Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 17 de abril de 1995 Páx. 2.835

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 16 de marzo de 1995 pola que se autoriza o carácter retribuído da realización de probas analíticas polo Centro de Transfusións de Galicia.

No Decreto 462/1990, do 20 de setembro, polo que se regula a hemodoazón-hemoterapia e os bancos de sangue en Galicia, establécese, no seu artigo 2.3º p), como función dos centros de transfusión de Galicia a realización das determinacións analíticas que estean dentro das competencias do centro e que sexan solicitadas polos hospitais incluídos no seu ámbito xeográfico de actuación.

Así mesmo, nos estatutos da Fundación Centro de Transfusión de Galicia, no seu artigo 7 s), establécese como finalidade da fundación a realización das determinacións analíticas que estean dentro das competencias do centro e que sexan solicitadas polos hospitais da área de actuación (probas de compatibilidade pretransfusional, VIH, marcadores de hepatite, anemias hemolíticas...).

Con data do 21 de marzo de 1994, o Centro de Transfusións de Galicia solicitoulle autorización a este protectorado para a prestación retribuída de servicios hemoterápicos, autorización que foi outorgada mediante resolución do conselleiro do 5 de abril de 1994 (DOG nº 75, do 20-4-1994).

Dentro das funcións de tutela e garantía, de acordo co artigo 21.2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle ó protectorado concederlles autorización ás fundacións para a realización de actividades ou prestación de servicios retribuídos ós seus beneficiarios, sempre que tales actividades ou servicios sexan de interese xeral para a comunidade e as cantidades que a fundación perciba por elas non exceda do custo real do servicio ou actividade prestados.

Neste sentido, o Padroado da Fundación Centro de Transfusión de Galicia, na reunión celebrada o 23 de decembro de 1994, acordou por unanimidade a aprobación das tarifas pola realización de probas analíticas nos laboratorios do centro.

Por todo o anterior, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, vista a memoria xustificativa presentada pola Fundación Centro de Transfusión de Galicia, en exercicio das atribucións previstas no artigo 21 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño,

ACORDA:

Primeiro.-Autoriza-lo carácter retribuído da realización de probas analíticas pola Fundación Centro de Transfusión de Galicia de acordo cos importes que se determinan no anexo.

Segundo.-Dispoñe-la publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 1995.

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.