Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 23 de marzo de 1995 Páx. 2.192

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 1995, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, pola que se resolve a clasificación do monte da Grenla, pertencente á parroquia de Oubiña, concello de Cambados.

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra dictou a seguinte resolución:

Na cidade de Pontevedra, sendo as dezasete horas do día vintedous de decembro de mil novecentos noventa e catro, nos locais da Delegación Provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, logo de citación para o efecto, reúnese o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñas en Man Común coa asistencia das seguintes persoas:

Vicepresidente en funcións de presidente: José Juan Barreiro Prado.

Vocais: Antonio Gómez Pacios, Serafín Quinteiro Blanco e Luis Mª Muíños Vidueira.

Vocais representantes da Comunidade Veciñal de Oubiña, Cambados: Ángel Manuel Pintos Castro e Mª Montserrat Prado Cores.

Secretaria: Ramona C. Fernández Álvarez.

Antecedentes de feito:

Primeiro.-Formulada solicitude de clasificación por varios veciños da parroquia de Oubiña, do concello de Cambados, do monte da Grenla, coñecido tamén co nome de Oubiña, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñas en Man Común, na súa reunión de data 1-4-1993, acordou inicia-los trámites para a clasificación do monte da Grenla, sito na parroquia de Oubiña, concello de Cambados, así como a remisión da solicitude e oportuna documentación ó Servicio de Montes e Industrias Forestais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes de Pontevedra, para o seu estudio e informe.

Segundo.-Unha vez evacuado o preceptivo informe polo Servicio de Montes e Industrias Forestais, no expediente seguíronse os trámites previstos na Lei 13/1989, do 10 de outubro, do Parlamento de Galicia, de montes veciñais en man común e no seu regulamento aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, facéndose as preceptivas publicacións no Diario Oficial de Galicia, solicitándose a correspondente anotación preventiva ó Rexistro da Propiedade; así mesmo, mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, abriuse un período de información pública de un mes para a práctica de alegacións, outorgándose igual período ós interesados no expediente así como ó alcalde presidente do Concello de Cambados, a quen se lle remitiu o correspondente edicto, para a súa fixación nos lugares de costume do núcleo veciñal.

Terceiro.-O monte da Grenla, obxecto do presente expediente de clasificación, correspóndese coa seguinte descrición:

Nome do monte: Monte da Grenla, coñecido como monte de Oubiña.

Parroquia: Oubiña.

Concello: Cambados.

Cabida: 12 ha.

Lindes:

Norte: predios particulares, estrada asfaltada e termo municipal de Vilanova de Arousa.

Sur: predios particulares, estrada asfaltada e termo municipal de Ribadumia.

Leste: predios particulares.

Oeste: termos municipais de Vilanova de Arousa e Ribadumia (vértice xeodésico de ámbolos concellos e o de Cambados).

Antecedentes de dereito

I.-A tarefa que lle compete ó xurado é, conforme reiterada xurisprudencia en interpretación da normativa sobre montes veciñais en man común, analizar como cuestión de feito (sentencia TS sala 4 do 18 de xullo de 1986 e 13 de decembro de 1981)

en primeiro lugar a pertenza dos montes, da que a clasificación se pretende, ós veciños agrupados en parroquia, aldeas, lugares, etc., e doutra parte, o aproveitamento consuetudinario e exclusivo del polos integrantes das ditas agrupacións, en réxime de comunidade sen asignación de cotas (por tódalas sentencias do TS sala 4 do 21-1-1986 e 18-6-1991, sala 3ª), coa correspondente valoración para iso da proba (TS sala 3ª do 9 de marzo de 1993).

II.-Para o expresado obxecto, é de sinalar que no presente expediente de clasificación a dificultade non está tanto nos títulos coma na identificación do monte da Grenla ou monte de Oubiña, por canto os antigos lindeiros da documentación que se aludirá non só son de difícil identificación no terreo, senón que ademais algúns non concordan cos da petición, dándose a circunstancia engadida de que na documentación do arquivo da deputación aparecen dous montes da mesma denominación «Grenla», na parroquia de Oubiña, un pertencente ó Estado e outro ó común de veciños.

Un monte denominado Grenla aparece na freguesía de San Vicente de Oubiña, no libro do Real de Legos do Catastro do Marqués da Ensenada, ano 1753, e no arquivo da deputación no censo de montes de 1847 a 1848, referido á parroquia de Oubiña, aparecen dous montes Grenla, como xa se dixo.

Para maior complexidade o Concello de Cambados aparece como titular rexistral do monte denominado «A Grenla», situado nas parroquias de Oubiña e Vilariño.

Tamén hai ampla diverxencia na extensión que reflicten os diferentes títulos.

III.-Do estudio da planimetría, en relación cos expresados títulos, o exame do terreo e de tódolos demais elementos probatorios e alegacións que constan no expediente, entre os que se encontra o informe do enxeñeiro de montes da Delegación de Agricultura, chégase ás seguintes conclusións:

Primeira.-Que o monte reclamado polo Concello de Cambados, ó lindar polo leste, segundo a descrición rexistral, coa estrada de Cambados a Pontevedra, e polo norte e leste en parte co camiño da Grenla á Torre, aparecendo situado ademais na parroquia de Oubiña, tamén na parroquia de Vilariño, debe situarse ó sur do monte da que a clasificación se pretende. Na planimetría a escala 1:25.000 presentada coa petición de clasificación, aparece no punto topográfico «Grenla de Oubiña» ó sur da parroquia de Oubiña e termo de Ribadumia.

Segunda.-O monte da que a clasificación se pretende polos veciños da parroquia de Oubiña presenta, como se dixo, complexidade desde o aspecto da súa real e perfecta identificación no seu contorno perimetral, tal como se deixa dito e polo tanto no que é obxecto de aproveitamento consuetudinario en man común polos veciños, que non obstante se resolverá, salvo no extremo que se dirá, en favor da delimitación clasificativa que se pretende polos veciños de Oubiña, ó non considerarse desvirtuada pola oposición do Concello de Cambados, xa comentado o título invocado por este.

Sen embargo, no extremo sur-leste, tales dúbidas por existir unha zona utilizada para vertedoiro, que

posuído e ocupado polo concello non aparece como obxecto de aproveitamento cos requisitos esixidos pola lexislación de montes veciñais en man común, debe resolverse delimitando o monte polo contorno do vertedoiro que debe excluírse da clasificación.

Terceira.-No linde norte a liña de 150 metros de lonxitude aproximadamente entre a estrada asfaltada e o linde co termo municipal de Vilanova de Arousa, defínese por unha liña de postes de pedra.

En consecuencia, os membros do xurado de maneira unánime acordan a clasificación como monte veciñal en man común do monte Grenla, coñecido tamén como monte Oubiña, sito na parroquia de Oubiña, no concello de Cambados, a favor da comunidade veciñal da parroquia de Oubiña, do concello de Cambados, en réxime de comunidade sen asignación de cotas nunha extensión de 11 ha aproximadamente, cos lindes e superficies que se recollen no terceiro dos antecedentes de feito da presente resolución, unha vez segregado e excluído da clasificación unha zona no linde sur-leste do monte destinada a vertedoiro municipal, cunha superficie total de 1 ha, sinalada na planimetría como parte inseparable dela referida ó monte clasificado e ó lugar que como vertedoiro se exclúe da clasificación como monte veciñal en man común.

Contra a presente resolución poderá interporse recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, desde a notificación dela ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 58 da Lei reguladora da antedita xurisdicción en relación co artigo 12 da Lei 13/1989, do Parlamento de Galicia, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o artigo 28 do seu regulamento aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, modificados ámbolos preceptos pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Pontevedra, 16 de febreiro de 1995.

Manuel Abeledo López

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra