Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 17 de abril de 1995 Páx. 2.832

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 17 de marzo de 1995 de protección das razas bovinas autóctonas en perigo de extinción, de acordo co Plan Integral de Mellora Xenética do Gando Vacún de Galicia.

As razas vacunas autóctonas de Galicia constitúen un valioso caudal xenético que debemos conservar xa que actualmente están en serio perigo de extinción. Estas razas constitúen un mesmo tronco racial e denomínanse xenericamente «morenas do noroeste». Compoñen este grupo as seguintes razas: cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa.

O hábitat natural destas razas son as áreas montañosas de Galicia, moi despoboadas e deprimidas, onde as explotacións agrícolo-gandeiras de carácter familiar con moi escaso número de animais conservan cada vez máis raros exemplares, xa por nos

talxia, afecto, tradición, pola súa adaptación a condicións ambientais extremas ou tamén pola súa aptitude dinamóxena que resulta indispensable nun medio agroxénico tan complexo.

As organizacións internacionais como FAO/UNEP e a ONU, así como a UE, nos seus programas operativos e de cooperación internacional, instan os gobernos a promoveren a protección, avaliación e conservación das razas de animais domésticos en perigo de extinción.

O Plan Integral de Mellora Xenética do gando vacún de Galicia establece as liñas xerais para continua-lo programa de recuperación e conservación destas razas, iniciado en 1991, e que é preciso seguir desenvolvendo, mediante incentivos ós posuidores deste gando para que colaboren na súa realización.

No mesmo sentido de apoio, o Real decreto 51/1995, do 20 de xaneiro instrumenta unha serie de axudas horizontais para o fomento das razas en perigo de extinción, segundo o previsto no Regulamento (CEE) 2078/92.

Por todo isto, de acordo co disposto no artigo 30.lº.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Continúase o desenvolvemento do programa de conservación e recuperación para as cinco razas de gando vacún autóctono galego (cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa), rexistrando, en tódalas explotacións con exemplares destas razas, e sempre e cando os seus propietarios o soliciten, os animais puros destas razas nados e recriados segundo as instruccións técnicas do Plan Integral de Mellora Xenética da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, de cara a consegui-lo fomento, a recuperación e a fixación destas razas.

O funcionamento técnico-administrativo dos ditos rexistros estará a cargo da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias, a través do Centro de Recuperación de Razas Autóctonas de Fontefiz (Ourense).

Artigo 2º

Concederáselle o título de "propietario rexistrado-colaborador" a quen teñan animais nalgún dos rexistros das razas anteriormente sinaladas e se comprometa a colaborar coa Consellería de Agricultura, Gandería e Montes durante os próximos cinco anos, reproducindo os seus actuais exemplares e poñendo as crías ó dispor da consellería que, despois da compensación económica correspondente, poderá dispoñer delas para a conservación destas razas.

Artigo 3º

Concederáselle-lo o título de «familia colaboradora» a aquelas que teñan animais bovinos autóctonos das razas anteriormente sinaladas en calidade

de cedidas pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Artigo 4º

A familia colaboradora deste programa comprométese a cumprir, ademais das estipulacións específicas do contrato de cesión do gando, aquelas establecidas na presente orde, para o propietario rexistrado-colaborador (Art.5; Art.6; Art.7).

Artigo 5º

O propietario rexistrado-colaborador deste programa comprométese a non vende-los animais sen permiso da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, así como a cubrilos ou inseminalos co semental ou doses seminais indicadas polos técnicos da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes. Así mesmo, comunicarán os partos, mortes, abortos e outras incidencias ós técnicos veterinarios do Centro de Recuperación de Razas Autóctonas de Fontefiz (Ourense), encargados da realización práctica do programa.

Artigo 6º

Co obxecto de compensa-los propietarios rexistrados-colaboradores e familias colaboradoras deste programa, tendo en conta as axudas da propia Comunidad Autónoma e as reflectidas no Real decreto 51/1995, do 20 de xaneiro establécense as seguintes primas:

6.1. Por propietario rexistrado-colaborador: 10.000 ptas. por ano.

6.2. Por familia colaboradora, con gando de cesión en número superior a catro animais: 50.000 ptas. por ano.

6.3. Por cada reproductora rexistrada no programa (propia ou cedida) : 10.000 ptas. por ano.

6.4. Por cada semental (propio ou cedido) destinado á cubrición de reproductoras do rexistro, de acordo coas liñas técnicas establecidas no programa: 25.000 ptas.

6.5. Por cada animal nado, macho ou femia, de raza pura, obtido segundo o programa, cando cumpra un mes de idade: 25.000 ptas.

6.6 Axuda á recría: por cada femia obtida, cando cumpra máis de un ano de idade: 50.000 ptas.

As cubricións, inseminacións, altas, baixas e demais incidencias do gando que figuren no programa terán que ser verificadas no impreso correspondente polos veterinarios colaboradores da consellería.

Artigo 7º

As solicitudes presentaranse nas respectivas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, ou na forma prevista no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Establécense dous períodos para presenta-las solicitudes:

1. Ata o 30 de abril de 1995, para atende-las actuacións subvencionables producidas no semestre (outubro de 1994 ata marzo de 1995).

2. Durante o mes de outubro de 1995, para atende-las actuacións subvencionables producidas no semestre inmediatamente anterior (abril de 1995 ata setembro de 1995), e que non foran subvencionadas anteriormente.

Coa solicitude incluiranse copias dos xustificantes acreditativos correspondentes, expedidos polos veterinarios colaboradores do programa.

Artigo 8º

A axuda que establece a presente orde financiarase con cargo ás aplicacións orzamentarias 09.03.614-A.771.00 e 09.03.614-A.771.03 dotadas, para esta actuación, con 1.500.000 ptas. e 3.500.000 ptas., respectivamente, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias para establece-la normativa adicional necesaria para o adecuado cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 1995.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes