Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 25 de abril de 1995 Páx. 3.051

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 1995, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Gallega de Consulting, S.A.

Visto o expediente do Convenio Colectivo Gallega de Consulting, S.A. que tivo entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 14-3-1995, suscrito en representación da parte económica pola empresa e, da parte social, polo comité de empresa, de conformidade co disposto do xa citado corpo legal, artigo 90.2º y 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de Rexistro de Convenios Colectivos de Traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 17 de marzo de 1995.

Fernando Rodríguez Corcoba

Delegado provincial da Coruña

Convenio colectivo de Gallega de Consulting, Sociedad Anónima

Ano 1995

Artigo 1º.-Ámbito funcional

O presente convenio será de obrigada observancia en tódolos centros de traballo de Gallega de Consulting, S.A.

Artigo 2º.-Ámbito persoal

Este convenio colectivo afecta a tódolos traballadores da empresa, coa única excepción do persoal de alta dirección (nivel 0) da táboa de categorías.

Artigo 3º.-Ámbito temporal

A duración do presente convenio é de un ano, iniciando a súa vixencia para tódolos efectos o día 1 de xaneiro de 1995 ata o 31 de decembro de 1995 e prorrogarase anualmente por tácita aceptación e nos seus propios termos en canto non se solicite a súa revisión e se formule a súa necesaria denuncia.

Artigo 4º-Denuncia e revisión.

Calquera das partes asinantes do presente convenio colectivo poderá pedir, mediante denuncia notificada por escrito á outra parte, a súa revisión, con dous meses mínimos de anticipación ó vencemento do convenio e/ou de calquera das súas prórrogas.

En caso de solicitarse a revisión do convenio, a parte que formule a súa denuncia deberá xuntar resposta sobre os puntos e contido que comprenda a revisión solicitada.

Denunciado o convenio nos termos anteriormente establecidos, as partes obríganse a comeza-las conversacións para negocia-la revisión no prazo non superior a un mes antes da data de vencemento do convenio ou da prórroga.

Artigo 5º.-Vinculación á totalidade.

Sendo as condicións pactadas un todo orgánico e indivisible, o presente convenio será nulo e non producirá ningún efecto no suposto de que a autoridade ou xurisdicción competente, no exercicio das facultades que lle sexan propias, obxectase ou invalidase algún dos seus pactos ou non aprobase a totalidade do seu contido.

Artigo 6º.-Comité paritario de vixilancia e interpretación.

Queda encomendada a vixilancia e interpretación dos pactos contidos no presente convenio a un comité paritario que se constituirá no prazo máximo de vinte días contados desde a data da súa publicación no BOP da Coruña.

As partes asinantes acordarán o regulamento de funcionamento do citado comité, que estará integrado por un representante de cada unha das partes signatarias do convenio.

Artigo 7º.-Período de proba e ingreso.

Poderase concertar por escrito un período de proba, que en ningún caso excederá de seis meses para o persoal dos niveis 1 ó 4, de dous meses para os niveis 5 a 7 e 15 días para os demais traballadores. A empresa e o traballador están respectivamente obrigados a realiza-las experiencias que constitúen o obxecto da proba.

Durante o período de proba o traballador terá os dereitos e obrigas correspondentes á súa categoría profesional e ó posto de traballo que desempeñe, como se fose do cadro de persoal, excepto os derivados da resolución da relación laboral, que se poderá producir a instancia de calquera das partes durante o seu transcurso.

Transconido o período de proba sen que se producise o desestimento, o contrato producirá plenos efectos, computándose o tempo dos servicios prestados na antigüidade do traballador na empresa.

Artigo 8º.-Provisión de vacantes.

Cando se produza unha vacante ou sexa preciso cubrir novos postos de traballo comunicaráselle a todo o persoal da empresa por medio dun aviso no taboleiro de anuncios. Este aviso deberase publicar

cunha anticipación mínima de dez días á data fixada para o exame.

Artigo 9º.-Promoción.

Concederáselle preferencia ó persoal de niveis inferiores para que poidan ocupar praza de categoría superior, sempre que obteña igual puntuación á dos aspirantes a ingreso no exame que se convoque para tal fin.

Artigo 10º.-Regras para a provisión de vacantes e promocións.

A empresa terá en conta os seguintes principios básicos:

A) Tódolos traballadores terán dereito a concursar solicitando calquera vacante que se produza en calquera categoría de nivel superior.

B) A empresa, cando o xulgue necesario, poderá efectua-las probas pertinentes para comprobar se se dan nos aspirantes os requisitos esixidos para o posto que se pretende cubrir.

C) En caso de non reuniren os traballadores solicitantes os requisitos e coñecementos esixidos para a vacante, a xuízo da empresa, esta poderá proceder a cubrila con persoal alleo.

D) Tódolos ascensos se considerarán a proba, confirmándose a designación ós seis meses, salvo que neste período de proba se deduza a falta de idoneidade do ascendido; neste caso volverá á súa situación anterior e a empresa pode optar por cubrir esta vacante con algún dos candidatos que participaron no proceso de selección ou convocar novamente a praza.

Artigo 11º.-Organización do traballo.

A organización práctica do traballo con suxeición á lexislación vixente é facultade exclusiva da dirección da empresa. Sen mingua da autoridade que corresponde á dirección da empresa ou ós seus representantes legais, os delegados de persoal terán as funcións de información, orientación e proposta no relacionado coa organización e racionalización do traballo, de conformidade coa lexislación específica e o presente convenio.

Artigo 12º.-Categorías profesionais.

As categorías e niveis profesionais quedan establecidos do seguinte modo, co obxecto de adaptar ás nosas necesidades específicas as denominacións da ordenanza laboral de oficinas e despachos que neste caso non son operantes.

Esta relación de niveis e categorías é meramente enunciativa, sen que supoña obriga de ter provistos os enumerados:

* Nivel 0. Categoría: persoal de alta dirección (excluído do presente convenio de acordo co seu artigo 2).

* Nivel 1. Categoría: director de división.

* Nivel 2. Categoría: coordinador de oficinas.

* Nivel 3. Categoría: director adxunto.

* Nivel 4. Categoría: xefe superior.

* Nivel 5. Categoría: xefe de área.

* Nivel 6. Categoría: director de delegación.

* Nivel 7. Categoría: especialista de área.

* Nivel 8. Categoría: oficial de primeira.

* Nivel 9. Categoría: oficial de segunda.

* Nivel 10. Categoría: auxiliar.

* Nivel 11. Categoría: aprendiz/subalterno, maior de 18 anos.

Non se ten en conta neste convenio colectivo o persoal aprendiz ou subalterno menor de 18 anos. No suposto de o haber, as súas condicións económicas virán determinadas polo "salario mínimo" vixente (Os niveis 1 ó 6 poderán usar tarxetas de visita da empresa, personalizadas).

Artigo 13º.-Definición de categorías.

As definicións de cada categoría son as seguintes:

-Persoal de alta dirección (nivel 0):

Comprende os cargos de: conselleiro delegado, xerente, etc.

(Todos eles están excluídos do presente convenio)

Resto de niveis por orde de ascenso:

-Aprendiz/subalterno maior de 18 anos (nivel 11):

É subalterno o empregado maior de 18 anos que realiza funcións de recadeiro e axuda dentro ou fóra das instalacións, así como outros traballos secundarios, relacionados coa actividade principal. E aprendiz toda aquela persoa que, tendo ingresado na empresa cun contrato específico para aprender un determinado cometido, se encontra dentro da vixencia do mesmo. Finalizando este tipo de contrato, quedará rescindido a non ser que, habendo prazas de niveis superiores na empresa se decida incorporalo ó cadro de persoal, coa categoría de auxiliar ou subalterno.

-Auxiliar (nivel 10):

É o empregado maior de 18 anos que ten ó seu cargo operacións elementais administrativas e, en xeral, as puramente mecánicas e mecanográficas.

-Oficial de segunda (nivel 9):

Realiza as mesmas funcións que se asignan ó auxiliar, con certo grao de experiencia, seguridade e rapidez.

-Oficial de primeira (nivel 8):

É o empregado cualificado que, con iniciativa e responsabilidade restrinxida e subordinado a un nivel superior realiza traballos de carácter secundario que só esixen coñecementos xerais da técnica administrativa.

-Especialista de área (nivel 7):

É o empregado capacitado tecnica e profesionalmente que, despois dun período de aprendizaxe, accede a realizar traballos específicos dentro dunha área ou departamento da empresa.

-Director delegación (nivel 6):

É o empregado que ten ó seu cargo e baixo a súa responsabilidade cada unha das oficinas delegadas. As súas tarefas son comerciais e técnicas, dirixindo o persoal auxiliar da oficina e ostentando facultade para asina-lo correo xerado nela.

Polo que respecta ás súas funcións técnicas, dependerán de cada unha das divisións operativas segundo a natureza dos traballos.

-Xefe de área (nivel 5):

É aquela persoa que realiza cometidos de xefatura e coordinación de tarefas nunha área de traballo ou departamento específico. Recibe ordes dos mandos da división á que pertence. Ten ó seu mando o seu persoal auxiliar.

-Xefe superior (nivel 4):

É o xefe de área que, debido á súa evolución na empresa e á súa madurez no posto, pode ser promocionado a este nivel económico superior.

-Director adxunto (nivel 3):

É o empregado que, ás ordes dun director de división ou coordinador, realiza tarefas propias dos citados postos como axuda e asistencia auxiliar ós mesmos, suplíndoos en caso de ausencia.

-Coordinador (nivel 2):

É aquel alto empregado capaz de desempeñar tarefas correspondentes ó director de división e, en estreita colaboración con el, coordinará as funcións do persoal ás súas ordes. As súas funcións de mando, organización do traballo, responsabilidade e supervisión seranlle delegados polo director de división, de quen dependerá.

-Director de división (nivel 1):

É a máis alta categoría laboral. O director de división é o responsable pleno e final das divisións operativas da empresa. Ten mando sobre o persoal da división e área de traballo e está facultado para asina-la correspondencia que se xere na súa división baixo a correspondente antesinatura.

Artigo 14º.-Servicio militar.

Durante o tempo que o persoal permanece no servicio militar obrigatorio, ou no voluntario para anticipa-lo cumprimento daquel, reservaráselle a praza que viña desempeñando.

Transcorridos 60 días desde o seu licenciamento sen presentarse ó seu cargo laboral, entenderase que renuncia por propia vontade, quedando totalmente extinquida a relación laboral.

Cando as obrigas militares lle permitan ó empregado acudir ó traballo, e sempre que isto non trastorne a súa organización, apreciación que fará a empresa libremente, o empregado poderá traballar

por horas, aboadas a pro rata do seu soldo. Se a empresa tivese oficina delegada na poboación a que sexa destinado o empregado procurarase adscribilo a ela, sempre que poidan ser compatibles os seus deberes de empregado e soldado.

Artigo 15º.-Xornada laboral.

As horas de traballo efectivas en cómputo anual será de 1.755, de acordo co calendario laboral de empresa (anexo II) no que se contemplan festivos de empresa, «pontes» e distribución das diferentes xornadas.

Hai tres tipos de xornada laboral:

A) Xornada laboral normal de 8 horas efectivas.

B) Xornada intensiva de verán de 7 horas efectivas.

C) Xornada intensiva de Nadal de 5 horas efectivas.

Para todas elas se utilizará un horario flexible a comodidade do traballador de acordo coas seguintes pautas:

Xornada A

Mañás:

Flexible de 8.30 a 9.30

Fixo de 9.30 a 14

Flexible de 14 a 14.30

Tardes:

Flexible de 15 a 16

Fixo de 16 a 18.30

Flexible de 18.30 a 19.

Xornada B

Flexible de 8 a 8.30

Fixo de 8.30 a 15

Flexible de 15 a 15.30

Xornada C

Flexible de 8.30 a 9.30

Fixo de 9.30 a 14

Flexible de 14 a 14.30

Por razóns familiares, a petición do traballador e segundo apreciación da empresa, poderase instaurar en determinados períodos unha xornada de traballo "D" que ten como peculiaridade que o traballo o efectúa o traballador peticionario desde o seu domicilio, sen acudir ó centro de traballo.

Todo traballador desprazado a outra empresa por razón de servicio aterase ó horario do centro de traballo de destino, se ben, en canto ó cómputo das horas traballadas, se considerarán extraordinarias as que excedan mensualmente do cadro horario da empresa. Se, polo contrario, estas resultasen inferiores, recuperaranse no próximo mes ou, de ser posible, completaríanse diariamente nas oficinas da súa empresa.

Artigo 16º.-Vacacións

Tódolos traballadores desfrutarán de 30 días naturais de vacacións, como mínimo, preferentemente no mes de agosto. Aqueles que por necesidades do servicio tivesen que toma-las vacacións noutros períodos terán preferencia no próximo ano para desfrutalas en agosto, no suposto de que se fraccionen, computaranse a razón de 22 días laborables.

Ata cinco días dos trinta de vacacións poderán ser utilizados para compensación de pontes e festivos de empresa de acordo coas realidades de traballo previstas pola dirección da empresa á hora de confecciona-lo calendario anual.

O plan de vacacións quedará previsto, para efectos informativos, dentro do mes de marzo como parte integrante do citado calendario laboral, aínda que posteriomente será posible a súa modificación por necesidades ineludibles de producción.

Todo o persoal poderá planificar individualmente as súas festas e necesidades de lecer, para o cal ten dereito a desprazar fóra do mes de agosto ata dez días das súas vacacións anuais. Esta planificación anual ten que ser comunicada por escrito á dirección de Galcosa, antes do 15 de marzo de cada ano.

Artigo 17º.-Permisos e faltas ó traballo

O persoal de Galcosa poderá solicitar permisos, facéndoo por escrito ante o mando de quen dependan e posterior informe deste á dirección, todo isto en forma previa. Se se produce ausencia sen petición de permiso será considerado como falta ó traballo. Neste caso o persoal debe avisar de tal evento polo medio máis rápido posible ó seu mando ou á dirección.

Os permisos que dan dereito a retribución son os seguintes:

A) Vinte días naturais en caso de matrimonio

B) Catro días nos casos do falecemento do cónxuxe, pais ou fillo.

C) Dous días nos casos de nacemento de fillo, enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, salvo no caso da letra B anterior.

D) Un día por traslado de domicilio habitual.

E) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo en máis do 20% das horas laborais nun período de tres meses, a empresa poderá pasa-lo traballador afectado á situación de excedencia forzosa. No suposto de que o traballador, por cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontarase o seu importe do salario a que tivese dereito na empresa.

F) Para realiza-las funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos pola lei.

Artigo 18º.-Faltas e sancións.

En materia disciplinaria aplicarase o establecido nas normas vixentes do ordenamento xurídico laboral no que resulten de pertinente aplicación.

Artigo 19º.-Demisión do traballador.

En caso de demisión do traballador, este deberá avisar por escrito á dirección cun mínimo de 60 días de anticipación para os niveis do 1 ó 6 e de 30 para os niveis restantes. Se non se realiza este preaviso, o interesado perderá a retribución correspondente a eses días, como resarcimento dos danos e perdas que tal omisión do prazo lle ocasione á empresa. O establecido no parágrafo precedente enténdese sen prexuízo da indemnización prevista nos supostos que contempla o artigo 21 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 20º.-Retribucións.

A estructura retributiva da empresa queda configurada do seguinte xeito:

a) Salario convenio

b) Plus de transporte.

c) Horas extraordinarias.

d) Axudas de custos e quilometraxe por desprazamentos.

e) Complementos retributivos.

No suposto de folga, o desconto por exercicio legal da mesma calcularase segundo as horas deixadas de traballar, valoradas na proporción retribución anual/horas anuais.

Artigo 21º.-Salario convenio.

Establécense para cada nivel de categoría en cómputo anual na táboa do anexo I.

Artigo 22º.-Plus de transporte.

Consiste nunha cantidade que se establece para efectos de compensación de gastos e tempos para situarse no lugar de traballo. Figura na táboa do anexo I citada, quedando excluído da cotización á Seguridade Social.

Artigo 23º.-Horas extraordinarias.

Só se realizarán no suposto de necesidade perentoria e serán ordenadas e posteriormente autorizadas polo mando autorizado para isto. Serán retribuídas en recibo de salarios aplicando os importes que, para cada categoría, figuran na tábola salarial do anexo I citado.

Por necesidades económicas da empresa, esta poderá computa-los tempos investidos en horas extras en tempos de descanso equivalente ó 175% das horas extras efectuadas.

Artigo 24º.-Axudas de quilometraxe por desprazamentos.

Se o desprazamento se efectúa en vehículo da empresa ou de alugueiro só se repercutirá nas notas de gastos de viaxe aqueles que correspondan ó mantemento, peaxe e consumibles do vehículo realmente pagados.

Se se utiliza vehículo propio do traballador, os quilómetros compensaranse a 38 pesetas sen que proceda outro concepto de cargo, excepto a peaxe.

Non se establecen axudas de custos fixas xa que a empresa compensará os gastos de manutención e aloxamento na súa contía real.

Artigo 25º.-Complementos retributivos.

Establécense os seguintes:

* Comisións

* Bolsa de estudios

* Compensación ILT

* Nupcialidade

* Natalidade

* Plus de antigüidade

* Servicio de busca de emprego

Artigo 26º.-Comisións.

Establécense dous tipos de comisións de acordo co seguinte detalle:

Tipo un. Afecta o persoal do nivel 6. Será o 8% da totalidade da facturación da súa oficina en dosier e contratos iniciais elevados ó ano.

Tipo dous. O resto do persoal afectado por este convenio que participe nalgunha acción comercial poderá devengar unha comisión pola súa xestión na contía que previamente se concerte.

Tódalas comisións se liquidarán por trimestres naturais mediante liquidación nominativa.

Artigo 27º.-Bolsa de estudios.

Tódolos traballadores poderán solicitar unha bolsa de 70.000 ptas. anuais para a súa formación profesional, que lle será recoñecida en función de matrícula nalgún curso oficial (BUP, FP, Universidade). A empresa seguirá o desenvolvemento destes estudios, para o cal poderá efectuar os controles que desexe. Se os resultados non fosen satisfactorios denegaranse as sucesivas bolsas.

Se na empresa se acometesen accións formativas, estas desenvolveranse fóra do horario de traballo e os asistentes (sempre voluntarios) non computarán este tempo como de traballo. Neste caso percibirán en nómina 200 ptas. por cada hora que durem a acción formativa. Se as accións formativas fosen exteriores, tamén se poderá solicita-la bolsa, que se percibirá en nómina na contía de 1.000 pesetas por cada hora de asistencia, que se concederá ou non de acordo co interese da empresa nesa determinada formación.

Artigo 28º.-Compensación ILT.

En caso de ILT a empresa compensará en recibo de salarios o importe bruto dos devengos, mentres dura esta situación ata o 100% do que lle correspondese en caso de estar en activo.

A persoa que inicie unha situación de ILT debe informar deste evento á empresa, tal e como queda indicado para os casos de permiso no artigo 17º. Todo isto independentemente das posteriores xustificacións oficiais de asistencia a consulta e parte de baixa.

Artigo 29º.-Nupcialidade.

O persoal que contraia matrimonio canónico ou civil percibirá unha gratificación extra equivalente ó 65% do salario mensual.

Artigo 30º.-Natalidade.

O nacemento de cada fillo premiarase cunha paga extra equivalente ó 65% do salario mensual.

Artigo 31º.-Plus de antigüidade.

Establécese un plus de antigüidade calculado en quinquenios, sen limitación ningunha. Cada quinquenio liquidarase en recibo de salarios ó 4% do salario base de cada categoría. O seu devengo e cobro iniciarase o día primeiro de cada ano en que se cumpra cada quinquenio.

Como complemento deste plus de antigüidade, tódolos traballadores fixos do cadro de persoal quedarán cubertos por un seguro de vida cos seguintes capitais de indemnización:

* Falecemento: 2.000.000 de ptas.

* Falecemento por accidente: 4.000.000 de ptas.

* Falecemento por accidente de circulación: 6.000.000 de ptas.

* Invalidez absoluta e permanente: 2.000.000 de ptas.

Tal seguro iniciará a súa cobertura o día 1 de xaneiro do ano seguinte ó ingreso do traballador ou da súa contratación como traballador con contrato indefinido.

Artigo 32º.-Servicio de busca de emprego.

Dada a nosa actividade neste campo, calquera traballador da empresa ten dereito ó seu uso para si ou para calquera familiar presentado por el, sen cargo ningún.

Artigo 33º.-Distribución do salario.

Os importes anuais recollidos nas táboas salariais anexas comprenden 14 pagas iguais (12 mensualidades en unha extra de xullo e outro en decembro).

Non obstante, acórdase redistribuí-las dúas pagas extraordinarias, aplicándoas mensualmente en cada recibo de salarios, para aquel persoal que así o solicite, por escrito, para cada período anual.

Festivos nacionais:

06/01 = Epifanía do Señor.

13/04 = Xoves Santo.

14/04 = Venres Santo.

01/05 = Festa do traballo.

17/05 = Día das Letras Galegas.

25/07 = Santiago Apóstolo.

15/08 = Asunción da Virxe.

12/10 = Festa Nacional de España.

01/11 = Tódolos Santos.

06/12 = Día da Constitución Española.

08/12 = Inmaculada Concepción.

25/12 = Natividade do Señor.

Festivos locais:

Santiago de Compostela.

25/05 = Ascensión.

16/08 = San Roque.

A Coruña

28/02 = Martes de entroido.

07/10 = Festa do Rosario.

Ferrol.

07/01 = San Xulián.

17/04 = Virxe do Chamorro.

Festivos empresa.

28/02 = Xornada de 5 horas.

13/10 = Festivo empresa.

07/12 = Festivo empresa.

Xornada intensiva: do 10 de xullo ó 10 de setembro (de 8 a 15 horas).

Vacacións: do 31 de xullo ó 29 de agosto.

Xornada de nadal: do 26 ó 31 de decembro (de 9 a 14 horas).

Abreviaturas utilizadas:

F = Festivo.

FE = Festivo empresa.

FL = Festivo local (Santiago de Compostela).

S = Sábado.

D = Domingo.