Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 23 de marzo de 1995 Páx. 2.159

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 8 de marzo de 1995 sobre o desenvolvemento das liñas básicas do Plan Integral de Mellora Xenética (PIMX).

A experiencia adquirida durante a fase de posta en marcha e impulso inicial do «Plan Integral de Mellora Xenética» (PIMX) e o desenvolvemento das liñas básicas definidas nel, así como a importancia deste sector dentro da renda agraria da nosa Comunidade, aconsellan continua-las accións emprendidas como o mellor medio para a incorporación ó sector lácteo de novos criterios de manexo e de mellora xenética.

Por outra banda, as novas orientacións a nivel nacional e internacional no desenvolvemento destes programas fan das asociacións e agrupacións de productores a canle axeitada para a progresiva participación do sector e a garanta da súa viabilidade futura.

Así pois, débense regula-las actuacións contidas no devandito plan e fixa-las axudas que, para o seu desenvolvemento, establece a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes (en adiante, consellería).

Por todo isto, faise necesario establecer un marco legal de ordenación e promoción destas actividades na nosa Comunidade Autónoma.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e o seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.

A comprobación do rendemento leiteiro do gando en Galicia ten por obxecto o estudio e determinación dos parámetros productivos necesarios para documenta-los programas de mellora xenética e de manexo establecidos a nivel nacional, rexional ou en propia explotación.

Artigo 2º.

O control da reproducción ten como obxectivo prioritario dispoñer de información dun dos principais parámetros que condicionan a rendibilidade das propias explotacións gandeiras. Supón, así mesmo, unha avaliación das actuacións dos programas de dotación de recursos xenéticos que conforman o PIMX.

Artigo 3º.

A mesa técnica de mellora xenética, creada pola orde da consellería do 1 de marzo de 1991, de acordo co establecido no PIMX, é o órgano consultivo para impulsar, potenciar e coordinar tódalas accións expostas no plan.

Artigo 4º.

1.-As asociacións provinciais de gandeiros de vacas frisonas, para o control de rendementos leiteiro e reproductivo (AFRICOR- Provincia), son as únicas unidades básicas recoñecidas para o desenvolvemento da actividade de control leiteiro do gando vacún, recoñecéndoas coma asociacións colaboradoras coa consellería para o desenvolvemento do PIMX do gando vacún de leite.

2.-Así mesmo, récoñécese a Federación Frisona Galega (FEFRIGA) como federación colaboradora coa consellería, na súa condición de federación das catro asociacións provinciais de control e como única xestora para Galicia do libro xenealóxico de raza frisona no seo da Confederación Nacional.

3.-O recoñecemento da condición de entidade colaboradora da consellería quedará sen efecto cando algunha das asociacións ou federación deixe de cumpri-los fins para os que se consideraron colaboradoras, o cando realicen operacións de calquera tipo que atenten contra o bo desenvolvemento do PIMX, perdendo, se é o caso, os dereitos ás subvencións que puideran corresponderlle.

4.-As devanditas entidades colaboradoras deberán presentar á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes dentro do mes seguinte a cada trimestre natural a súa conta contable de explotación ó devandito período trimestral.

Artigo 5º.

Os gandeiros que o desexen poderán solicita-lo seu ingreso na asociación provincial correspondente. Esta, unha vez comprobadas as esixencias regulamentarias para o seu ingreso, quedan obrigadas a admiti-las novas explotacións e tramita-la solicitude de alta na consellería, a quen lle corresponde resolver definitivamente sobre ela.

Artigo 6º.

A realización do control leiteiro debe facerse segundo o regulamento estatal regulado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e demais normas complementarias fixadas nesta orde.

Artigo 7º.

1.-Será de uso regulamentario para as explotacións

en control leiteiro a inseminación ata xestación e parto, con seme de «touros en proba» de, polo menos, o 20% dos seus efectivos, empezando, con carácter preferente, coas vacas para un segundo parto.

Para cumprir con esta condición, empregaranse os «touros en proba» dos anos 1994 ó 1995.

O termo «touros en proba» refírese xenericamente a aqueles sementais do Centro de Escolma de Fontao que se dispoñan en cada momento para realiza-las probas de avaliación xenética.

2.-Os titulares das explotacións en control leiteiro deberán proporcionar ós controladores tódolos datos das incidencias de carácter reproductivo que se produzan na súa explotación.

3.-A consellería disporá a realización de probas de paternidade para calquera das actuacións referidas a fillas de «touros en proba».

4.-As crías femias rexistradas no libro xenealóxico fillas de «touro en proba» recibirán un tratamento especial nos programas de fomento de recría subvencionados pola consellería.

Artigo 8º.

Dentro das dispoñibilidades orzamentarias, e co fin de promociona-los programas reflectidos na presente orde, establécense as seguintes axudas:

I.-Para as entidades colaboradoras:

1.-A consellería subvencionará as asociacións provinciais de control para atende-los gastos de funcionamento, as operacións de control, os programas de consolidación e expansión da asociación, así coma os gastos de infraestructura e de formación do persoal.

Esta subvención farase de acordo coas explotacións controladas mensualmente, segundo os seguintes baremos:

Explotacións controladasPts./explot.mes

Del a 3003.750

De 301 en diante3.500

A cantidade resultante de aplica-los datos desta táboa refirese ó control único (control dun dos muxidos diarios). Para as explotacións que realicen dos controles no día incrementarase a subvención da táboa anterior nun 25%. A subvención resultante ata aquí denominarémola «subvención base».

Esta «subvención base» incrementarase en función dos partos habidos que se deban a inseminacións con seme de «touros en proba» dos anos 1993, 1994 ou 1995 («Porcentaxe de partos»). Se a «porcentaxe de partos» é igual ou superior ó 20%, a «subvención base» incrementarase na súa porcentaxe; Se a «porcentaxe de partos» é menor do 20% e superior ó 14%, a «subvención base» incrementarase na metade da súa porcentaxe.

2.-Para completa-lo proceso de informatización de toma de datos no campo polas asociacións cola

boradoras concederase unha subvención máxima do 85% dos custos de adquisición dos equipos necesarios, con un máximo de un equipo por cada 36 explotacións en control.

3.-A Federación Frisona Galega será subvencionada para atende-los seus gastos de funcionamento, consolidación, expansión, infraestructura e de formación do persoal, con 5.500 pesetas anuais por cada explotación en control leiteiro, pagadeiras semestralmente, y baseándose no número de explotacións ó principio de cada semestre natural.

4.-Para a promoción da raza frisona, FEFRIGA poderá propoñe-la celebración, ben directamente ou avalar a outra entidade, de concursos e escolas de xuíces gandeiros ós que unicamente poderán concorrer animais de raza frisona nados en España.

Así, será subvencionado un concurso de carácter rexional, dous concursos comarcais e unha escola de xuíces gandeiros. As axudas fixadas para estes concursos estarán en función da concorrencia de animais e dos efectos de promoción da raza (premios ás descendencias de «touros en proba», confirmada a súa veracidade coas correspondentes probas de paternidade), de acordo co seguinte:

A.-Para a celebración do concurso rexional subvencionarase cunha cantidade fixa de 800.000 de pesetas e por cada animal fillo de «touros en proba», coas seguintes cantidades: 15.000 pts. por cada animal menor de 25 meses e 25.000 pts. se son maiores ou iguais á devandita idade.

A subvención máxima que se concederá para a celebración do concurso rexional será de 1.500.000 pesetas, sempre que concorran ó mesmo gandeiros de polo menos tres provincias galegas, ou 1.100.000 pesetas en caso de que a concorrencia sexa menor. En calquera caso, a subvención concedida, sumada ás demais axudas oficiais, non poderá supera-los custos de organización.

Ademais, e como subvención para os gandeiros, no concurso rexional concederanse premios por un importe total de 250.000 pesetas ás descendencias dos «touros en proba», distribuídos en 100.000 para as seccións de animais menores de 25 meses e 150.000 pts. para as seccións de animais maiores ou iguais a 25 meses.

B.-Para a celebración dos concursos comarcais subvencionarase cunha cantidade fixa, de 500.000 pesetas e por cada animal fillo de «touros en proba», coas seguintes cantidades: 15.000 pts. por cada animal menor de 25 meses e 25.000 pts. se son maiores ou iguais a 25 meses.

A subvención máxima que se concederá para a celebración de cada concurso comarcal será de 1.000.000 de pesetas e a subvención concedida, sumada ás demais axudas oficiais, non poderá supera-los custos de organización.

Ademais, e como subvención para os gandeiros, no concurso rexional concederanse premios por un importe total de 150.000 pesetas ás descendencias dos «touros en proba», distribuídos en 75.000 para

as seccións de animais menores de 25 meses e 75.000 pts. para as secciós de animais maiores ou iguais a 25 meses.

C.-Para a celebración da escola de xuíces, gandeiros establécese unha subvención de 10.000 pts, por cada gandeiro participante, sendo a subvención máxima de 1.000.000 de pesetas. A subvención concedida, sumada ás demais axudas oficiais, non poderá supera-los custos da organización.

II.-Axudas ó control leiteiro.

1- Cada gandeiro integrado na correspondente asociación provincial de control de rendementos recibirá unha subvención de 1.200 pesetas por lactación válida finalizada segundo a información xerada polo Instituto Técnico de Producción Animal e referidas ó período outubro 94-setembro 95. Só poderá ser librada esta subvención para as explotacións que cumpran co estipulado no art. 7.1. no ano anterior ó final do semestre para o que se calculen as lactacións válidas finalizadas e o seme co que se realicen as inseminacións procederá de sementais postos en proba durante 1994 e/ou 1995.

Se a lactación válida e finalizada corresponde a unha primera lactación dunha filla de «touro en proba» do ano 1991 ou posteriores, a subvención será de 10.000 pts.

III.-Gastos de tramitación inicial e incorporación no control leiteiro.

1.-Subvención de 20.000 pts. para atende-los custos de tramitación inicial e incorporación no control leiteiro para as explotacións que o inicien no período outubro 94 á setembro 95 e non recibiran unha subvención por estes conceptos perante 1994. Esta subvención será librada ó 50% entre a asociación e o gandeiro que se incorpora.

IV.-Equipamento das explotacións en control leiteiro.

Excepcionalmente en 1995 concederase unha subvención para adquisición de depósitos crioxénicos para a conservación de seme na propia explotación. Para as agrupacións legalmente constituídas ou as unións de gandeiros para uso en común destes depósitos a subvención será de un máximo do 50%, ou 60.000 por unidade; no caso de gandeiros individuais a subvención máxima será do 30% e 25.000 pts. por unidade. En calquera caso, a subvención estará en función das necesidades que se xustifiquen e cunha cantidade máxima dispoñible para este concepto de cinco millóns de pesetas.

V.-Doses seminais.

1.-Explotación en control leiteiro perante 1994.

Considéranse unhas necesidades, incluídas as da recría propia, de 2,5 doses por cada vaca controlada efectivamente perante o período agosto de 1993-xullo de 1994. Enténdese por número de vacas controladas efectivamente na explotación ó que resulta de face-la media do número de vacas controladas nos meses que se fixera o control na explotación ó longo do período anteriormente determinado.

1.1. Subministración gratuíta de doses seminais procedentes de «touros en proba», para cubri-lo 30%

das necesidades do seme, segundo o que se especifica no art. 7.1. desta orde.

1.2. Subministración, con subvención do 50%, de doses seminais procedentes de touros frisóns probados, ou das razas rubia galega, limiá ou caldelá, do Centro de Escolma de Fontao, en cantidade suficiente para cubri-lo 55% das necesidades da explotación.

1.3. Subministración, con subvención do 75%, de doses de seme adquiridas pola consellería, e escolmadas pola Mesa Técnica do PIMX, en cantidade suficiente para cubri-lo 15% das necesidades da explotación. Só poderá ser librada esta subvención para as explotacións que cumprisen durante 1994 co estipulado no art. 7.1. e que realizaran a reserva de seme segundo os impresos distribuídos durante o pasado mes de octubro de 1994.

2.-Ganderías de recente incorporación ó control e Agrupacións de gandeiros legalmente constituídas.

2.1. Ganderías de recente incorporación ó control: Subministración de doses de «touros en proba», nunha cantidade de ata 1,6 doses por cada vaca e ano, cun mínimo de 15 doses de seme por cada explotación.

2.2.-Agrupacións de gandeiros legalmente constituídas.

Subministración, con dereito a 2 doses gratuítas por cada 5 doses adquiridas, das doses seminais e nas proporcións que se determinen, nunha cantidade máxima de 1,2 doses por cada vaca e ano.

VI.-Axudas á transferencia embrionaria.

Poderán solicita-las axudas de transferencia embrionaria ás agrupacións de gandeiros que exerzan as súas actividades no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e que entre os seus fins teñan o fomento de actuacións de mellora xenética.

As calidades mínimas, para o caso de programas que inclúan a importación de embrións, das vacas doadoras e dos touros cos que as inseminen estarán de acordo co publicado para estes casos na Orde de 16 de abril de 1990 (BOE do 21 de abril de 1990).

Ademais, as vacas doadoras deben ter uns índices compostos, de producción e tipo, que as sitúen dentro, do 1% das mellores vacas no país de orixe, segundo os derradeiros catálogos oficiais publicados.

O seme que xere os embrións procederá de touros cuns índices compostos, de producción e tipo, que os sitúe dentro do 1% mellor do país de orixe, segundo os últimos catálogos oficiais publicados. A repetibilidade mínima para leite e tipo será do 75%.

A) Programa de adquisición e implantación de embrións.

Para este caso diferéncianse as actuacións segundo a procedencia dos embrións que se van implantar. As subvencións, para os embrións de importación, serán, como máximo, de 20.000 pts. por preñez obtida.

Se os embrións proceden das xovencas nacidas dentro do programa desenvolvido pola consellería, en colaboración co FEFRIGA, para a Unidade de

Transferencia Embrionaria de BOS, unha subvención de 20.000 pts por preñez obtida e unha subvención adicional de 5.000 pts. por embrión para atende-los custos de implantación.

B) Programa de creación dun banco de embrións e/ou de difusión da xenética galega de alta calidade, vía materna, para un programa que inclúa algunha das 50 mellores vacas por ICO, propiedade dos gandeiros galegos, subvención de 10.000 pts. por preñez obtida.

A implantación deberá ser supervisada por técnicos da consellería.

Estas subvencións faranse efectivas cando a agrupación xustifique as preñeces obtidas, coa sinatura do gandeiro e do técnico que realizou a implantación, que deberá cumprir coa normativa oficial que rexe as actuacións profesionais dos técnicos implantadores.

Artigo 9º.

1.-As solicitudes de axudas ás que se refire a presente orde irán dirixidas ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes e presentaranse no rexistro da consellería, no das súas delegacións provinciais ou na forma prevista polo art. 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.

O prazo de presentación das solicitudes finalizará ás 45 días naturais a partir do seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. O expediente será resolto polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes e a consellería comunicará, no prazo de 90 días, a aprobación ou a denegación razoada da solicitude. A falta de comunicación no devandito prazo, entenderase desestimatoria da petición de axuda.

Artigo 11º.

A consellería solicitará dos peticionarios a información e xustificacións técnicas e económicas que considere necesarias, con obxecto de comproba-la realización das actuacións subvencionables.

Artigo 12º.

Poderán ser beneficiarios destas axudas agrupacións de gandeiros ou ganderías individuais que cumpran os requisitos que se especifican para cada tipo de axuda. En cada tipo de axuda especifícase cales poden ser solicitadas por agrupacións de gandeiros e cales o serán polas ganderías individuais.

A documentación que se presentará en cada caso é a seguinte:

a) Agrupacións de gandeiros

1.-Solicitude segundo anexo I

2.-Acta de constitución da entidade

3.-Fotocopia do código de identificación fiscal e certificado de conta bancaria

4.-Memoria do programa que se pretende y medios humanos e materiais para desenvolvelo

5.-Avaliación económica do investimento que se vai realizar

6.-Avaliación económica da subvención solicitada

b) Ganderías individuais e solicitudes de equipamento nas explotacións:

1.-Solicitude segundo anexo II e anexo III, se é o caso.

Artigo 13º.

As subvencións a que se refire a presente orde serán consideradas como subvencións máximas e poderán ser reducidas, por proposta da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias, en función da realización dos programas propostos ou cando exista concorrencia doutras axudas oficiais.

Artigo 14º.

O incumprimento do disposto na presente orde dará lugar á perda das subvencións e devolución, se é o caso, do percibido; sen prexuízo das responsabilidades civís ou penais que puidesen derivarse deste feito.

Artigo 15º.

Correspóndelle á consellería o seguimento e inspección das actividades desenvolvidas polas organizacións colaboradoras segundo se determina na presente orde.

Artigo 16º.

As subvencións recollidas na presente orde financiaranse con cargo ós conceptos orzamentarios 09.03.614-A.771.00 (23.000.000 pts.); 09.03.614-A.771.03 (51.000.000 pts.); 09.03.614-A.781.00 (40.000.000 pts.); 09.03.614-A.781.03 (60.000.000 pts.); 09.03.613A.780.00 (15.000.000 pts.); 09.03.613.-A.780.03 (30.000.000 pts.); 09.03.613-A.760.00 (1.500.000 pts.) e 09.03.613-A.760.03 (3.500.000 pts.) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995.

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias para dicta-las normas necesarias para o mellor cumprimento e desenvolmento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 1995.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes