Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 21 de marzo de 1995 Páx. 2.109

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 22 de febreiro de 1995, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Frigoríficos de Galicia, S.A. (FRIGALSA).

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Frigoríficos Galicia, S.A. (FRIGALSA), instalada na provincia de Pontevedra, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 21-2-95, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social polo Comité de Empresa, o día 7-2-95. De conformidade co disposto no artigo 90, 2 e 3, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1.040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2.412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da provincia de Pontevedra,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inserición no Libro de Rexistro de Convenios Colectivos de Traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da Comisión Negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Tereciro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

En Vigo, vintedous de febreiro de mil novecentos noventa e cinco.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo Frigalsa para 1994

Artigo 1º. Ámbito de aplicación. Este convenio regulará as condicións laborais e económicas da empresa Frigoríficos de Galicia, S.A. (Frigalsa), afectando a tódolos traballadores que actualmente prestan os seus servicios nela, así como aqueles que sexan admitidos posteriormente, coa aclaración indicada no art. 4º.

Artigo 2º. Vixencia e duración. O presente convenio entrará en vigor o 1º de xaneiro de 1994 e rematará o 31 de decembro do mesmo ano, sendo prorrogado se non existise denuncia expresa por algunha das partes, con dous meses de antelación ó seu vencemento.

Artigo 3º. Condiciones absorbibles. Terán carácter de absorbibles e compensables en cómputo anual coas condicións aquí establecidas, as melloras económicas e sociais que por calquera disposición e durante a vixencia deste convenio, puidesen establecerse.

Artigo 4º. Xornada de traballo. A xornada afectiva de traballo para todo o persoal da empresa será de 1.800 horas anuais, distribuídas de luns a venres na xornada partida das 8 ás 13 e das 15 ás 18 horas, a excepción do novo persoal que poida contratarse a partir do 1º de xaneiro de 1987; o horario será a convir entre a empresa e o novo traballador. A xornada semanal tipo será de 40 horas ou aquela que se acorde nos traballos a quenda.

Artigo 5º. Vacacións. O descanso anual retribuído será de 30 días naturais, entre os que, polo menos, 21 serán laborables, entendendo como tales para estes efectos os que non sexan sábados, domingos nin festivos. O seu desfrute realizarase, preferentemente, no período estival e segundo as necesidades de traballo na empresa, efectuándose dentro do persoal unha quenda rotativa en canto á prioridade de solicita-la época do seu desfrute.

A empresa publicará o cadro de vacacións de todo o persoal no mes de febreiro de cada ano e entregaralle unha copia del ó comité de empresa. A retribución do período de vacacións consistirá na totalidade do soldo percibido no mes anterior a excepción das horas extras e o plus de transporte.

Artigo 6º. Licencias. A empresa concederalles obrigatoriamente licencia ós traballadores que o soliciten e o xustifiquen debidamente, sen perda nin prexuízo na retribución nos seguintes casos:

a) Matrimonio, quince días.

b) Nacemento de fillos ou enfermidade grave do cónxuxe, pais e fillos, dous días, todo isto ampliable a tres días máis se se xustifican debidamente a súa necesidade sen retribución.

c) Falecemento de cónxuxe, pais, fillos e irmáns (consanguíneos ou políticos), tres días; dos demais parentes, un día.

d) Por traslado de domicilio habitual, dous días.

e) Matrimonio de fillos ou irmáns, un día.

f) A empresa poderá concederlles permisos non retribuídos ós traballadores que o soliciten e sempre que as esixencias do servicio así o permitan.

Artigo 7º. Antigüidade. Pagarase por cuadrienios a razón do 6% do salario base do convenio. Coa excepción de que o aumento que experimentarán os importes dos cuadrienios xa devengados por todo o persoal ata o 31-12-94, será do 1,1/2%, en vez do 3% que lle correspondería de se aplica-lo indicado no parágrafo anterior.

Artigo 8º. Vestiario. A reposición do vestiario do persoal será anual e efectuarase no mes de setembro de cada ano. En canto ó persoal fixo-discontinuo, entregarase a roupa de traballo cada vez que realizase o total de xornadas correspondentes ó ano de traballo (225 xornais).

Artigo 9º. Pagas extraordinarias. As pagas extraordinarias serán de tres no ano da contía, cada unha, de 30 días naturais do salario real máis a antigüidade

e devengaranse no 15 de marzo, 15 de xullo e o 15 de decembro de cada ano.

Artigo 10º. Plus de transporte a distancia. Establécese un plus de transporte e distancia na contía total de 163 pesetas por día efecctivo de traballo.

Artigo 11º. Complemento prestacional. A empresa complementará ata un cen por cento a prestación correspondente á Seguridade Social, nos supostos de incapacidade laboral transitoria, derivada da continxencia de accidente de traballo e enfermidade profesional.

Así mesmo, a empresa complementará ata un cen por cento a prestación correspondente á Seguridade Social a aqueles traballadores que sufrisen unha intervención cirúrxica e o acrediten debidamente.

Artigo 12º. Horas extraordinarias. Ante a grave situación de paro existente e co obxecto de facilita-lo emprego, quedan suprimidas as horas extraordinarias habituais.

Exceptúase da norma anterior:

a) As horas extraordinarias esixidas pola reparación de sinistros ou outros danos extraordinarios e urxentes, así como os casos de risco e perda de materias primas e terminación de tarefas de carga e descarga de productos perecedoiros, neste caso, igualmente por causa extraordinaria non habitual, cun tope máximo de unha hora diaria, será de obrigada realización.

b) As horas extraordinarias que teñan causa en pedidos ou períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estructural derivadas da natureza perecedoira das materias de que se tratan así como a subministración de xelo ós barcos pesqueiros, manterase sempre que non caiba a utilización das distintas modalidades de contratación temporal ou parcial previstas nas disposicións xerais.

A dirección da empresa informará mensualmente ó comité de empresa, ós delegados de persoal e delegados sindicais sobre o número de horas extraordinarias realizadas, especificando as causas e, se é o caso, a distribución por seccións. Así mesmo,

en función desta información e dos criterios anteriormente sinalados, a empresa e os representantes dos traballadores determinarán o carácter e natureza das horas extraordinarias. En aclaración do concepto de hora estructural que contén o A.I., serán consideradas como tales: as esixidas para a reparación de sinistros ou outros danos extraordinarios, as necesarias que cumpra realizar ante un risco de perda de materias primas e terminación de tarefas de carga e descarga de productos perecedoiros; e as necesidades para atender a períodos punta de producción.

Artigo 13º. Valor das horas extraordinarias. O valor de cada hora extraordinaria será de 1.105 ptas., agás as traballadas en sábados e festivos, que será de 2.028 ptas. A partir das 22 horas, as horas extraordinarias terán un valor de 2.535 ptas. nos sábados e festivos, e de 1.382 ptas. nos restantes días.

Artigo 14º. Revisión médica. A empresa porá a disposición de todo o persoal unha revisión médica anual.

Artigo 15º. Descanso de bocadillo. Todo o persoal terá dereito a un descanso retribuído de 10 minutos, comprendidos entre as 10 e as 11 horas de cada día, sendo este descanso distribuído polos encargados das seccións correspondentes.

Artigo 16º. Comisión paritaria. A comisión paritaria está formada, en canto á empresa, por Teófilo Ceniceros Gallego; Teodoro Gómez Puente e José Riobó Campos, e por parte dos traballadores, por Enrique Álvarez Davila, Juan Carlos Sobrido Valverde e Anselmo González Domínguez.

Artigo 17º. Asinan o presente convenio, por parte da empresa, Teófilo Ceniceros Gallego (director xeral); Teodoro Gómez Puente (subdirector xeral); José Riobó Campos (director administrativo), Adolfo Viéitez Davila (xefe de planta) e Jacinto Salvador Fernández (xefe de sección). Por parte dos traballadores, Luciano Villar Rodríguez, Pedro Silveira Santorio, Alfredo Buyo Rivas, Juan Carlos Sobrido Valverde, José Alén Rozados e José Fernández González, todos eles membros do comité de empresa Frigalsa.

Vigo, febreiro de 1995.