Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 29 de marzo de 1995 Páx. 2.354

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 10 de marzo de 1995 pola que se regula o modelo de autoliquidación da taxa esixible nas inspeccións sanitarias veterinarias.

As determinadas circunstancias que fixeron da taxa que se regula no artigo 23.08 do Decreto-lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, unha excepción en canto o procedemento de xestión e recadación con respecto ó resto das taxas, considéranse desaparecidas na actualidade, coa conseguinte necesidade de articular estas procedementos que afectan a esta taxa en particular na dinámica xeral do resto das taxas.

Por todo iso, e en uso da autorización contida na disposición adicional segunda do Decreto 172/1992, do 26 de xuño, polo que se dictan normas para a xestión, liquidación e recadación das taxas e prezos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Suprímese e derrógase o anexo II da Orde do 30 de xuño de 1992 pola que se aproba o modelo de autoliquidación das taxas da Comunidade Autónoma de Galicia e se establece a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servicios administrativos de compulsa de documentos e de validación de poderes e documentos acreditativos de lexitimación.

Artigo 2. O modelo de autoliquidación da taxa establecida no artigo 23, número 08 do Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, pola inspección sanitaria veterinaria, será o que, aprobado pola Orde do 30 de xuño de 1992 a que se refire o artigo 1 desta, figura no anexo I.

Artigo 3. Utilizaranse tantos impresos de autoliquidación como claves de conceptos se autoliquiden, tendo en conta a codificación establecida no anexo VI da Orde do 30 de xuño de 1992, é dicir: 31.08.01 (sacrificio), 31.08.02 (desfeita) e 31.08.03 (almacenamento).

Artigo 4. O período de liquidación coincidirá co trimestre natural e a autoliquidación e correspondente ingreso relativo ó mesmo deberá realizarse durante os primeiros vinte días naturais do mes seguinte ó do período citado de que se trate.

Artigo 5. No suposto de autoliquidación da clave 31.08.01 (sacrificio) xunto co exemplar que se deberá entregar na delegación da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que corresponda territorialmente, unha vez efectuado o ingreso presentarase debidamente cuberto o modelo que figura como anexo da presente orde e que se lle facilitará ó obrigado tributario xunto cos impresos de autoliquidación de taxas.

Cando se trate da autoliquidación das outras dúas claves de ingreso, 31.08.02 e 31.08.03, no espacio do modelo de liquidación deberá consta-lo trimestre e ano a que se refire o ingreso, estando así mesmo obrigado o declarante a presentar nas mesmas oficinas a que se refire o apartado anterior o exemplar correspondente debidamente selado pola entidade financeira onde se realizou o ingreso.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 1995.

José A. Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda