Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 27 de abril de 1995 Páx. 3.098

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 4 de abril de 1995 pola que se establece a denominación da Biblioteca Pública de Pontevedra.

As bibliotecas son elementos fundamentais que dan medida do nivel cultural da sociedade, que dan fe dos acontecementos, posibilitan o progreso e manifestan a actitude dos homes perante si mesmos e perante o mundo que lles tocou vivir. Os libros que elas conteñen foron a memoria viva dos pobos e aínda seguen a selo nos nosos días. Son un tesouro cultura, orgullo dos pobos que o posúen e fermoso motivo de investigación por parte daquelas persoas que viron nacer no seu corazón o amor polo libro. Un deses homes dedicados toda a súa vida ó estudio dos antigos volumes das bibliotecas galegas foi o ilustre bibliógrafo Antonio Odriozola Pietas, licenciado en dereito na Universidade de Santiago de Compostela, pero que non desenvolve as súas actividades no campo xurídico, senón no bibliográfico, histórico (especialmente nas imprentas e impresores antigos españois e sobre todo galegos), e musicolóxico. A súa actividade laboral centrouse esencialmente arredor dos libros, foi bibliotecario en

Pontevedra ata a súa xubilación en 1981, e ó libro dedicou boa parte dos seus esforzos e talentos, expresados en numerosas publicacións, conferencias e cursos que impartía, moitas veces á custa de esforzos económicos ó límite das súas posibilidades. Foi membro destacado do Padroado do Museo de Pontevedra, do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Galegos, presidente da Sociedade de Bibliófilos Galegos, académico correspondente en Pontevedra das Reais Academias de Belas Artes de San Fernando e da Historia. Os seus estudios sobre a historia do libro e da imprenta, e maila súa erudición déronse a man para achegar importantísimos descrubimentos tipobibliográficos, convertendo a Antonio Odriozola nunha das figuras máis sobranceiras da biblioloxía española e da cultura galega, convertendo a Galicia e máis concretamente a Pontevedra como punto obrigado de referencia para os máis importantes bibliólogos do mundo.

Sen embargo, a pesar do seu recoñecemento como investigador, en medios internacionais e nacionais, a súa vida transcorreu sen colleita de agasallos. Non quixo homenaxes, pero sirva como recoñecemento ó seu traballo a denominación da Biblioteca Pública de Pontevedra, nos fondos da cal tanto investigou, co seu nome. Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo único-A Biblioteca Pública de Pontevedra, sita na rúa Alfonso XIII, da citada cidade, pasará a chamarse Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 1995.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura