Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 28 de abril de 1995 Páx. 3.126

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 16 de marzo de 1995 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de tres bolsas de colaboración nun proxecto de investigación que se desenvolverá no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, e se anuncia a súa convocatoria.

O artigo 1 do Decreto 232/1994, do 14 de xuño, en harmonía co artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, establece a competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a promoción e ensino da lingua galega e o fomento da investigación.

Dentro do plan de actividades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para 1995 figura a convocatoria pública de bolsas de investigación para realizar proxectos concretos sobre lingüística e literatura galegas, no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

O seu outorgamento enmárcase dentro das funcións atribuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no artigo 3 do Decreto 25/1993, do 11 de febreiro (DOG nº 34, do 19 de febreiro) de creación e posta en funcionamento do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

Na súa virtude, apróbanse as seguintes:

BASES:

Primeira.-Obxecto.

O concurso ten por obxecto a adxudicación de tres bolsas de colaboración nun proxecto concreto de investigación que se desenvolverá no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias e que se inclúe como anexo á presente orde, no que se detalla os requisitos específicos que deben reuni-los solicitantes.

Segunda.-Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluíra:

-Unha asignación mensual de 122.000 pesetas, coa retención fiscal que corresponda, que será incompatible con calquera outra axuda ou actividade remunerada.

-Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes.

O gasto que se proxecta atenderase con cargo á partida orzamentaria 07.06.353F.484.00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 1995.

Terceira.-Duración

O período de desfrute das bolsas será ata o 31 de decembro de 1995.

A data de incorporación ó centro será dentro dos dez días seguinte ó da notificación da adxudicación. O bolseiro que non se incorpore no prazo establecido perderá os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa xustificada de atraso que permita outra solución a xuízo do coordinador científico do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

As bolsas poderanse prorrogar por un prazo máximo de doce meses á vista do traballo realizado polo bolseiro, sempre que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

Cuarta.-Requisitos xerais.

a) Ser cidadán español.

b) Estar en posesión do título de licenciado.

c) Non ter sido separado/a do servicio de ningunha Administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.

Quinta.-Solicitudes.

As solicitudes, no modelo que se xunta como anexo, irán dirixidas ó coordinador-científico do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro e entregaranse na sede deste (estrada Santiago de Compostela-Noia, km 3-A Barcia, 15896 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación da presente convocatoria no DOG, acompañadas da documentación seguinte:

-Certificación académica persoal completa.

-Currículum vitae, acompañado de cantos documentos poidan avalalo.

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Declaración xurada comprometéndose a renunciar, se fose seleccionado, á percepción doutras remuneracións, bolsas ou axudas, e tamén de non ter sido separado do servicio de ningunha Administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario.

Tódolos documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles.

Sexta.-Selección.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión presidida polo coordinador científico do Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro e composta por tres vocais propostos por aquel e nomeados polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria. Actuará como secretario o administrador do centro.

Ademais do exame da documentación aprobada, a comisión poderá convoca-los solicitantes a unha entrevista persoal.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes nas súas instancias que non estean acreditados documentalmente. O presidente da comisión proporalle ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitara a relación de candidatos seleccionados para o seu nomeamento.

Sétima.-Obrigas.

Os bolseiros permanecerán no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, en horario habitual de xornada de mañá ou tarde.

O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nas presentes bases suporá a perda da bolsa concedida e, de se-lo caso, o reintegro das cantidades xa cobradas.

Oitava.-

O pagamento da bolsa realizarase mensualmente, logo do informe do director da investigación, sempre que os traballos se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Sr. Director Xeral de Política Lingüística

ANEXO I

Tres bolsas para colaborar no proxecto «Dimensións da Identidade Colectiva en Galicia»

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no proxecto dimensións da identidade colectiva en Galicia que se vai realizar no Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes.

Para solicitar unha das bolsas ás que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta orde:

-Acreditar formación en ciencia política.

-Coñecemento da lingua galega a nivel de perfeccionamento.

-Ter experiencia en traballos de análise institucional e parlamentaria.

Para optar á outra bolsa de colaboración neste proxecto requírese:

-Ser licenciado en ciencias económicas.

-Coñecemento da lingua galega a nivel de perfeccionamento.

-Ter experiencia en traballos de análise económica rexional e áreas de estatística e informática.

Para optar á terceira bolsa para colaborar neste proxecto, requírese:

-Acreditar formación en ciencia política.

-Coñecemento da lingua galega a nivel de perfeccionamento.

-Ter experiencia en traballos de análise de discurso político.