Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 20 de abril de 1995 Páx. 2.962

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 9 de marzo de 1995, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza a instalación da subestación transformadora de enerxía eléctrica 220/132/66 kV en Areeiro-Nespereira, no concello de Pazos de Borbén (Pontevedra), e se declara a súa utilidade pública. (Expediente número 94/093).

Vistos o escrito e documentación presentados perante a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra pola empresa Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na r/ Fernando Macías, nº 2, da Coruña, solicitando a autorización administrativa e a declaración de utilidade pública da subestación de transformación de enerxía eléctrica, 220/132/66 kV, a situar no lugar de Areeiro-Nespereira, concello de Pazos de Borbén (Pontevedra). (Expediente número 94/093).

Resultando que a anterior petición se someteu a información pública tal e como prevé o artigo 9 do Decreto 2617/1966, sobre autorización de instalacións eléctricas, e o 10 do Decreto 2619/1966, ámbolos do 20 de outubro, aplicables ó presente expediente en virtude do que establece a alínea 2 da disposición transitoria segunda da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional, mediante resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio en Pontevedra do 11-11-1994, publicada no DOG do 14-12-1994, no BOP de Pontevedra do 14-12-1994, no BOE do 17-12-1994, e no xornal Faro de Vigo do 16-12-1994.

Resultando que o 16-1-1995 a Comunidade de Montes en Man Común da parroquia de Nespereira, concello de Pazos de Borbén, presentou escrito de alegacións ó proxecto solicitando o cambio de situación da subestación, ou ben, de non ser posible aquel, a reducción da superficie a efectar.

Resultando que o proxecto consiste na construcción da subestación de transformación de enerxía eléctrica a situar en Areeiro, parroquia de Nespereira, concello de Pazos de Borbén (Pontevedra), sendo as súas características principais as seguintes:

* Subestación transformadora 220/132/66 kV, composta por un parque de 220 kV, con potencia de transformación de 220/132 kV, de 300 mVA, e de 80 mVA, en 132/66 kV e instalacións blindadas para as tensións de 132 kV e 66 kV. O parque quedará previsto para unha futura ampliación consistente nunha instalación a 400 kV, composta de dúas posicións de liña nomeadas Cartelle I e II, catro de transformación (dúas de 40/132 kV e dúas de 400/220 kV), e dúas de reserva de liña.

Orzamento: 1.213.422.000 ptas.

Considerando que a Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e no Decreto 209/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria

e Comercio, modificado polo Decreto 140/1991, do 2 de maio, en relación cos decretos 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e 2619/1966, do 20 de outubro, polo que se aproba o regulamento de execución da Lei 10/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas.

Considerando que a solicitude de autorización administrativa e maila declaración de utilidade pública recibiron informe favorable e foi proposta a súa autorización pola Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra.

Considerando que as obras sinaladas cumpren coas normativas técnicas vixentes en materia de tendidos de liñas eléctricas, así como co preceptuado no Regulamento de liñas eléctricas aéreas de alta tensión (Decreto 3151/1968, do 28 de novembro; BOE do 27-12).

Considerando que as alegacións da comunidade veciñal propietaria non poden ser tidas en conta no trámite procedemental que nos ocupa, toda vez que delas se infire a súa oposición á expropiación e non á autorización administrativa da instalación, sen prexuízo de que poidan ser reiteradas cando o expediente continúe a súa tramitación, conforme o disposto no artigo 6 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

En calquera caso cómpre sinalar que o terreo ofrecido en substitución ten un desnivel excesivo que imposibilita a construcción do parque nel e que non é posible acceder á diminución da área necesaria para a dita construcción, xa que a ampliación futura inclúe novos módulos á parte do da liña a Castrelo.

Considerando que se cumpriu a tramitación regulamentaria disposta na normativa antes mencionada, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro.-Autorizarlle a Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. a instalación da subestación de transformación de enerxía eléctrica, 220/132/66 kV, a situar en Areeiro-Nespereira, no concello de Pazos de Borbén (Pontevedra).

Segundo.-Declarar a utilidade pública da instalación eléctrica autorizada, para os efectos sinalados na Lei 10/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de execución, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso ordinario, perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo de un mes contado desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 1995.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria