Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 23 de marzo de 1995 Páx. 2.166

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 6 de febreiro de 1995 pola que se convocan bolsas para colaborar na organización de arquivos municipais, e dos arquivos xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 307/1989, polo que se regula o sistema de arquivos e o patrimonio documental de Galicia, atribúelle á Consellería de Cultura a competencia de velar pola conservación, organización e difusión do patrimonio documental de Galicia, así como a responsabilidade de fomenta-la adecuada formación do persoal técnico de arquivos. Coñecendo, por outra banda, as necesidades de organización e descrición de fondos documentais de moitos arquivos galegos pola importancia que teñen para garanti-los dereitos e obrigas dos cidadáns e as actividades da propia Administración.

DISPOÑO:

Artigo 1º.

1. Convócanse bolsas de colaboración para organización e descrición de fondos de arquivos de Galicia, con cargo á aplicación orzamentaria 010.03.352B.481.00 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995. O importe total das bolsas non excederá en ningún caso do crédito asignado para o efecto.

2. As bolsas irán destinadas á organización e descrición de arquivos municipais de Galicia e tarefas de organización e descrición de fondos no Arquivo do Reino de Galicia e nos arquivos históricos provinciais de Lugo, Ourense e Pontevedra.

Os bolseiros realizarán os seus traballos en diversos municipios de Galicia, no Arquivo do Reino de Galicia, e nos arquivos históricos provinciais de Lugo, Ourense e Pontevedra e serán coordinados e dirixidos pola Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Consellería de Cultura e por persoal técnico facultativo debidamente cualificado, designado para o efecto por aquela.

3. Os traballos terán unha duración de 6 meses, a partir da publicación do acordo de adxudicación ós bolseiros propostos por parte da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Consellería de Cultura.

4. Os bolseiros seleccionados quedarán obrigados a:

-Asistir diariamente durante un mínimo de cinco horas ós centros onde resulten destinados.

-A segui-las indicacións técnicas dos coordinadores.

-A lles entregar ós coordinadores, ó finaliza-la bolsa, informe técnico así como copia dos instrumentos de descrición documental resultado do seu traballo.

Ó remata-la actividade, os coordinadores dos bolseiros depositarán na Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Consellería de Cultura os informes e copia dos instrumentos de descrición documental realizados por cada bolseiro. O orixinal destes instrumentos descritivos quedará depositado no mesmo lugar no que se realice o traballo.

Artigo 2º

1. Os solicitantes dunha bolsa de colaboración deberán ser licenciados en xeografía e historia ou

filosofía e letras (sección de historia), con coñecementos de arquivística ou experiencia de traballo en arquivos.

2. As solicitudes presentaranse conforme o modelo oficial, que figura como anexo desta orde, no rexistro xeral da Consellería de Cultura ou nas súas delegacións provinciais. O prazo de presentación será de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, as solicitudes poderán así mesmo presentarse en calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Os solicitantes deberán xunta-la seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI.

-Declaración expresa de non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta, situacións que producen incompatibilidade co desfrute da bolsa que nesta orde se convoca.

-Fotocopia compulsada do expediente académico.

-Anexo II cuberto e fotocopia dos méritos alegados.

Artigo 3º

1. As bolsas serán adxudicadas para a organización de fondos dos arquivos de Galicia que se relacionan no anexo III.

2. Resérvanse 5 bolsas para licenciados en xeografía e historia coa especialidade de arquivística, que obtiveran a licenciatura nos anos 1992, 1993 e 1994. Os interesados nesta reserva, que será excluínte, deberán facelo constar expresamente na solicitude.

Artigo 4º

O importe das bolsas non excederá da cantidade de seiscentas oitenta e nove mil seiscentas cincuenta e cinco pesetas (689.655 ptas.) cada unha.

Artigo 5º

1. Os correspondentes servicios técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental poderán reclamarlles, se fose necesario, ós solicitantes que emenden os defectos administrativos apreciados na documentación esixida, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, outorgándose un prazo de 10 días, desde o recibo do escrito de requirimento.

2. A avaliación dos méritos alegados, que lle corresponde á Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental, farase segundo o seguinte baremo:

-Experiencia de traballo remunerado en organización e descrición de arquivos públicos. Por cada mes traballado: 0,50 puntos ata un máximo de 6 puntos.

-Experiencia de traballo remunerado en organización e descrición de arquivos privados. Por cada mes traballado: 0,25 puntos ata un máximo de 3 puntos.

-Experiencia de traballo non remunerado en organización e descrición de arquivos públicos ou privados. Por cada mes traballado: 0,10 puntos ata un máximo de 1,20 puntos.

-Especialidade universitaria en arquivística: 2 puntos.

-Mestrado en arquivística: 2 puntos.

-Certificado de escola-obradoiro en arquivística: 2 puntos.

-Cursos de arquivística, diplomática, paleografía e historia das institucións:

* Con acreditación expresa de duración superior a 100 horas: 0,75 puntos ata un máximo de 1,50 puntos.

* Con acreditación expresa de duración superior a 40 horas: 0,25 puntos ata un máximo de 2 puntos.

* Con duración inferior a 40 horas: 0,10 puntos ata un máximo de 0,80 puntos.

-Asistencia a congresos de arquivística, diplomática, paleografía ou historia das institucións: 0,10 puntos ata un máximo de 1 punto.

-Presentación de comunicacións en congresos de arquivística, diplomática, paleografía ou historia das institucións: 0,50 puntos ata un máximo de 2 puntos.

-Publicacións relacionadas coa arquivística, paleografía, diplomática e historia das institucións:

* Por cada libro: 2 puntos ata un máximo de 6 puntos.

* Por cada artigo en revista especializada: 1 punto ata un máximo de 4 puntos.

* Pola publicación efectiva de inventarios ou catálogos: 0,50 puntos ata un máximo de 2 puntos.

O mesmo mérito só se valorará unha única vez: como comunicación, publicación ou asistencia a congresos.

-Cursos de galego:

* Iniciación: 0,5 puntos.

* Iniciación e/ou perfeccionamento: 1 punto.

-Cursos de informática aplicada ós arquivos:

* Con acreditación expresa de duración superior a 40 horas: 0,50 puntos ata un máximo de 4 puntos.

* Con duración inferior a 40 horas: 0,25 puntos ata un máximo de 2 puntos.

-Cursos de informática en xeral:

* Con acreditación expresa de duración superior a 40 horas: 0,50 puntos ata un máximo de 4 puntos.

* Con duración inferior a 40 horas: 0,10 puntos ata un máximo de 1 punto.

Para elixi-la bolsa destinada a traballos de organización e descrición no Arquivo do Reino de Galicia, será imprescindible acredita-la realización de cursos de informática.

3. A selección das bolsas destinadas a licenciados dos anos 1992, 1993 e 1994 efectuarase de acordo coas cualificacións obtidas en tódolos cursos da licenciatura, resultando seleccionados aqueles solicitantes que obteñan a puntuación máis alta.

4. Os solicitantes deberán realizar unha proba escrita de contido técnico e deberán acada-la condición de apto para poder optar a unha das bolsas convocadas.

5. A resolución da convocatoria correspóndelle ó conselleiro de Cultura por proposta do director xeral do Patrimonio Histórico e Documental. O acordo farase público nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura e nos das súas delegacións provinciais.

6. A resolución de adxudicación pon fin á vía administrativa de acordo co artigo 109 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e contra ela cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir da data de notificación efectiva da mesma ós interesados.

Artigo 6º

1. O pagamento da bolsa axustarase á normativa orzamentaria de aplicación.

2. Antes de proceder ó seu cobramento, os beneficiarios das bolsas terán que acreditar mediante certificacións expedidas polos organismos correspondentes, que se atopan ó corrente das súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Se é o caso, deberán facer declaración expresa de que non hai lugar ás ditas obrigas.

Artigo 7º

1. No caso de que os beneficiarios das bolsas incumprisen algunha das condicións ou obrigas estipuladas na presente orde, a Consellería de Cultura instruirá expediente sancionador conforme o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, e poderá mesmo anula-los beneficios concedidos e solicita-la devolución das cantidades percibidas, se as houbese, nos prazos que establece o Regulamento xeral da recadación.

2. O persoal técnico e facultativo que en cada provincia coordine e dirixa os bolseiros poderá propoñerlle á Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Consellería de Cultura a extinción da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das condicións sinaladas.

3. A Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Consellería de Cultura expedirá, logo do informe favorable dos coordinadores, ó remata-los traballos, certificación acreditativa da prestación de servicios.

Artigo 8º

A Consellería de Cultura poderá facer pública unha nova convocatoria en iguais ou diferentes termos, no caso de que as adxudicacións acordadas non cubrisen a totalidade do crédito asignado.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral do Patrimonio Histórico e Documental para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 1995.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura