Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 05 de abril de 1995 Páx. 2.596

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 28 de febreiro de 1995 pola que se establece o procedemento de adscrición indefinida á función inspectora de funcionarios docentes.

Por Orde do 2 de novembro de 1992 (DOG do 16) prorrógase a adscrición á función inspectora ós funcionarios docentes nomeados e adscritos á citada función por Orde do 31 de outubro de 1989.

0 artigo 29 do Decreto 135/1993, do 24 de xuño (DOG do 29), polo que se regulan as funcións e organización da inspección educativa na Comunidade Autónoma de Galicia, establece que os funcionarios docentes que, ó finaliza-lo período de seis anos de exercicio continuado da función inspectora, desexen seguir por tempo indefinido no exercicio dela, deberano solicitar á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo que se estableza dentro dos tres primeiros meses do sexto ano de exercicio da función.

Encontrándose no sexto ano de adscrición á función inspectora dos funcionarios docentes nomeados pola citada Orde do 31 de outubro de 1989, é necesario regula-lo procedemento de adscrición indefinida.

Na súa virtude, esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.-Os funcionarios docentes que obtivesen prórroga na adscrición inspectora pola Orde do 2 de novembro de 1992 (DOG do 16) e que desexen seguir por tempo indefinido no exercicio dela deberán efectua-la súa solicitude antes do 31 de marzo de 1995 dirixida ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Segundo.-O exercicio da función inspectora será avaliado por unha comisión presidida polo secretario xeral ou director xeral en quen delegue e integrada polo subdirector xeral de Inspección e tres inspectores vocais designados por sorteo público de entre os funcionarios docentes adscritos con carácter indefinido á función inspectora e dous vocais nomeados polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria entre funcionarios dependentes da consellería do mesmo ou superior nivel do asignado ás prazas convocadas.

Terceiro.-A avaliación do traballo realizado servirá de base para a proposta de adscrición por tempo indefinido na función inspectora. Para tales efectos a comisión avaliadora deberá ter en conta:

a) Memoria presentada polos interesados e referida á súa actuación no exercicio da función inspectora. Esta memoria, dun máximo de 60 folios, poderá ser obxecto da correspondente defensa oral.

b) Os informes dos correspondentes delegados provinciais de Educación e dos xefes de servicio da Inspección Provincial referidos ó desempeño da súa función inspectora.

Cuarto.-A comisión, unha vez efectuada a avaliación correspondente, elevará ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria proposta razoada, que, de ser positiva, implicará a adscrición por tempo indefinido á función inspectora.

Quinto.-Os funcionarios que non manifesten o seu desexo de continuar no exercicio da función inspectora ou sexan avaliados negativamente, incorporaranse ós postos correspondentes ós seus corpos ou escalas a través de participación nos correspondentes concursos, tendo dereito preferente a ocupar un posto de traballo na localidade na que tivesen o seu destino definitivo no momento de se produci-lo seu nomeamento.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria