Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Luns, 10 de abril de 1995 Páx. 2.732

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 15 de marzo de 1995 pola que se regula a convocatoria de oferta concertada para o uso de instalacións xuvenís da Consellería de Familia, Muller e Xuventude durante a campaña de verán de 1995.

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude, como vén sendo habitual de cara á época de verán, e coñecendo a precariedade e insuficiencia de medios e instalacións axeitadas de que dispoñen as organizacións xuvenís e demais entidades que realizan actividades coa infancia e a xuventude, desexa facilitárlle-la participación no uso das súas instalacións propias ás entidades de referencia, para o que as ofrece segundo se dispón nesta orde.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude convoca a presente oferta de uso das súas instalacións xuvenís para a campaña de verán do ano en curso -que comprende do 14 de xuño ó 30 de setembro-,

nos termos que se establecen nesta orde e de acordo coa distribución de prazas que se recolle no seu anexo I.

Artigo 2º

O uso das instalacións ofertadas suporá dispoñer da instalación cos servicios de auga, gas, electricidade e alimentación en réxime de pensión completa.

No caso dos campamentos comprende tamén as tendas de campaña, colchóns e mantas.

Artigo 3º

Poderán solicita-lo uso das instalacións de referencia:

1. As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servicios á xuventude e as escolas de tempo libre, debidamente constituídas e legalizadas.

2. O Consello da Xuventude de Galicia e os consellos locais e municipais de xuventude.

3. Corporacións locais.

4. Outras entidades públicas ou privadas que realicen actividades coa infancia e a xuventude.

Artigo 4º

As solicitudes, subscritas por persoa suficientemente acreditada presentaranse, conforme o modelo

normalizado recollido no anexo II desta orde, no rexistro xeral da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, nos rexistros das súas delegacións provinciais ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación será ata o 2 de maio de 1995.

Artigo 5º

As solicitudes presentadas serán examinadas por unha comisión de valoración constituída para o efecto, e que estará integrada por:

-O subdirector xeral de Xuventude, que será o seu presidente.

-Os catro delegados provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude ou o funcionario en quen deleguen.

-Un representante do Consello da Xuventude de Galicia.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Xuventude designado polo director xeral, que actuará como secretario.

Esta comisión elevará proposta para a súa resolución polo director xeral de Xuventude.

Artigo 6º

A resolución recaída comunicaráselles ós interesados e publicarase nos taboleiros de anuncios da Dirección Xeral de Xuventude e nos das delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Artigo 7º

1. Na proposta que lle elevará ó director xeral de Xuventude, a comisión de valoración aterase á seguinte orde de preferencia:

a) Asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servicios á xuventude e escolas de tempo libre domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia, censadas na Dirección Xeral de Xuventude.

b) Consello da Xuventude de Galicia.

c) Corporacións locais.

d) Entidades xuvenís prestadoras de servicios á xuventude e escolas de tempo libre domiciliadas noutras comunidades autónomas.

e) Outras entidades públicas ou privadas que o soliciten con fins asistenciais.

2. Pola súa vez dentro do previsto no parágrafo anterior, obsérvanse os seguintes criterios de prioridades:

a) As solicitudes dun maior número de prazas ata o tope máximo de cada instalación fixado no citado anexo I.

b) As solicitudes das entidades que cubran as prazas por convocatoria aberta e non reservadas exclusivamente ós seus membros ou asociados.

c) As entidades domiciliadas na provincia onde está a instalación que solicita.

d) As entidades que soliciten instalacións das que non gozaron nos anos anteriores.

Artigo 8º

Dictada resolución, polo director xeral de Xuventude, de adxudicación provisional do uso das instalacións ofertadas, os beneficiarios estarán obrigados:

1. A acredita-las titulacións necesarias esixidas ós responsables que dirixan a actividade.

2. A ingresar, en concepto de reserva de prazas, o 15% das taxas correspondentes ás prazas adxudicadas. O dito ingreso, que será a conta da cantidade total que corresponda, non será reintegrable no suposto de que por non cumprirse os requisitos esixidos, decaese a adxudicación realizada.

3. A subscribi-lo correspondente contrato de uso temporal da instalación de que se trate coas condicións particulares desta.

Se transcorrido un prazo de 10 días desde a notificación da concesión non se cumprisen os requisitos anteriores, decaerá a adxudicación efectuada e corresponderalle ó seguinte solicitante proposto pola comisión de valoración.

Artigo 9º

O aboamento das cantidades restantes das taxas correspondentes efectuarase:

1. Nas quendas que se celebren nos meses de xuño e xullo antes do 1 de xuño de 1995.

2. Nas quendas que se celebren nos meses de agosto e setembro antes do 20 de xuño de 1995.

Artigo 10º

Os adxudicatarios estarán obrigados:

1. A cumpri-los requisitos que esixe a lexislación vixente e a observa-las normas de réxime interior da instalación.

2. A responder dos actos que se realicen nas instalacións concedidas e das consecuencias que deles se derivasen, así como de toda responsabilidade civil derivada de calquera acto.

Artigo 11º

As taxas dos servicios ofertados nesta orde serán as recollidas na Orde do 2 de xaneiro de 1995 (Diario Oficial de Galicia número 6, do 10 de xaneiro de 1995).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Xuventude para dicta-las disposicións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 1995.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude