Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Luns, 10 de abril de 1995 Páx. 2.743

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 1995, do Servicio Provincial de Estradas de Pontevedra, pola que se sinalan datas para o levantamento das actas previas á ocupación dos bens afectados polas obras de N/PO/89.16.4. Proxecto de alargamento e mellora do trazado da estrada PO-400. Tramo As Neves-Arbo (segunda fase), concello de Arbo.

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu apartado 20 a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

As obras reseñadas no encabezamento da presente resolución atópanse incluídas no programa de obras a realizar con cargo ó programa 413-B, construcción, conservación e explotación de estradas.

Por resolución da Dirección Xeral de Obras Públicas da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda do 21 de novembro de 1994 aprobouse o correspondente proxecto de trazado.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 23 de decembro de 1994, acordou declara-la utilidade pública das mencionadas obras, e así mesmo, urxente a ocupación dos bens afectados por estas, para os efectos do establecido no artigo 52 da vixente Lei de expropiación forzosa.

Na súa virtude e en cumprimento do disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do regulamento para a súa aplicación, esta xefatura, en uso das súas facultades que lle confire o artigo 98 da mencionada lei, resolveu convoca-los titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do concello que a continuación se cita, para que comparezan nos lugares, datas e horas que se detallan para proceder ó levantamento das actas previas á ocupación, nas que se recollerán os datos necesarios para determina-los dereitos afectados, o valor destas e os prexuízos dimanantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ó lugar dos predios se o consideran necesario.

Lugar: Casa do Concello de Arbo.

-Día 17 de abril de 1995, de 10.30 a 13.30 e de 16 a 18 horas, do apelido Alonso Alonso a Cobelo Sotelo.

-Día 18 de abril de 1995, de 10.30 a 13.30 e de 16 a 18 horas, do apelido comunal a Gómez Puga.

-Día 19 de abril de 1995, de 10.30 a 13.30 e de 16 a 18 horas, do apelido Gómez Rodríguez a Martínez Alonso.

-Día 20 de abril de 1995, de 10.30 a 13.30 e de 16 a 18 horas, do apelido Martínez Pérez a Visitación Puga.

Ó dito acto deberán acudi-los titulares afectados, persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, aportando os documentos acreditativos da súa titularidade, documentos nacional de identidade e o último recibo da contribución, podendo facerse acompañar, pola súa conta, se o consideran oportuno, dos seus peritos e dun notario.

Así mesmo e no cumprimento do establecido no artigo 56 do regulamento da Lei de expropiación forzosa, ábrese información pública durante un prazo de 15 (quince) días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta resolución ou ata o momento do levantamento da acta previa á ocupación correspondente, a fin de que os interesados poidan formular por escrito, ante esta Xefatura Provincial de Estradas da Xunta de Galicia en Pontevedra, rúa Said Armesto, número 1, as alegacións que coiden pertinentes, co obxecto de emendar posibles erros padecidos ó relaciona-los bens afectados pola urxente ocupación.

Pontevedra, 21 de marzo de 1995.

Enrique Pardo Landrove

Enxeñeiro xefe