Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 25 de abril de 1995 Páx. 3.047

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 109/1995, do 31 de marzo, polo que se declara de utilidade pública a explotación da canteira de caliza (sección A) Arcos, sita no lugar de Arcos, concello de Pol, da provincia de Lugo, e a urxente ocupación dos terreos necesarios para a súa explotación, terreos onde se situarán os labores, que foi solicitada por Explotaciones de Canteras del Noroeste, S.A.

A empresa Explotaciones de Canteras del Noroeste, S.A. (Excansa) solicitou á Consellería de Industria e Comercio, a concesión dos beneficios de expropiación forzosa mediante a declaración de utilidade pública e a expropiación forzosa polo procedemento de urxencia dos terreos situados no lugar de Arcos, concello de Pol, da provincia de Lugo, coa finalidade de continua-la explotacion da canteira de Arcos.

Esta canteira está clasificada na sección A e a solicitude de incoación do expediente foi executada ó abeiro do establecido no artigo 102 da Lei de

minas do 21 de xullo de 1973 en relación co artigo 128 do regulamento que desenvolve a dita lei e o artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.

Tramitado o expediente pola Delegación Provincial de Industria e Comercio desta consellería en Lugo, realizouse a oportuna información pública, con insercións no Boletín Oficial del Estado (19-2-1994), Diario Oficial de Galicia (12-2-1993), BOP de Lugo (16-2-1993), xornal El Progreso (21-1-1993), e taboleiros de anuncios do Concello de Pol e delegación provincial, e foi enviada notificación individual con xustificante de recibo ós propietarios das parcelas afectadas.

Como consecuencia da información pública e notificación individuais, presentáronse oposicións contra a procedencia da expropiación por varios interesados, que se desestiman por entender que estas non formulan cuestións de forma ou fondo ó aducir razóns que non desvirtúan a necesidade de incoación do expediente expropiatorio polo procedemento de urxencia.

Considérase xustificada a utilidade pública desta explotación polos beneficios que reporta ó tecido económico e social de Galicia, a supervivencia dos postos de traballo directos e indirectos e a economía inducida para a comarca. Por outra banda, e dada a escaseza de depósitos calizos para áridos, esta canteira sitúase nun lugar axeitado para satisfacer parte importante da demanda de áridos calizos con destino ás obras de infraestructuras de construcción da zona.

A urxente ocupación considérase xustificada pola necesidade de dispoñer dos terreos necesarios para dar continuidade á explotación e como alternativa racional de expansión dela, que do contrario veríase seriamente comprometida e condenada a súa clausura a curto prazo.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de marzo de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

En aplicación do disposto no artigo 102 da Lei de minas e no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase de utilidade pública a explotación da canteira Arcos, do concello de Pol, na provincia de Lugo.

Artigo 2º

Declárase urxente, segundo o citado artigo 102 da Lei de minas e para os efectos do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, a ocupación dos predios sitos no concello de Pol definidos no plano parcelario presentado e publicados nos boletíns citados, eidos que é necesario expropiar para os efectos determinados no artigo 1º, exceptuándose

aqueles adquiridos ou desbotados pola empresa solicitante con motivo dun novo deseño da explotación.

Santiago de Compostela, trinta e un marzo de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio