Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 29 de marzo de 1995 Páx. 2.356

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 2 de marzo de 1995 pola que se anuncia a convocatoria para 1995 de intercambio de funcionarios dentro do programa comunitario «Karolus».

O 22 de setembro de 1992 o Consello das Comunidades Europeas adoptou unha decisión relativa á adopción dun plan de acción para o intercambio entre as administracións dos Estados membros de funcionarios nacionais encargados da posta en marcha da lexislación comunitaria necesaria para a realización do mercado interior (DOCE L 286 1-10-92). Este plan de acción, dunha duración de cinco anos, que comezou o 1 de xaneiro de 1993, afectará a 1.900 participantes.

Os obxectivos do programa, tal como se recollen na «Guía do Candidato» publicada pola Comisión das Comunidades Europeas (Dirección Xeral de Mercado Interior e Servicios Financeiros), son os seguintes:

-Desenvolver unha política converxente dos enfoques empregados na aplicación da lexislación comunitaria.

-Lograr que os funcionarios das Administracións nacionais sexan conscientes da dimensión europea do seu traballo e crear unha confianza mutua entre as administracións nacionais encargadas da aplicación do dereito comunitario.

-Fomenta-lo intercambio de ideas entre as administracións públicas sobre o mellor modo de aplica-la lexislación comunitaria.

Os intercambios de funcionarios realízanse en tres fases: a fase previa consiste nun seminario de formación dunha duración de catro días no Instituto Europeo de Administración Pública de Maastricht. O seminario xirará arredor do funcionamento, as políticas e os obxectivos da Unión Europea. A fase principal é o intercambio propiamente dito e circunscríbese a unha estadía mínima de dous meses que, excepcionalmente, poderá ser reducida, nunha unidade administrativa pertencente a un dos Estados membros de Unión Europea, que teña unhas competencias semellantes ás da unidade administrativa de orixe. Como terceira e última fase, prevese un seminario de dous días na cidade de Maastricht, co fin de poñer en común as distintas experiencias e de extrae-las conclusións pertinentes sobre a aplicación da normativa comunitaria necesaria para a construcción do mercado interior. Con base nun cuestionario que se lle entregará ó candidato, redactarase un informe final sobre o intercambio.

En consecuencia, e para facilita-la participación no programa dos funcionarios da Administración autonómica de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1.-Os funcionarios que desexen participar no programa comunitario «Karolus» deberán reuni-las condicións seguintes:

a) Pertencer ós grupos A ou B.

b) Posuír un dominio suficiente dunha lingua estranxeira que lles permita desempeñar axeitadamente o seu traballo no Estado membro da Unión Europea ó que vaian desprazarse.

c) Ter encomendada a aplicación da lexislación comunitaria relativa ó mercado interior, nalgún dos sectores prioritarios que se definen no anexo I.

d) Ocupar un nivel intermedio na escala administrativa; a categoría ou o grao non será determinante sempre que a actividade do funcionario estea relacionada coa aplicación do dereito comunitario.

Artigo 2.-Os participantes no programa recibirán a totalidade das retribucións correspondentes ó seu actual posto de traballo. Terán dereito ó aboamento das axudas de custo e gastos da viaxe de acordo coa normativa vixente e segundo o país no que realicen o intercambio, así como a asistencia sanitaria. A consellería respectiva sufragará o 50% dos gastos de estadía de cada participante que presente. O resto dos gastos de estadía e a totalidade dos gastos da viaxe serán sufragados pola Comisión Europea.

O impreso de solicitude deberá presentarse asinado pola autoridade de cada consellería que asuma eses gastos.

Artigo 3.-A documentación necesaria para participar no programa, que se presentará por triplicado, é a seguinte:

-Solicitude de admisión debidamente cuberta, segundo modelo que se xunta no anexo II.

-Tres fotografías tamaño carné.

-Fotocopia do DNI.

-Currículum vitae.

-Titulación académica.

-Títulos acreditativos de coñecemento de idioma, se se posúen.

-Memoria de actividades do posto de traballo actual.

-Relación de directivas e regulamentos que son aplicados no posto de traballo e que se relacionen coa área onde se vai desenvolve-la formación.

-Un exemplar do currículum vitae, un exemplar da memoria de actividades e un exemplar da relación de directivas deberá remitirse na lingua do país no que se pretenda realiza-la estadía.

-Os candidatos deberán superar unha proba de coñecemento de idiomas no Ministerio para as Administracións Públicas.

O programa funcionará ó longo de todo o ano 1995 e poderanse remiti-las solicitudes ata o 30 de xuño de 1995.

Disposición derradeira

Para información complementaria e envio da documentación, os interesados deben dirixirse á Dirección Xeral de Planificación Económica e Relacións

coa Unión Europea, Conselleria de Economía e Facenda. Edificio Administrativo de San Caetano. Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 1995.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO I

SECTORES PRIORITARIOS

-Productos farmacéuticos e medicamentos veterinarios.

-Contratación pública.

-Control de exportacións e tecnoloxías de dobre uso.

-Avaliación de conformidade e supervisión do mercado, en particular a aplicación das directivas sobre xoguetes, equipos de protección individual, instrumentos de medida, baixa tensión, compatibilidade electromagnética, dispositivos médicos, aparellos a gas, aparellos a presión, productos químicos, etc.

-Productos alimenticios.

-Control fitosanitario.

-Banca, seguro, bolsa e organismos de investimento colectivo de valores mobiliarios.

-Protección dos consumidores nos ámbitos seguintes: créditos ó consumo, seguridade xeral dos productos, viaxes concertadas.

-Xestión de transferencias de residuos entre estados membros.

-Transporte por estrada.

-Transporte marítimo.

-Funcionamiento dos programas estatísticos relacionados co mercado interior.

-Normas de competencia en materia de acordos, posicións dominantes e concentracións.

-Libre circulación de traballadores.

-Aplicación da Directiva 83/189/CEE sobre o intercambio de mensaxes en relación coa notificación previa de proxectos de regulamentos técnicos nacionais.

ANEXO II

MODELO DE SOLICITUDE

PROGRAMA KAROLUS 1995

ApelidosNome

Data de nacementoSexo

Domicilio

ProvinciaCódigo postalTeléfono

Dirección administrativa

Cargo

Servicio

Subdirección xeral

Dirección xeral

Consellería

Dirección do centro de traballo

Provincia Código postalTeléfono

Coñecemento de idiomas. (Indíquese nivel de comprensión oral e escrita e de expresión oral e escrita)

Lugar de destino: 1ª Opción

2ª Opción

Duración de estadía:

Datas de estadía posibles: 1ª Opción

2ª Opción

Contactos previos coa Administración de acollida: si/non

Especificar e indicar servicio de destino se se coñece.

Áreas de dereito comunitario que constitúen o obxecto da formación:

A sinatura desta impreso garantirá a autorización de participación do candidato no programa. Considerarase que mediante ela a consellería se compromete a financia-lo 50% dos gastos de estadía.

ApelidosNome

Cargo autoridade

TeléfonoFax

DataSinaturaSelo