Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 25 de abril de 1995 Páx. 3.048

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 20 de marzo de 1995 pola que se recoñece de interese galego e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego á Fundación Raquel Chaves.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Raquel Chaves.

Supostos de feito:

Primeiro.-O 24 de xuño de 1994 solicitouse o recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Raquel Chaves en escrito presentado por Antonio Manuel Chaves Cuíñas en calidade de presidente da fundación.

Segundo.-A fundación constituíuse en escritura pública, outorgada en Vigo o día 5 de marzo de 1995 perante o notario Alejo Calatayud Sempere co número tres mil cincocentos sesenta e seis do seu protocolo, por Antonio Manuel Chaves Cuíñas, María Paz Fernández Fernández intervindo debidamente acreditados en nome propio e en representación de Adrián Chaves Fernández e Andrés Chaves Fernández.

Terceiro.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevou ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública a proposta de clasificación como benéfico-cultural privada da Fundación Raquel Chaves, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a execución das facultades inherentes a aquel á Consellería de Cultura.

Cuarto.-Á vista da proposta da comisión de secretarios xerais técnicos pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 2 de marzo de 1995 (DOG do 13 de marzo) clasificouse como benéfico-cultural privada a Fundación Raquel Chaves, tendo en conta o disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é entre outros a preservación dos xoguetes e xogos antigos e de colección como bens de interese cultural e pedagóxico. Favorece-la investigación e a súa recuperación, promover e colaborar na constitución de ludotecas participando na xestión, dirección, deseño e coordinación: Fomenta-lo estudio e divulgación desde unha perspectiva cultural e pedagóxica ademais da propiamente lúdica, etc.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitue a fundacións nos estatutos e na restante documentación que figura no expediente constan, entre outros, os seguintes puntos:

Acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación corno Fundación Raquel Chaves, capacidade xurídica, domicilio e obxecto.

O padroado da fundación está integrado polos seguintes membros:

Presidente: Antonio Manuel Chaves Cuiñas.

Secretaria: María Paz Fernández Fernández.

Vocais:

Adrián Chaves Fernández.

Andrés Chaves Fernández.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, de acordo coa lei. O artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia atribúelle a esta comunidade competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como o artigo 1 do Decreto 12/1990, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Raquel Chaves, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó amparo do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débese destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación da fundación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico e, por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data da finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas ó longo do ano e de xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data do peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a sua inserción no Rexistro de Fundacións da Sección de Fundacións da Consellería de Cultura segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992. Por todo isto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Raquel Chaves.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a formación do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de da-la publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a rende-las contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 1995.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura