Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 25 de abril de 1995 Páx. 3.045

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 107/1995, do 31 de marzo, polo que se acepta a cesión a título gratuíto dun terreo de 11.017,45 metros cadrados sito na parroquia e termo municipal de Negreira (A Coruña), feita a favor da Comunidade Autónoma de Galicia para a instalación dun instituto de educación secundaria e profesional.

O Pleno da Corporación Municipal de Negreira (A Coruña), reunido en sesión extraordinaria o 24 de maio de 1988 acordou a cesión á Xunta de Galicia dun terreo de 11.017,45 m para a construcción dun instituto de ensino secundario e formación profesional.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo os artigos 23.1.º da mesma lei e 38.1.º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles exceda o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta da Consellería de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Negreira acordou a cesión, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de marzo de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acepta-la cesión gratuíta do terreo de unha hectárea, dez áreas, 17 centiáreas e 45 dm pertencentes ó Concello de Negreira, sito na parroquia de Negreira, no sitio das Brañas, que linda en tódalas súas frontes con terreos dos irmáns Pardo Fabeiro.

O inmoble descrito atópase inscrito no Rexistro da Propiedade, no tomo 715, libro 118, folio 102, número 13.480.

Artigo 2º

O inmoble cedido destinase á instalación dun instituto de educación secundaria e profesional.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, trinta e un de marzo de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Anotonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda