Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Xoves, 06 de abril de 1995 Páx. 2.635

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 15 de marzo de 1995 pola que se convocan probas selectivas para cubrir, mediante o nomeamento de persoal interino, catro postos de traballo de analistas-programadores (grupo B), vacantes nos servicios dependentes da Consellería de Economía e Facenda.

Estando vacantes catro postos de traballo de analistas-programadores (grupo B) nos servicios dependentes da Consellería de Economía e Facenda, e como é urxente a súa cobertura por razóns das necesidades do servicio, apreciada pola comisión de persoal da Xunta de Galicia, en sesión celebrada o día 9 de marzo de 1995, unha vez emitido o preceptivo informe previsto no artigo 7.1º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, esta consellería, no uso das facultades conferidas polo artigo 13 da dita lei, dispón a cobertura dos postos de traballo, de acordo coas seguintes,

BASES

Primeira-Obxecto.

A finalidade desta convocatoria de probas selectivas é a cobertura de catro postos de analistas-programadores vacantes nos servicios centrais dependentes da Consellería de Economía e Facenda en Santiago de Compostela, mediante o nomeamento de persoal interino previsto no artigo 7 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, que cesará nos seus postos cando as súas prazas sexan cubertas por funcionarios de carreira.

De producirse novas vacantes de prazas sinaladas no parágrafo anterior no período comprendido entre a data de publicación da presente convocatoria e o trámite previsto na base oitava, as referidas vacantes incrementarán o número de postos convocados.

Segunda.-Condicións dos aspirantes.

Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español.

b) Ter cumpridos os dezaoito anos de idade.

c) Non estar separado mediante expediente disciplinario do servicio de calquera Administración pública nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

d) Estar en posesión do título, ou acreditar fidedignamente ser:

-Enxeñeiro técnico, diplomado universitario, arquitecto técnico, formación profesional de 3º grao ou equivalente.

e) Non padecer enfermidade, nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

Os requisitos sinalados deberán posuírse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Terceira.-Encoméndaselle á Consellería de Economía e Facenda a elaboración da relación de aspirantes admitidos e excluídos e a realización e cualificacións das probas.

Cuarta.-Probas.

A selección constará das seguintes probas:

Primeiro exercicio: escrito. Contestar a un cuestionario de corenta preguntas sobre o temario descrito no anexo I. Cada pregunta constará de tres respostas posibles. Contabilizaranse 0,50 puntos por cada resposta correctamente contestada.

Este exercicio cualificarase de 0 a 20 puntos e terá unha duración máxima de 40 minutos.

Segundo exercicio: escrito. Elabora-lo organigrama e a súa codificación, para a confección dun programa en linguaxe VISUALBASIC. Este exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos e terá unha duración máxima de 2 horas e 30 minutos.

Terceiro exercicio: escrito. Confecciona-la análise e o seu diagrama xeral describindo arquivos, listas e unidades de tratamento necesarios correspondentes a un suposto práctico. Este exercicio cualificarase de 0 a 45 puntos e terá unha duración máxima de 4 horas.

Cuarto exercicio: escrito. Traducción dun texto técnico sobre informática do idioma inglés para o galego. Este exercicio cualificarase de 0 a 5 puntos e terá unha duración máxima de 15 minutos.

Serán eliminados os aspirantes que non acaden a metade da puntuación máxima sinalada para cada proba.

A puntuación final das probas virá dada pola suma das puntuacións obtidas polo aspirante nos exercicios. De producirse empate de puntuacións entre varios aspirantes resolverase a favor do aspirante que acadase a maior puntuación no segundo e sucesivos exercicios. De persisti-lo empate, resolverase a favor da primeira letra do primeiro apelido, segundo a orde do alfabeto.

O tribunal non poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes ó das prazas convocadas.

Para a realización do segundo e seguintes exercicios, os aspirantes serán convocados polo tribunal, cunha antelación mínima de 48 horas á data de celebración deles, mediante un anuncio que se exporá no mesmo lugar de celebración do exercicio anterior e por aqueloutros medios que o tribunal considere oportunos.

Á realización dos exercicios os aspirantes deberán ir provistos do DNI.

Quinta.-Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar nesta convocatoria deberán presentar instancia, segundo o modelo que figura no anexo II á presente orde, no rexistro xeral das consellerías da Presidencia e Administración Pública, de Economía e Facenda, no das súas delegacións, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 10 días, contados a partir do seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Coa instancia deberá xuntarse fotocopia do DNI e xustificante de ter aboados os dereitos de exame, expedido pola entidade bancaria correspondente.

2. Como requisito necesario para participar nestas probas deberase aboar previamente en concepto de dereitos de exame o importe de 7.570 ptas. e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes utilizando para iso impreso de autoliquidación sinalado no anexo III. O dito impreso seralles facilitado ós interesados no rexistro xeral da Consellería de Economía e Facenda e nos das súas delegacións territoriais, debendo encherse cos códigos que figuran no referido anexo III.

O persoal ó servicio da Xunta de Galicia, logo de acreditación de tal circunstancia mediante certificación, estará exento do aboamento dos referidos dereitos de exame.

Sexta.-Admisión de solicitudes.

A Consellería de Economía e Facenda elaborará unha relación de aspirantes admitidos e excluídos, que será publicada nos taboleiros de anuncios da mesma consellería e nos das súas delegacións territoriais e poderase formular contra ela reclamación no prazo de cinco días a partir do seguinte ó da publicación; transcorrido o dito prazo a Consellería de Economía e Facenda publicará no Diario Oficial de Galicia as listas definitivas de admitidos e excluídos.

Por medio do dito anuncio convocaranse os aspirantes admitidos á realización do primeiro exercicio, e indicarase día, hora e lugar de celebración.

Sétima.-Tribunal.

O tribunal encargado de efectua-la selección, que estará constituído por un número impar de membros, non inferior a cinco, debendo designarse o mesmo número de membros, suplentes, será nomeado pola Consellería de Economía e Facenda, e formará parte del un representante da Consellería da Presidencia e Administración Pública, proposto polo director xeral da Función Pública, e un representante dos funcionarios da Comunidade Autónoma propostos polas organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial dos funcionarios. A súa composición farase pública por medio do anuncio que se cita na base anterior.

Para os efectos do disposto no artigo 26.2º do Decreto 299/1990, do 24 de maio, o tribunal ten a categoría segunda.

O tribunal poderá nomear asesores especialistas que lle presten a súa colaboración na realización das probas.

Oitava-Resolución.

No prazo máximo de un mes a partir do remate das probas a Consellería de Economía e Facenda elevaralle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública a proposta de nomeamento dos aspirantes que resulten seleccionados e publicará nos taboleiros de anuncios que se citan na base sexta a súa relación.

Novena.-Toma de posesión.

Os aspirantes que resulten seleccionados serán nomeados interinos do grupo B (analistas-programadores) da Xunta de Galicia e deberán achegar na Dirección Xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia e Administración Pública, no prazo máximo de 10 días naturais a partir do seguinte ó da publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia, os documentos que a seguir se relacionan:

a) Fotocopia cotexada do DNI.

b) Declaración xurada ou promesa de que non foi separado por medio de expediente disciplinario do servicio de calquera Administración pública e de que non foi inhabilitado para o exercicio das funcións públicas.

c) Fotocopia cotexada do título requirido na convocatoria.

d) Certificado médico oficial acreditativo de que non padece enfermidade e, no caso de estar afectado por algunha limitación física ou psíquica, certificado expedido polo órgano competente acreditativo de que tal limitación é compatible co desempeño das correspondentes funcións.

Se no citado prazo non presentan a documentación ou o fan de xeito incompleto, perderán tódolos seus dereitos, agás en casos de forza maior.

A toma de posesión realizarase no prazo de 5 días a partir do día seguinte ó do remate do prazo de

presentación da documentación polos aspirantes nomeados.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública