Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 27 de abril de 1995 Páx. 3.098

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 30 de marzo de 1995, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Droga Salgado, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Droga Salgado, S.A., situada na provincia de Pontevedra que tivo entrada nesta delegación provincial o día 23-3-1995, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social polos representantes dos traballadores, en data 3-3-1995. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidad Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da provincia de Pontevedra,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no Libro de Rexistro de Convenios Colectivos de Traballo, obrante nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

En Vigo, 30 de marzo de 1995.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio da empresa Droga Salgado, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito.

O presente convenio afecta en todo o seu contido normativo á empresa Droga Salgado, S.A., que ten o seu domicilio en Vilagarcía de Arousa e a todo o seu persoal que está prestando os seus servicios nela, así como ós que se incorporen despois. O seu posto de traballo poderá variar segundo as circunstancias e necesidades da empresa, sen que varíen por iso as condicións estipuladas.

Artigo 2º-Vixencia.

As cláusulas deste convenio terán unha duración de un ano, entrando en vigor o 1º de xaneiro de 1995, ata o 31 de decembro de 1995, con independencia da data da súa publicación no BOP, prorrogándose tacitamente en períodos anuais, se non é denunciado por calquera das partes, de acordo coas normas vixentes.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

Respectaranse a título individual as condicións de traballo superiores ás establecidas no presente convenio, consideradas no seu conxunto e cómputo anual. Tal garantía será exclusivamente de carácter persoal, sen que se poida entender vinculada ó posto de traballo, categorías profesionais e outras circunstancias, polo que o persoal de novo ingreso non poderá alegar ó seu favor condicións máis beneficiosas das que desfrutasen os traballadores que anteriormente ocupasen os postos de traballo a que sexan destinados ou promovidos.

Artigo 4º.-Xeira de traballo.

A xeira de traballo será de corenta horas semanais, segundo establece o Estatuto dos traballadores, repartidas na forma máis idónea para a empresa e os traballadores, entendendo sempre o interese destes e a productividade da empresa.

Artigo 5º.-Vacacións.

Tódolos traballadores desfrutarán dunhas vacacións retribuídas conforme as seguintes condicións:

a) Terán unha duración de 30 días naturais.

b) As vacacións desfrutaranse cando conveña, segundo as condicións da empresa, se ben a empresa exporá con tempo ós seus traballadores como deberán desfrutalas no ano próximo, segundo o criterio e necesidades da empresa e dos traballadores, non podendo ser nunca nos meses de verán.

e) Cando o traballador cese no curso do ano, terá dereito á parte proporcional de vacacións a razón do tempo traballado.

Artigo 6º.-Licencias e permisos.

O persoal da empresa terá dereito a licencia con soldo en calquera dos casos seguintes:

a) Por matrimonio do traballador.

b) Por morte ou enterro do cónxuxe, ascendentes ou descendentes.

e) Enfermidade grave do cónxuxe, fillos ou parto da esposa.

A duración destas licencias será de quince días para o matrimonio e ata de tres días nos demais casos. En casos excepcionais, poderá concedérselles licencias máis prolongadas, se estas se solicitasen debidamente á dirección con causas moi xustificadas.

Artigo 7º.-Pagas extraordinarias.

O persoal da empresa percibirá dúas pagas extraordinarias, consistentes nunha mensualidade do soldo base e antigüidade, nos meses de xullo e decembro.

Artigo 8º.-Paga de beneficios.

O persoal da empresa percibirá durante o mes de marzo, en concepto de paga de beneficios do ano anterior, o importe dunha paga mensual completa correspondente ó dito ano.

Artigo 9º-Servicio militar.

O persoal comprenido no presente convenio ten dereito a que se lle respecte o seu posto de traballo durante o tempo que dure o servicio. Así mesmo, o persoal que leve dous anos prestando servicios na empresa, ó tempo da incorporación ó servicio militar, ten dereito a percibir como se estivese presente no traballo o importe das gratificacións extraordinarias fixas de xullo e decembro.

Artigo 10º.-Pezas de roupa de traballo.

A empresa estará obrigada a facilitar ós seus empregados as pezas de roupa de traballo necesarias para cada función. Unha cada ano. O seu uso e conservación serán obrigacións para o persoal.

Artigo 11º.-Retribucións.

O salario, durante a vixencia deste convenio, será o que figura na táboa que se reflicte na folla anexa, máis os aumentos por antigüidade que procedan, segundo a táboa anexa.

Artigo 12º.-Antigüidade.

O persoal comprendido no presente convenio percibirá aumentos periódicos por anos de servicio, consistentes en cuatrienios na cantidade do 5% do salario base, correspondente á categoria en que o productor está clasificado.

Artigo 13º.-Axuda por defunción.

En caso de falecemento dun traballador, con un ano de servicio na empresa, esta está obrigada a satisfacer ós seus dereito habentes unha axuda de dúas mensualidades.

Artigo 14º.-Comisión paritaria.

Para levar a bo fin estas negociacións constitúese unha comisión paritaria integrada por Ramón Somoza Rodríguez e Pilar Paz Castro, delegada sindical de persoal, en representación dos traballadores e Antonio Pérez del Oro en representación da empresa.

Artigo 15º.-Partes asinantes.

Este convenio foi asinado por unha representación dos traballadores en tódalas súas follas e por Antonio Pérez del Oro en representación da empresa.

Vilagarcía de Arousa, 3 de marzo de 1995.

Asdo. Ramón Somoza Rodríguez

Chófer repartidor, secretario

DNI 35409940

Asdo. Manuel Rivas Núñez

Mozo

DNI 35399606

Asdo. Pilar Paz Castro

Delegada sindical de persoal

DNI 35430311

Asdo. Mª Josefa Ramos Bugallo

Axudante

DNI 35439060

Asdo. Antonio Pérez del Oro

Representación empresarial

DNI 35328501