Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 23 de marzo de 1995 Páx. 2.190

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 1994, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente número 262 que afecta ó monte Susamontes, Parapico e Abelendo, do lugar de Macedos, parroquia de Urdilde, concello de Rois, desta provincia.

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento de aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión celebrada o 13 de decembro de 1994, adoptou o seguinte acordo:

Reunido o 13 de decembro de 1994 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, Rogelio Aramburu Núñez, coa asistencia do vicepresidente José Luis Núñez Vide, maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña, os vocais, Federico Sánchez Rodríguez, xefe do Servicio de Montes e I. F., Ramón Olano Calleja, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José

Manuel Caramés Franco, representante das comunidades veciñais de montes en man común e do secretario Manuel Puente Araújo, letrado da citada delegación, para estudiar e resolve-lo

Expediente nº 262

Monte: Susamontes, Parapico e Abelendo

Sito en: lugar de Macedos

Parroquia: Urdilde

Concello: Rois

1ª. Resultando que diversos veciños do lugar de Macedos, parroquia de Urdilde, concello de Rois, solicitaron o 25-11-1987 deste xurado a declaración como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 106,27 ha

Lindeiros:

Monte de Susamontes: cunha superficie de 6 ha e 88 a e que limita: norte: madarrón ou cómaro que o separa de terreos do lugar de Pedre. Sur: corredoira de Cruceiro. Leste: corredoira. Oeste: corredoira que vai de Macedos ó lugar de Pedre.

Monte de Parapico: cunha extensión de 14 ha e 31 a e que limita: norte: muro e camiño que o separa da Veiga de Lira. Sur e leste: muro que o separa do lugar de Minles. Oeste: muro que o separa de terreos a toxal denominados Agro Vello.

Monte Abelendo: cunha extensión de 85 ha e 8 a

e que limita: norte: un cómaro de terra que separa ó monte do lugar de Cabanas. Sur: monte do lugar de Quintáns. Leste: monte do lugar de Saime. Oeste: muro que rodea os terreos do indicado lugar de Macedos.

2º. Resultando que á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 22-12-1987, acordou inicia-lo oportuno expediente (existe un anterior sobre o mesmo monte co número 80, iniciado de oficio o 6-2-1976 e resolto o 4-3-1977), nomeándose como instructor do mesmo a Ramón Olano Calleja, quen aceptou exprexamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, e expediuse mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Padrón, oídas tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde presidente do Concello de Rois, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicados edictos no DOG (nº 129, do 8-7-1993), taboleiro de anuncios do concello, Cámara Local Agraria, lugares de costume e parroquia.

3º. Resultando que o expediente iniciado de oficio polo Xurado de Montes o 6-2-1976, ó que xa se fixo referencia, foi obxecto na súa tramitación a reclamación por parte dalgúns veciños de Macedos na crenza de que o xurado podería cambiar, de modo favorable ós seus intereses, a situación xurídica sobre determinadas parcelas situadas no perímetro do monte ocupado polos servicios forestais e que xa foron obxecto de reclamación, desestimada no proceso administrativo do deslinde do monte. Estas circunstancias deron lugar á resolución do xurado do 4-3-1977.

Por outra parte, despois de 17 anos do expediente tramitado de oficio, as circunstancias variaron considerablemente, produciuse un cambio xeracional na veciñanza do lugar de Macedos e os seus intereses non son os mesmos que os do ano 1976, interesando a declaración como veciñal do monte.

4º. Resultando que os veciños de Macedos fundamentan a súa petición perante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común no aproveitamento desde tempo inmemorial de madeiras, esquilmos, leñas, na práctica de cultivos na forma e modo que por costume o fan os labregos e nos aproveitamentos de pastos en réxime extensivo.

5º. Resultando que segundo a documentación que consta no expediente, a propiedade ten unha orixe foral, sendo entonces titular do dominio directo o Conde de Altamira, redimindo os seus antepasados as pensións forais como acreditan en escrituras que se outorgaron ante notario en Santiago de Compostela o 3-12-1898 e o 14-1-1899.

Que, de acordo co informe do Servicio de Montes e I.F., o monte Abelendo se corresponde co monte Macedos, incluído no C.U.P. co número 314.

6º. Resultando que na tramitación das presentes actuacións se cumpriron as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu Regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro,

ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables no caso.

Vistos os preceptos das disposicións citadas e demais de xeral aplicación.

1º. Considerando que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer do presente expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2º. Considerando que en conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños de Macedos, parroquia de Urdilde, concello de Rois, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

3º. Considerando que, feitas as publicacións e notificacións previstas na Lei 13/1989 e no Regulamento que a desenvolve, e que rexen as actuacións deste Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, sen que se recibisen alegacións en contra do solicitado pola xunta promotora no seu escrito de 25-11-1987 polo que se insta a reapertura do correspondente expediente de cualificación.

4º. Considerando que os presentes montes foron obxecto dun anterior expediente de cualificación polo xurado provincial, que en resolución do 4-3-1977 desestima a súa cualificación por considerar que a cuestión relativa ó dominio de tales montes é competencia da xurisdicción ordinaria.

Que ningunha das reclamacións formuladas ante o xurado, as cales deron lugar a aquela resolución, chegaron a ser presentadas ante esta xurisdicción, polo que se estima que despois de 17 anos deben considerarse decaídas xa que non se fixo uso delas.

Que a situación actual da comunidade veciñal dista moito de ser a daquel entonces, tal como o corrobora o escrito do 21-6-1993 dos veciños asinantes da nova solicitude, de igual forma que o fai a gardería forestal da zona.

5º. Considerando que o monte debe reuni-las seguintes características: 1) pertenza a agrupacións de veciños na súa cualidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) que os veciños comuneiros residan habitualmente con «casa aberta» dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (arts. 1, 2 e 3 da Lei 13/1989, e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

6º. Considerando que das actuacións que constan no expediente, e en especial da comprobación do que se expresa no 4º resultando, se deduce de forma indiscutible que, no presente caso nos encontramos cun monte pertencente á comunidade veciñal do lugar de Macedos, parroquia de Urdilde, no que se cumpren os aludidos requisitos.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, nesta data,

Acorda cualificar como monte veciñal en man común, da comunidade veciñal de Macedos, parroquia de Urdilde, concello de Rois, os denominados Susamontes, Parapico e Abelendo, cos lindeiros, superficie e características que resultan do primeiro resultando. Así mesmo, acórdase excluí-lo declarado do inventario de bens do concello e do catálogo dos de utilidade pública, se neles estivese inscrito, incluíndoo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación de Agricultura, Gandería e Montes da Coruña.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ó de publicación da presente resolución, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.

A Coruña, 13 de decembro de 1994.

Manuel Puente Araújo

Secretario

Vº e prace

Rogelio Aramburu Núñez

Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais e Man Común da Coruña