Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 02 de maio de 1995 Páx. 3.152

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 17 de marzo de 1995 pola que se recoñece de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da fundación Paz e Solidariedade.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da fundación laboral Paz e Solidariedade, quen ten o seu domicilio social en Santiago de Compostela, rúa Xeneral Pardiñas, 26, 2ª planta, cómpre sinala-los seguintes feitos:

Primeiro.-O 14 de outubro de 1994 solicitouse o recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da fundación Paz e Solidariedade, por medio de escrito presentado por Eusebio Justo Santos, en calidade de presidente da dita fundación.

Segundo.-A fundación constituíuse en escritura pública, outorgada en Santiago de Compostela o 3 de outubro de 1994, perante o notario Idelfonso Sánchez Mera, co número quince mil vintenove do seu protocolo, por Xesús Díaz Díaz, José Eusebio Justo Santos, Benedicto García Villar, Hortensia Álvarez Folgar, María Dosinda Pereira Mato, Emilio Fernández Zunzunegui, Ricardo Gurriarán Rodríguez, Carlos Vázquez González, Ángel Rodríguez Mariño e Leopoldo Beceiro Purriños, Xesús Díaz Díaz intervén en representación, na súa calidade de secretario xeral, do Sindicado Nacional de CC.OO. de Galicia, e os demais interveñen no seu propio nome e dereito, en unión de Javier Pose Calvelo e Juan Bello Moreno, estando todos eles debidamente acreditados. O 28 de decembro de 1994 outorgouse en Santiago de Compostela escritura pública de execución de acordos, por José Eusebio Justo Santos, intervindo en nome e representación, na súa calidade de presidente do padroado da fundación, perante o notario Juan

José Ecenarro y Anzorandía, quen actuou en substitución de Ildefonso Sánchez Mera, e co número seis mil seiscentos sesenta e nove do seu protocolo.

Terceiro.-A comisión integrada por tódolos membros da Comisión de Secretarios Xerais, elevou ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública, proposta de clasificación como laboral da fundación Paz e Solidariedade, dado o seu obxecto, cumpríndose os requisitos recollidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, e segundo se dispón no Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Cuarto.-Á vista da proposta da Comisión de Secretarios Xerais, e de acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego; a Consellería da Presidencia e Administración Pública dictou a Orde do 19 de xaneiro de 1995 (DOG do 27 de xaneiro) pola que se clasifica como laboral a fundación Paz e Solidariedade, correspondéndolle a execución das facultades inherentes ó protectorado á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, conforme o regulamento referido.

Quinto.-Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos o obxecto e finalidade da fundación é, entre outros, fomenta-la paz e solidariedade no ámbito do país galego realizando diversas accións encamiñadas a tal propósito, así como promover actividades de cooperación internacional co obxecto de favorece-lo progreso dos países en vías de desenvolvemento a través de actividades promovidas coas forzas sociais daqueles países.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación constan, entre outros, os seguintes extremos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que se reflicte a súa denominación como fundación Paz e Solidariedade, capacidade xurídica, forma de adopción de acordos, enderezo e obxecto.

Respecto ó padroado da fundación, está integrado polos seguintes membros:

Presidente: José Eusebio Justo Santos.

Secretaria: Mª Dosinda Pereira Mato.

Tesoureiro: Juan Bello Moreno.

Vocais: Carlos Vázquez González.

Benedicto García Villar.

Hortensia Álvarez Fogar.

Javier Pose Calvelo.

Emilio Fernández Zunzunegui.

Ricardo Guirriarán Rodríguez.

Ángel Rodríguez Mariño.

Leopoldo Beceiro Purriños.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, as demais normas de desenvolvemento da mesma e as de xeral aplicación, así como o informe favorable da Asesoría Xurídica, cómpre sinala-los seguintes:

Fundamentos xurídicos:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, de acordo coa lei. O artigo 27.26º do Estatuto de autonomía de Galicia, atribúelle a esta comunidade competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como co artigo 4 do Decreto 13/1994, do 20 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da fundación Paz e Solidariedade dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5.º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débese destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación da fundación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá unha nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico e por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data do remate do exercicio, unha memoria das actividades realizadas durante o ano e da xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do

ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data de peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Que á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, segundo se desprende dos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992. Por todo isto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a fundación Paz e Solidaridade.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a composición do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de lles dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a render contas anualmente ó protectorado e a xustificar a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do derradeiro mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula debendo soficita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 1995.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais