Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 22 de marzo de 1995 Páx. 2.132

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 8 de marzo de 1995 sobre axudas á promoción e comercialización de productos agrarios e agroalimentarios galegos.

Na actualidade, existe un marco normativo constituído polo Decreto 113/1987, do 14 de maio (modificado polos decretos 157/1988, do 9 de xuño, 219/1989, do 5 de outubro, e 393/1990, do 19 de xullo), sobre axudas ás industrias agrarias en Galicia e á comercialización e promoción de productos agrarios galegos, no que se establece o marco xeral para o desenvolvemento das actuacións encamiñadas a favorece-la promoción e a comercialización dos productos agroalimentarios galegos. O Decreto 69/1988, do 10 de marzo, pola súa banda, regula a denominación «producto galego de calidade», que trata de garanti-la calidade e orixe dos productos tradicionais do sector agroalimentario de Galicia, tipificalos, e fomenta-la súa industrialización na mesma comarca de orixe, tarefas que fundamentan o artellamento de axudas suplementarias ós sectores acollidos ou que pretendan acollerse á devandita denominación, coa vontade de concederlles unha atención prioritaria.

Por todo isto, de acordo co disposto no artigo 30.1.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e de normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1.-Obxecto.

As axudas que o Decreto 113/1987, do 14 de maio, modificado polos decretos 15711988, do 9 de xuño,

219/1989, do 5 de outubro, e 393/1990, do 19 de xuño, establece para a promoción e mellora da comercialización dos productos agrarios e agroalimentarios galegos instrumentaranse no exercicio orzamentario de 1995 de acordo co establecido na presente orde.

Artigo 2.-Actividades subvencionables e beneficiarios.

1) Considéranse subvencionables os investimentos, excluídos impostos recuperables, realizados nas seguintes actividades, sempre que se inicien dentro do exercicio orzamentario de 1995.

1.a) Promoción e mellora da comercialización.

-As campañas xenéricas de promoción de productos agrarios e agroalimentarios galegos promovidas por órganos rectores e consellos reguladores de productos con indicativo específico de calidade, así como por cámaras de comercio e agrupacións de productores e de industrias agrarias.

-Excepcionalmente, tamén serán subvencionables as campañas e programas específicos de promoción e mellora da comercialización, promovidos conxuntamente por empresas do sector non vinculadas accionarialmente. Neste caso, e se a agrupación de empresas ten carácter informal, a solicitude pódea facer calquera das empresas promotoras por acordo de todas elas.

1.b) Feiras e certames comerciais.

-A organización de feiras e certames do sector agrario e agroalimentario en Galicia, excluída a concernente a concursos, exposicións e feiras de gando.

-A organización, polas corporacións locais ou entidades colaboradoras destas así como por asociacións relacionadas co sector agrario e agroalimentario, de festas de exaltación de productos agrarios e agroalimentarios tradicionais galegos, cando estas se celebren en zonas de producción e comercialización tradicionais do producto que se quere exaltar.

-A participación en feiras e certames comerciais do sector agrario de productores e industrias agrarias galegas así como das súas agrupacións.

1.c) Estudios.

-Os que teñen como obxectivo a consecución dunha denominación ou marca de calidade para un producto ou grupo de productos agroalimentarios galegos.

-Os de investigación e prospección de mercados e de mellora do proceso de comercialización de productos agrarios e agroalimentarios galegos, incluíndo os de conxuntura, perspectivas e evolución do sector que incidan no aspecto comercial.

-Os constituídos por viaxes de información en España e o estranxeiro que teñan como obxectivo o coñecemento de sectores de interese.

-A organización de xornadas técnicas para o estudio de productos ou subsectores de interese no ámbito agrario e agroalimentario de Galicia.

En tódolos casos admítense como solicitantes os consellos reguladores, órganos rectores, asociacións e agrupacións de productores e de industrias agrarias, incluídas as agrupacións informais destas últimas.

1.d) Programas.

-Os que teñan como obxectivo o fomento da normalización, tipificación e mellora da calidade dos productos agrarios e agroalimentarios galegos.

-Programas de control da calidade realizados ós productos con indicativo de calidade.

-Programas de mellora de calidade e xestión integral da calidade en industrias agrarias dirixidos a obte-la certificación de cumprimento das normas ISO-9000.

Poderán ser beneficiarios neste apartado os consellos reguladores así como as industrias agrarias e as súas agrupacións ou asociacións.

2) Para os efectos da presente norma, considéranse productos agrarios e agroalimentarios galegos aqueles nos que a materia prima sexa polo menos nun 75% de orixe galega e elaborados por industrias radicadas en Galicia.

3) Poderase solicitar axuda para a realización de varias das devanditas actividades nun único expediente sempre que exista unha unidade de obxecto en todas elas.

Artigo 3.-Contía das axudas.

A contía das axudas, que terán o carácter de subvención directa, queda establecida como segue:

1) Campañas de promoción de productos agrarios e agroalimentarios galegos:

1.a) No caso de productos acollidos a unha denominación de calidade recoñecida: ata o 75% do investimento.

1.b) R estantes actividades: ata o 50% do investimento.

Esta porcentaxe poderase ver incrementada cun 10% adicional por cada unha das seguintes condicións, sen superar nunca o 70% do total:

-Para produccións de áreas de montaña.

-Se é promovida por cooperativas ou sociedades agrarias de transformación, ou por sociedades mercantís doutro tipo, con participación maioritaria de asociacións de productores.

1.c) Nos casos excepcionais derivados de problemas ocasionados por situacións manifestamente anómalas nos mercados de productos agrarios, a xuízo da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, poderanse supera-las anteriores porcentaxes.

2) Feiras e certames comerciais:

2.a) Festas de exaltación de productos agrarios e agroalimentarios tradicionais galegos, organizados por corporacións locais e entidades colaboradoras destas.

-Ata un 30% dos gastos en acondicionamento do recinto, promoción, publicidade, concursos e conferencias, co límite máximo de 1.000.000 (un millón) de pesetas.

-Ata un 10% do resto dos gastos relacionados co obxecto da exaltación, cun límite máximo de 100.000 (cen mil) pesetas.

2.b) Organización de feiras e certames comerciais do sector agrario e agroalimentario en Galicia: ata un 30% dos investimentos, cun límite de 25.000.000 (vintecinco millóns) de pesetas. Excepcionalmente, e para certames de carácter internacional, poderase supera-lo límite absoluto sinalado, e coas limitacións máximas indicadas no Decreto 113/87.

2 c) Participación en feiras e certames comerciais do sector agroalimentario:

-En Galicia: ata un 30% dos gastos subvencionables.

-No resto de España: ata un 40% dos gastos subvencionables.

-No estranxeiro: ata un 40% dos gastos subvencionables.

Para os consellos reguladores e organismos análogos das denominacións de calidade, incluídas as comisións xestoras provisionais, así como para as entidades asociativas agrarias, as porcentaxes sinaladas poderanse ver incrementadas ata un 10% adicional.

Neste apartado terán a consideración de gastos subvencionables os correspondentes a: gastos de stand (alugueiro do solo, decoración, etc.), traslado de productos, actividades de promoción complementarias coa actividade para a que se solicite o beneficio e gastos de ata dúas azafatas, ou ben desprazamento e aloxamento dun máximo de dúas persoas por empresa solicitante. No relativo ós gastos do persoal desprazado, a cantidade máxima subvencionable será análoga a regulamentariamente establecida para os funcionarios da Comunidade Autónoma (grupo 29º).

3) Estudios.

3.a) Os que teñan coma obxectivo a consecución dunha denominación de orixe ou marca de calidade: ata un 100% do investimento cun límite máximo de 10.000.000 (dez millóns) de pesetas.

3.b) No caso de estudios constituídos por viaxes de información, poderase subvencionar ata un 75% dos gastos correspondentes ó desprazamento e estadía dun máximo de dúas persoas por entidade participante, considerándose para tales efectos como cantidade máxima elixible a establecida para os funcionarios da Comunidade Autónoma (grupo 22º).

Con carácter excepcional, e naqueles casos en que o interese estea debidamente xustificado, a xuízo desta consellería, poderase supera-lo límite de dúas persoas a que se refire o parágrafo anterior.

Así mesmo, e en razón das dispoñibilidades orzamentarias, poderase limita-lo número de viaxes subvencionadas por entidade solicitante. A concesión definitiva da subvención estará condicionada, en calquera caso, ó cumprimento das condicións particulares que se establezan, e o seu libramento á presentación do correspondente estudio.

3.c) No caso de organización de xornadas técnicas, a subvención poderá acadar ata o 75% dos gastos cando sexan organizadas por consellos reguladores, órganos rectores das denominación de calidade e

as súas comisións xestoras provisionais, e ata o 50% no resto dos casos cun límite máximo de 10.000.000 (dez millóns) de pesetas.

3.d) Outros estudios, entre eles os de prospección de mercados para un sector ou subsector agroalimentario: ata o 75% dos investimentos, cun límite máximo de 10.000.000 (dez millóns) de pesetas.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes reserva para si o dereito de publicación e divulgación dos estudios subvencionados. A aceptación da subvención suporá a deste punto polos autores.

4. Programas.

4.a) Programas para o fomento da normalización, tipificación, mellora e control da calidade de productos agroalimentarios galegos: ata o 50% dos investimentos. Esta porcentaxe poderá chegar ó 100% no caso de programas levados a cabo por consellos reguladores e organismos análogos, comisións xestoras provisionais das denominacións ou marcas de calidade e asociacións de productores e de industrias agrarias.

4.b) Programas de mellora de calidade e xestión integral de calidade en industrias agrarias: ata o 50% dos investimentos con límite de 10.000.000 (dez millóns) de pesetas. No caso de empresas participadas maioritariamente por asociacións de productores a porcentaxe poderase incrementar ata o 75%.

Artigo 4.-Tramitación das solicitudes.

1) Os interesados deberán presentar por duplicado na delegación provincial correspondente da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, por calquera dos medios previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, a seguinte documentación:

a) Instancia-solicitude dirixida ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes segundo o modelo que se xunta debidamente cuberto.

b) Memoria explicativa dos obxectivos do investimento.

-Avaliación económica das súas vantaxes.

-Plan cronolóxico dos traballos.

-Relación de efectivos humanos e medios materiais de que se dispón.

c) Orzamento pormenorizado dos gastos previstos.

d) Declaración do solicitante sobre outras axudas solicitadas ou concedidas para os mesmos investimentos.

e) Copia da cédula NIF/CIF.

f) No caso de empresas, copia do certificado de inscrición no rexistro de industrias agrarias se procede, ou, en caso contrario, copia da escritura de constitución se se trata de sociedades inscritas no rexistro mercantil, ou fotocopia compulsada do DNI e da alta na licencia fiscal no caso de empresarios individuais.

g) No caso de agrupacións de empresas, entidades asociativas agrarias ou as súas agrupacións: copia compulsada dos estatutos e certificado de inscrición no rexistro correspondente.

A Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias poderá solicitar calquera outro documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.

2) A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes resolverá as solicitudes no presente ano, por proposta da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias, en función das súas dispoñibilidades orzamentarias e tendo en conta os criterios de valoración prioritarios seguintes:

-Productos elaborados con materias primas producidas en Galicia.

-Productos amparados por algún indicativo de calidade.

-Mellora da calidade e comercialización dos productos.

-Beneficio ós productores de base.

As solicitudes que non obteñan resposta no devandito prazo entenderanse desestimadas.

3) A concesión da subvención poderá condicionarse ó cumprimento por parte do solicitante de obxectivos empresariais.

4) Unha vez recibida a comunicación da concesión de axuda, o beneficiario terá que remitir no prazo de dez días hábiles a súa aceptación das condicións especificadas na resolución de concesión. En caso contrario considerarase que renuncia a ela e quedará sen efecto tal concesión.

Artigo 5.-Tramitación do pagamento das axudas.

Poderase realiza-lo pago de cada unha das actividades enmarcadas dentro dun expediente de forma independente sempre que os gastos estean debidamente xustificados e as actividades estean finalizadas.

Executados os investimentos, o beneficiario presentará por duplicado na delegación provincial correspondente a seguinte documentación:

1) Xustificantes dos investimentos efectuados. Logo de presenta-las facturas orixinais para realiza-la toma de razón, entregarase fotocopia acompañada da relación de facturas. No caso de corporacións locais e investimentos por un importe non superior a 500.000 (cincocentas mil) pesetas, considérase xustificación abonda un certificado da corporación, asinado polo secretario ou interventor co visto e prace do alcalde, onde se faga constar que o gasto efectuado corresponde co investimento orzado.

2) Declaración do beneficiario sobre outras axudas concedidas para os mesmos investimentos.

3) Acreditación formal do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, así como acreditación expedida pola Dirección Xeral do Tesouro de non ter débedas pendentes de pago coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

4) Conxuntamente coa documentación relacionada nos anteriores apartados, os solicitantes deberán presentar:

4.a) No caso de asistencia a feiras e certames: certificado de asistencia asinado polo comité organizador ou responsable do certame.

4.b) No caso de estudios que inclúan viaxes: memoria descritiva e detallada da viaxe realizada, así coma un informe das conclusións obtidas.

4.c) No caso de xornadas técnicas: memorias destas, incluíndo un resumo dos relatorios e as conclusións obtidas.

4.d) No caso de programas: memoria das actividades realizadas e valoración do desenvolvemento do programa e dos resultados obtidos.

4.e) No caso de campañas de publicidade: un exemplar de cada un dos elementos integrantes na campaña (carteis, folletos, anuncios, etc.).

4.f) No caso de actividades de promoción complementaria en certames comerciais, presentarase un exemplar de cada un dos elementos integrantes da actividade de promoción.

5) Copia de cédula NIF/CIF, ficha de domiciliación de pagos e escritos da entidade bancaria acreditando a apertura de conta a nome do beneficiario.

En calquera fase do proceso de tramitación, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá solicitarlle ó interesado as aclaracións e xustificacións oportunas con respecto ós datos da documentación presentada.

Artigo 6.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes desde a data de entrada en vigor da presente orde.

Artigo 7.-Especialidades na execución dos investimentos.

As resolucións de concesión de subvención establecerán o prazo máximo de xustificación dos investimentos. Sen prexuízo do sinalado no artigo 10 do Decreto 113/1987, poderase conceder, a pedimento do interesado debidamente xustificado, e sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan, unha ampliación do prazo de execución dos investimentos. No caso de reducción de contía dos investimentos, sen menoscabo dos obxectivos iniciais, a subvención verase reducida na contía proporcional correspondente.

Artigo 8.-Compatibilidade.

As axudas concedidas a través da presente orde serán compatibles con calquera outra ata o límite máximo do 100% dos investimentos, especificándose en cada resolución individual a súa máxima compatibilidade.

Disposición adicional

O aboamento das subvencións fixadas pola presente orde establecerase con cargo ós conceptos orzamentarios 615-A (regulación das produccións e de mercados agrarios), 760.00 (14.123.600 pts.), 760.03 (6.646.400 pts.), 770.00 (87.500.000 pts.), 770.03 (162.500.000 pts.), 780.00 (50.000.000 pts.) e 780.03 (50.000.000 pts.) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 1995.

Disposicións derradeiras

Primeira:

Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias para dicta-las disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda:

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 1995.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes