Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Xoves, 06 de abril de 1995 Páx. 2.630

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 15 de marzo de 1995 pola que se convocan probas selectivas para cubrir, mediante o nomeamento de persoal interino, un posto de traballo de operador de ordenador (grupo C), vacante nos servicios dependentes da Consellería de Economía e Facenda.

Estando vacantes un posto de traballo de operador (grupo C) nos servicios dependentes da Consellería de Economía e Facenda, e como é urxente a súa cobertura por razóns das necesidades do servicio, apreciada pola comisión de persoal da Xunta de Galicia, en sesión celebrada o día 9 de marzo de 1995, unha vez emitido o preceptivo informe previsto no artigo 7.1º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, esta consellería, no uso das facultades conferidas polo artigo 13 da dita lei, dispón a cobertura dos postos de traballo, de acordo coas seguintes,

BASES

Primeira.-Obxecto.

A finalidade desta convocatoria de probas selectivas é a cobertura de un posto de operador de ordenador vacante nos servicios centrais dependentes da Consellería de Economía e Facenda en Santiago de Compostela, mediante o nomeamento de persoal interino previsto no artigo 7 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, que cesará no seu posto cando a súa praza sexa cuberta por funcionarios de carreira.

As funcións do posto de traballo realizaranse en xornada de tarde.

De producirse novas vacantes de prazas sinaladas nesta base, no período comprendido entre a data de publicación da presente convocatoria e o trámite previsto na base oitava, as referidas vacantes incrementarán o número de postos convocados. Ás ditas vacantes, posteriormente, atribuiráselle-lo horario de traballo.

Segunda.-Condicións dos aspirantes.

Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español.

b) Ter cumpridos os dezaoito anos de idade.

c) Non estar separado mediante expediente disciplinario do servicio de calquera Administración pública nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

d) Estar en posesión do título, ou acreditar fidedignamente ter:

-Bacharelato, formación profesional de 2º grao ou equivalente.

e) Non padecer enfermidade, nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

Os requisitos sinalados deberán posuírse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Terceira.-Encoméndaselle á Consellería de Economía e Facenda a elaboración da relación de aspirantes admitidos e excluídos e a realización e cualificacións das probas.

Cuarta-Probas.

A selección constará das seguintes probas:

Primeiro exercicio: escrito. Contestar a un cuestionario de corenta preguntas, proposto polo tribunal, sobre os temas especificados no anexo I. Cada pregunta constará de tres respostas posibles. Contabilizarase 1 punto por cada resposta correctamente contestada.

Este exercicio cualificarase de 0 a 40 puntos e terá unha duración máxima de trinta minutos.

Segundo exercicio: proba práctica de operación sobre ordenador 2200/633 de UNISYS. Esta proba cualificarase de 0 a 50 puntos e terá unha duración máxima de vinte minutos.

Terceiro exercicio: escrito. Traducción dun texto do idioma inglés para o galego, proposto polo tribunal. Este exercicio cualificarase de 0 a 10 puntos e terá unha duración de quince minutos.

Serán eliminados os aspirantes que non acaden a metade da puntuación máxima sinalada para cada proba.

A puntuación final das probas virá dada pola suma das puntuacións obtidas polo aspirante nos exercicios. De producirse empate de puntuacións entre varios aspirantes resolverase a favor do aspirante que acadase a maior puntuación no segundo e sucesivos exercicios. De persisti-lo empate, resolverase a favor da primeira letra do primeiro apelido, segundo a orde do alfabeto.

O tribunal non poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes ó das prazas convocadas.

Para a realización do segundo e seguintes exercicios, os aspirantes serán convocados polo tribunal, cunha antelación mínima de 48 horas á data de celebración deles, mediante un anuncio que se expoñerá no mesmo lugar de celebración do exercicio anterior e por aqueloutros medios que o tribunal considere oportunos.

Á realización dos exercicios os aspirantes deberán ir provistos do DNI.

Quinta.-Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar nesta convocatoria deberán presentar instancia, segundo o modelo que figura no anexo II á presente orde, no rexistro xeral das consellerías da Presidencia e Administración Pública, de Economía e Facenda, no das súas delegacións, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 10 días, contados a partir do seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Coa instancia deberá xuntarse fotocopia do DNI e xustificante de ter aboados os dereitos de exame, expedido pola entidade bancaria correspondente.

2. Como requisito necesario para participar nestas probas, deberase aboar previamente en concepto de dereitos de exame o importe de 6.490 ptas. e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes utilizando para iso impreso de autoliquidación sinalado no anexo III. O dito impreso seralles facilitado ós interesados no rexistro xeral da Consellería de Economía e Facenda e nos das súas delegacións provinciais, debendo encherse cos códigos que figuran no referido anexo III.

O persoal ó servicio da Xunta de Galicia, logo de acreditación de tal circunstancia mediante certificación, estará exento do aboamento dos referidos dereitos de exame.

Sexta.-Admisión de solicitudes.

A Consellería de Economía e Facenda elaborará unha relación de aspirantes admitidos e excluídos, que será publicada nos taboleiros de anuncios da mesma consellería e nos das súas delegacións territoriais e poderase formular contra ela reclamación no prazo de cinco días a partir do seguinte ó da publicación; transcorrido o dito prazo a Consellería de Economía e Facenda publicará no Diario Oficial de Galicia as listas definitivas de admitidos e excluídos.

Por medio do dito anuncio convocaranse os aspirantes admitidos á realización do primeiro exercicio, e indicarase día, hora e lugar de celebración.

Sétima.-Tribunal.

O tribunal encargado de efectua-la selección, que estará constituído por un número impar de membros, non inferior a cinco, debendo designarse o mesmo número de membros suplentes, será nomeado pola Consellería de Economía e Facenda, e formará parte del un representante da Consellería da Presidencia e Administración Pública, proposto polo director xeral da Función Pública, e un representante dos funcionarios da Comunidade Autónoma proposto polas organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial dos funcionarios. A súa composición farase pública por medio do anuncio que se cita na base anterior.

Para os efectos do disposto no artigo 26.2º do Decreto 299/1990, do 24 de maio, o tribunal ten a categoría terceira.

O tribunal poderá nomear asesores especialistas que lle presten a súa colaboración na realización das probas.

Oitava.-Resolución.

No prazo máximo de un mes a partir do remate das probas a Consellería de Economía e Facenda elevaralle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública a proposta de nomeamento dos aspirantes que resulten seleccionados e publicará nos taboleiros de anuncios que se citan na base sexta a súa relación.

Novena.-Toma de posesión.

O aspirante que resulte seleccionado será nomeado interino do grupo C (operador de ordenador) da Xunta de Galicia e deberá achegar na Dirección Xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia e Administración Pública, no prazo máximo de 10 días naturais a partir do seguinte ó da publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia, os documentos que a seguir se relacionan:

a) Fotocopia cotexada do DNI.

b) Declaración xurada ou promesa de que non foi separado por medio de expediente disciplinario do servicio de calquera Administración pública e de que non foi inhabilitado para o exercicio das funcións públicas.

c) Fotocopia cotexada do título requirido na convocatoria.

d) Certificado médico oficial acreditativo de que non padece enfermidade e, no caso de estar afectado por algunha limitación física ou psíquica, certificado expedido polo órgano competente acreditativo de que tal limitación é compatible co desempeño das correspondentes funcións.

Se no citado prazo non presentan a documentación ou o fai de xeito incompleto, perderá tódolos seus dereitos, agás en casos de forza maior.

A toma de posesión realizarase no prazo de 5 días a partir do día seguinte ó do remate do prazo de presentación da documentación polo aspirante nomeado.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

ANEXO I

Temario para operadores de ordenador.

1. Ordenadores analóxicos e dixitais.

2. Clases e características de ordenadores dixitais.

3. Máquinas e programas.

4. Unidade central de proceso.

5. Dispositivos para almacenamento da información.

6. Terminais de ordenador e as súas posibles conexións.

7. Tipos de impresoras.

8. Seguridade da información.

9. Técnicas de explotación dun ordenador.

10. Rede de transmisión de datos:

-Concepto de R.T.D.

-Redes públicas.

-Redes privadas.

11. Mantemento bases de datos.

12. Microinformática P.C.