Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 20 de abril de 1995 Páx. 2.961

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 101/1995, do 31 de marzo, polo que se declara a urxente ocupación, no expediente de expropiación forzosa, dos terreos necesarios para a explotación da concesión de lousa da sección C San Víctor número 4263, da provincia de Ourense, solicitada por Pizarras Carucedo, S.L.

Lisardo Fernández García, en nome e representación de Pizarras Carucedo, S.L., entidade con domicilio social en Medas del Castillo, s/n, termo municipal de Quiroga, da provincia de Lugo, solicitou da Consellería de Industria e Comercio a incoación do expediente de expropiación forzosa polo procedemento de urxencia coa finalidade de prosegui-la laboura na concesión de explotación de lousa denominada San Víctor nº 4263, sita na parroquia de Lardeira, termo municipal de Carballeda de Valdeorras, da provincia de Ourense.

A solicitude foi efectuada conforme o disposto no artigo 105 da Lei de minas, do 21 de xullo de 1973, e no artigo 131 do seu Regulamento, do 25 de agosto de 1978, así como no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954 e artigo 56 do seu Regulamento, do 26 de abril de 1957.

Tramitado o correspondente expediente pola Delegación Provincial de Industria e Comercio de Ourense, foi sometido ó trámite de información pública, mediante a publicación da relación de predios, propietarios afectados e domicilio, lugar, clase de terreo e superficie afectada, no Boletín Oficial del Estado (27-6-1994 nº 152), Diario Oficial de Galicia (18-7-1994 nº 137), BOP de Ourense (15-6-1994 nº 135), xornal La Región (9-6-1994), así como no taboleiro de anuncios do Concello de Carballeda de Valdeorras, enviándose notificacións individuais con xustificante de recibo ós interesados dos eidos afectados.

Como consecuencia da información pública e notificacións individuais, foi presentado escrito de alegacións contra a procedencia de expropiación por parte dos propietarios dun dos dous predios afectados no que aducen unha serie de razoamentos sobre a inadecuación do procedemento expropiatorio non argumentando razóns de fondo ou forma que puideran ser tidas en consideración, polo que é forzoso desestimalo posto que non impugnan as razóns obxectivas que fan precisa a ocupación do predio con urxencia.

Considérase xustificada a urxente ocupación dos terreos afectados para levar a cabo a laboura e normal desenvolvemento da explotación e evita-la súa paralización, de acordo co contido da documentación aportada, plans de labores aprobados e informes emitidos, todos favorables a ela polo procedemento de urxencia, como forma de asegura-la continuidade da explotación.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do trinta e un de marzo de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declárase urxente, segundo o citado artigo 105 da Lei de minas e para os efectos dispostos no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, a ocupación dos predios sitos na parroquia de Lardeira, municipio de Carballeda de Valdeorras (Ourense), definidos nos plans presentados e dos que se publicou relación nos boletíns citados, predios que é necesario expropiar para dar continuidade á laboura da concesión de explotación de lousa denominada San Víctor nº 4263 de Ourense, da cal é titular Pizarras Carucedo, S.L.

Santiago de Compostela, trinta e un de marzo de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio