Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 22 de marzo de 1995 Páx. 2.144

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 1994, do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente nº 283 que afecta o monte Gandarela, do lugar de Gandarela, parroquia de Lousame, concello de Lousame, desta provincia.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento de aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992 do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión celebrada o 13 de decembro de 1994, adoptou o seguinte acordo:

Reunido na data 13 de decembro de 1994 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, Rogelio Aramburu Núñez, con asistencia do vicepresidente, José Luis Núñez Vide, maxistrado da Audiencia Provincial da Coruña, os vocais, Federico Sánchez Rodríguez, xefe do Servicio de Montes e I.F., Ramón Olano Calleja, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das comunidades veciñais de montes en man común, e do secretario, Manuel Puente Araújo, letrado da citada delegación, para estudiar e resolvelo.

Expediente nº 283

Monte: Gandarela

Sito en: Lugar de Gandarela

Parroquia: Lousame

Concello: Lousame

1º Resultando que diversos veciños do lugar de Gandarela, parroquia de Lousame, concello de Lousame, solicitaron con data 30-10-89 deste xurado a declaración como veciñal do expresado lugar do monte arriba citado e que ten as seguintes características.

Superficie: 65 ha.

Lindeiros:

Norte: co monte veciñal en man común dos veciños de Lousame, por unha liña recta que une o piquete nº 70 cun punto situado sobre a liña que vai do piquete nº 24 ó 25.

(Seguindo a numeración por piquetes do deslinde do monte Pedrouzos, nº 178 do CUP). Leste: co río de San Fins, desde o punto intermedio ós piquetes 24 e 25 ata o nº 28; con propiedades particulares e monte dos veciños de Silvarredonda desde o piquete nº 28 ó nº 38 seguindo a orde de piquetes do deslinde do monte Pedrouzos. Sur: con propiedades particulares dos veciños de Gandarela desde o piquete nº 38 ó 53 seguindo a orde de piquetes. Oeste: con propiedades particulares desde o piquete nº 53 ata un punto intermedio entre os piquetes n, 55 e 56; deste punto e ata o piquete nº 66 sepárao do monte dos veciños de Filgueira o río Gandarela, e de novo con piñeiros de propiedade particular desde o piquete nº 66 ó 70 seguindo a orde de piquetes.

2º Resultando que, á vista da tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 16-9-92, acordou inicia-lo oportuno expediente, nomeándose como instructor del a Ramón Olano Calleja, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Noia, oíndose a tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde presidente do Concello de Lousame, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 113 de 16-6-1993), taboleiro de anuncios do concello, Cámara Local Agraria e lugares de costume.

3º Resultando que os veciños de Gandarela fundamentan a súa petición perante o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man, Común no aproveitamento desde tempos inmemoriais de madeiras, esquilmos, leñas, na práctica de cultivos na forma e modo que por costume o fan os labregos e nos aproveitamentos de pastos en réxime extensivo, presentando acta de manifestacións na que os maiores do lugar alegan tal condición.

Contra esta petición non se formulou reclamación perante o xurado durante todo o período de instrucción do expediente.

4º Resultando que na tramitación das presentes actuacións se cumpriron as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ámbolos dous da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables no caso.

Vistos os preceptos das disposicións citadas e demais de xeral aplicación.

1º Considerando que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer do presente expediente en virtude do disposto nos arts. 9 e 10 da Lei da Comunidade Autónoma de Galicia 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

2º Considerando que, de conformidade co contido

do art. 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños de Gandarela, parroquia de Lousame, concello de Lousame, son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

3º Considerando que o monte debe reuni-las seguintes características: 1) Pertenza a agrupacións de veciños na súa cualidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) Que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros: 3) Que os veciños comuneiros residen habitualmente con «casa aberta» dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveiten o monte (arts. 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do regulamento do 4 de setembro de 1992).

4º Considerando que das actuacións que forman parte do expediente, e en especial da comprobación do que se expresa no 3º resultando, se deduce de forma indiscutible que no presente caso nos encontramos cun monte pertencente á comunidade veciñal do lugar de Gandarela, parroquia de Lousame, no que se cumpren os aludidos requisitos, non producíndose contradicción ningunha durante o trámite de instrucción do expediente.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, nesta data.

Acorda cualificar como monte veciñal en man común, da comunidade veciñal de Gandarela, parroquia de Lousame, concello de Lousame, o denominado Gandarela, cos lindeiros, superficie e características que resultan do primeiro resultando. Así mesmo, acórdase excluí-lo declarado do inventario de bens do concello e do catálogo dos de utilidade pública, se neles estiver inscrito, incluíndoo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación de Agricultura, Gandería e Montes da Coruña.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados a partir do día seguinte ó de publicación da presente resolución, segundo a ata agora vixente Lei de procedemento administrativo.

A Coruña, 13 de decembro de 1994.

Manuel Puente Araújo

Secretario

Vº e Pr.

Rogelio Aramburu Núñez

Presidente do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común