Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 22 de marzo de 1995 Páx. 2.137

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 2 de marzo de 1995 pola que se convoca a novena edición do Premio Xunta de Galicia para traballos de investigación científica sobre drogodependencias.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, dentro da programación establecida no marco do Plan Autonómico sobre Drogodependencias, convoca premios de investigación co fin de estimula-lo estudio científico das drogodependencias e obter pautas de actuación futura neste campo e que especialmente sexan de aplicación en Galicia.

Ó igual que en anos anteriores, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais procede así a facer públicas as bases polas que se convoca a novena edición do premio Xunta de Galicia para traballos de investigación científica sobre drogodependencias.

En consecuencia, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais convoca a novena edición do Premio Xunta de Galicia para traballos de investigación científica sobre drogodependencias, de acordo coas seguintes

BASES

Primeira.-O tema versará sobre traballos de investigación dentro do campo das drogodependencias.

Segunda.-1ª. Poderán optar a este premio tódolos profesionais do Estado español.

2ª. Valoraranse especialmente:

a) Os traballos referidos á problemática do consumo de drogas ou drogodependencias na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os traballos que supoñan unha aplicación práctica dos problemas derivados do consumo de drogas ou das drogodependencias na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Os traballos realizados por equipos interdisciplinarios.

Terceira.-1ª. Cada traballo terá unha extensión mínima de 50 follas tamaño DIN A-4, excluíndo os gráficos, esquemas, debuxos, referencias bibliográficas e similares.

2ª. As referencias bibliográficas deberán cumpri-las seguintes condicións:

a) Enumeraranse por orde de aparición no texto, co número entre paréntese, incluíndose ó final do traballo.

b) Os artigos de revistas, reseñaranse na seguinte orde: tódolos autores, título do artigo na súa lingua

orixinal, nome completo da revista, ano de aparición, volume e indicación da primeira e maila última páxina deste.

c) Os capítulos de libros deberán reseñarse indicando autor ou autores da colaboración, seguido do título do capítulo, autor ou autores e título completo do libro, edición, editorial, cidade e ano, e a primeira e maila última páxina del.

d) Nas monografías: autor ou autores, seguido do título, edición, editorial, cidade e número de páxinas.

3ª. Na indicación dos autores deberá expresarse: os apelidos separados da inicial do nome por unha coma e separando cada autor por punto e coma.

Cuarta.-Cada traballo estará redactado en galego ou castelán, e acompañarase dun resumo del. Este resumo non excederá de sete follas tamaño DIN A-4 sen gráficos, esquemas, ou similares, e será encabezado por palabra clave que permitan unha rápida clasificación temática do traballo.

Quinta.-De cada traballo enviaranse oito copias nun sobre lacrado dirixido a: Premio Xunta de Galicia para traballos de investigación científica sobre drogodependencias. Comisionado do Plan Autonómico sobre Drogodependencias. Consellería de Sanidade e Servicios Sociais. Edificio administrativo San Caetano, bloque 2-2º, Santiago de Compostela. No exterior do dito sobre figurará un lema ou pseudónimo. Por outra banda, nun segundo sobre, tamén lacrado, detallaranse os nomes dos autores, indicando a súa profesión, centro de traballo e experiencia no campo das drogodependencias. En primeiro lugar sempre figurará o nome do director do traballo. No exterior deste segundo sobre reflectirase o mesmo lema ou pseudónimo empregado no primeiro.

Sexta.-A presentación dos traballos supón a plena aceptación de tódalas bases desta convocatoria.

Sétima.-O prazo para a recepción dos traballos rematará o día 30 de setembro de 1995.

Oitava.-Concederase un único premio de 1.000.000 de ptas., placa acreditativa e diploma.

Este premio irá con cargo á aplicación orzamentaria 11.01.313A.640.1, na que existe crédito suficiente.

Novena.-O premio poderá ser declarado deserto.

Décima.-O xurado estará integrado por:

Presidente: o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

Vicepresidente 1º: o comisionado do Plan Autonómico sobre Drogodependencias.

Vicepresidente 2º. A subdirectora xeral de Atención Especializada do Servicio Galego de Saúde.

Vocais:

-Un representante do Plan Nacional sobre Drogas.

-O xefe do Servicio de Asistencia, Formación e Investigación do Comisionado do PAD.

-O xefe do Servicio de Saúde Mental do Servicio Galego de Saúde.

Secretario: un técnico do Comisionado do Plan Autonómico sobre Drogodependencias nomeado polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

Undécima.-A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais reserva para si o dereito de publica-lo traballo gañador do premio, do que adquirirá a súa propiedade. Poderá, así mesmo, colaborar na publicación dos traballos non premiados dependendo do seu contido e interese.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 1995.

José M. Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais