Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 25 de abril de 1995 Páx. 3.046

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 108/1995, do 31 de marzo, polo que se acorda a mutación demanial do inmoble coñecido como Residencia San Lázaro, sito na rúa San Lázaro, de Santiago de Compostela (A Coruña).

A través do Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, foi transferido o inmoble coñecido como camping xuvenil San Lázaro, sito en Santiago de Compostela, cunha extensión superficial de 9.300 m (BOE nº 235, do 1 de outubro de 1982).

Mediante o Decreto 146/1982, do 1 de decembro, sobre asunción e asignación de competencias, adscríbese á Consellería de Cultura o dito inmoble. Posteriormente, a extinta Consellería de Cultura e Xuventude construíu no antedito inmoble un edificio composto de soto, planta baixa, primeiro, segundo e ático, cunha superficie total construída de 2.760,57 m, para dedicalo a residencia xuvenil. Na actualidade, despois dos distintos cambios na estructura orgánica da Xunta de Galicia, atópase adscrito á Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Posto de manifesto pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude que o inmoble non resulta necesario na actualidade para o exercicio das súas competencias e constando a petición subscrita pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na que solicita a súa adscrición para a instalación de dependencias administrativas dela dependentes, procede, de conformidade co disposto no artigo 12 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, acorda-la mutación do destino do inmoble descrito no encabezamento.

En virtude do anteriormente exposto, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de marzo de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acorda-la mutación demanial do inmoble coñecido como residencia San Lázaro, sito na rúa San Lázaro, de Santiago de Compostela (A Coruña), co fin de destinalo a sede dos órganos administrativos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 2º

Adscribi-lo antedito inmoble á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que ostentará as facultades de administración, xestión e conservación del.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para dar efectividade ó disposto no presente decreto.

Santiago de Compostela, trinta e un de marzo de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Ferrnández

Conselleiro de Economía e Facenda