte da empresa por Cesáreo

Pardal Rey e intervirá a petición de calquera das partes afectadas nos asuntos de interpretación do convenio, vixilancia do cumprimento do pactado e mediación entre as partes e calquera outra que as leis lle outorguen.

Disposición derradeira

Para o non establecido no presente convenio observarase o disposto polo Estatuto dos traballadores e demais lexislación vixente.

ANEXO I

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Este convenio afecta en todo o seu contido a tódolos traballadores da empresa que no momento da súa aprobación por parte do representante legal dos mesmos e da dirección estean prestando os seus servicios na empresa e os seus distintos centros de traballo, así como os que se incorporen despois, antes de finaliza-la súa vixencia. O seu ámbito territorial de aplicación será o da provincia da Coruña.

ANEXO II

Artigo 8º.-Formación.

Os traballadores que deban presentarse a exames, como consecuencia de estaren matriculados en centros oficiais, por razón de cursaren estudios ou carreira profesional, solicitarán permiso da empresa, que deberá serlles concedido polo tempo necesario. Este permiso será retribuído co salario do convenio máis antigüidade e xustificando en debida forma a asistencia ó mesmo e que na convocatoria ordinaria ou extraordinaria aprobaron, polo menos, a metade das materias motivo dos exames.

Quedan excluídos destas licencias os exames de conductores.